O Concello do Carballiño vén de iniciar o proxecto de renovación e mellora das calzadas do barrio de Flores. A intervención, orzamentada en 50.000 euros, inclúe a modernización da rede de abastecemento e saneamento, así como a pavimentación das rúas con novas laxas.
“O obxectivo é homoxeneizar o pavimento das rúas e cambiar e modernizar as tubaxes subterráneas, é unha mellora importante para a veciñanza”, detalla José Castro-Gil, alcalde en funcións. Nesa liña, recorda as constantes avarías no saneamento e abastecemento, provocadas pola antigüidade das redes.
Por agora, os traballos están levándose a cabo na parte baixa da rúa Azucena, para continuar a próxima semana na parte alta. “Esta é a primeira fase da intervención, nunha segunda fase realizaremos as melloras no resto do barrio”, indica Castro-Gil.

















