Carmen Rodríguez Dacosta do grupo socialista acusa á Xunta de falla de planificación e coordinación na defensa do monte

Rodríguez Dacosta censura o “incumprimento” de Medio Rural das recomendacións dos expertos asumidas polo Parlamento a raíz da vaga de lumes de 2017

A voceira socialista chama a un “reparto axeitado” dos medios de loita existentes na comunidade autónoma

AVANTAR ACTIVIDADES

A voceira de Medio Rural do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou á Xunta de “falla de planificación e coordinación” na defensa do monte. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Agricultura do Parlamento, a través dunha pregunta ao goberno galego.

Despois do incendio de Ribas de Sil que arrasou máis de 1.600 hectáreas “nun dos ecosistemas de maior valor etnográfico no conxunto de Galicia”, a responsable socialista censurou o “incumprimento” por parte da Consellería de Medio Rural das recomendacións dos expertos aprobadas e asumidas polo Parlamento de Galicia no ano 2019, a raíz da vaga de lumes de outubro de 2017.

Ao fío disto, Rodríguez Dacosta lamentou que Medio Rural non realice un “reparto axeitado” dos medios de loita existentes na comunidade autónoma conforme á situación actual e que permita un axuste segundo a incidencia dos lumes por comarcas e distritos.

De feito, a socialista incidiu en que os expertos “xa advertiron dunha forte distorsión ou descompensación no reparto actual das brigadas”, como ocorre en Ourense, unha provincia que, “malia presentar o 41% dos lumes e o 59% da superficie total queimada en Galicia nos últimos dez anos, o reparto de brigadas proposto pola Xunta atribúe á provincia unicamente o 30% das brigadas existentes”.

Neste senso, lamentou a falla de cobertura de prazas vacantes e de baixas de longa duración, especificamente no distrito forestal XV que é de alto risco que conleva que Galicia dispoña dunhas “brigadas moi mermadas”. Así, lamentou tamén que “nalgúns distritos existen prazas vacantes sen cubrir dende hai dous anos”.

Con todo, Rodríguez Dacosta censurou que o goberno galego non elaborase o mapa de riscos asociados aos incendios forestais no último ano nin os plans de ordenación territorial.

Finalmente, a voceira socialista instou ao goberno galego a replantexar o modelo de gasto co obxectivo de realizar un “reparto axustado” no que se incida na prevención e, non como ata o de agora cando, aproximadamente, un 80% do gasto se inviste en extinción.