O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


 A terceira entrega desta andaina polas parroquias do Irixo corresponde á Cidá. A imaxe que nos introduce pertence ao popularmente coñecido como “Voo Americano” que nos serve de presentación da parte máis oriental da parroquia, ou máis ben do que é a estrema con respecto á do Campo. A razón de que sexa así vén dada pola necesidade de mostrar o que é un dos vestixios arquitectónicos máis antigos e dos máis populares no concello desde cando xa os arqueólogos e historiadores da Xeración Nós se fixeron eco da súa existencia no primeiro terzo do século XX. Referímonos ao Castro de Orros, ás veces confundido co castro da Cidá. Este último acaroado á reitoral e igrexa parroquial, despois de que os dous edificios e os “diestros” absorbesen case na súa totalidade o que foi o castro.

AVANTAR ACTIVIDADES

Con respecto ao da Cidá, digamos que é o proceso de transformación comunmente estendido de que os antigos recintos amurallados,(castrum)de orixe celta, habitualmente asentados nos cumes dos montes, se fosen adaptando ás imposicións da nova cultura romana.O que dá lugar a sentamentos ou “civitates” (Cidades/Cidás) nas abas ou nos vales próximos, esquecendo os ritos pagáns e incorporándose á cristianización.Así, podemos entender a estreita relación entre o antigo castro da Cida e a igrexa parroquial.Na actualidade, as pegadas dos dous castros xa practicamente non se poden contemplar; de aí a imaxe de enriba no que na década dos cincuenta, e tendo en conta que a vexetación espontánea non o invadía todo -como no hoxe-, si permitía aínda visualizar  este asentamento.

Polo demais, e tendo en conta que nos atopamos nun dos linde entre a parroquia da Cidá e a do Campo, e que historicamente pertenceron a dúas xurisdicións distintas: O Campo á de Orcellón e a da Cida,á de Pazos de Arenteiro e á de Orcellón (un número de veciños eran súbditos do Conde de Monterrei e outros da Encomenda de San Xoán de Pazos de Arenteiro), ten provocado algúns desencontros entre o vecindario dunha e outra parroquia.Así, foi moi sonado un longo proceso[1] (hai documentos que o acreditan desde comenzos de 1700 ata ben avanzado o 1800) que se librou entre os veciños de Orros, Paredes,Xirei, Valdesoiro e Nabás, cos da Ponte e Irixe (daquela Irijo de arriva,Irijo de avajo, (fra. de Sta. Mª del campo y San Pedro de Dadín) , con respecto ao aproveitamento das augas que veñen da parte de Nabás e da parte do Bruñedo e van ata o regato Liñares, e despois forman “o rio Liveire”, unha tapacuña que foi medio derrubada polos da Ponte que ía regar á  Coruxa e a Orros, que aínda na actualidade se conserva baixo un nome ben transparente como “A Levada”.Topónimo este que fai referencia na súa forma abreviada a “Auga Levada” ou “Golbada”,como eran popularmente coñecidas as presas que eran imprescindibles para a rega, que incluso foi recollida na onomástica en apelidos com “Agualevada” e microtopónimos como “Golbada”.


[1] X.Dobarro Ferradás:O Irixo.Patrimonio cultural.(paxs.:48-54)Tórculo Edicións,2020.Vigo.

A conflitividade non se reduciu tan só ás augas, porque no ano 1867 cando o bispado pretende agregar algúns lugares do Campo a Dadín e á Cida, o vecindario opúxose radicalmente e finalmente  todo volveu ao estado inicial.

A imaxe anterior sobre a demarcación entre a Encomenda de San Xoán de Pazos de Arenteiro,a de Orcellón e o Couto de Corneda corresponde ao ano 1779 do partido de Reádegos (2) , que, ademais desta parroquia incluía as de Parada e A Cidá.Neste caso corresponde á estrema con Froufe, e a continuación describe outros lindes como: “se dividen una de la otra (Pazos-Orcellón) desde el Coladillo de Parada laviote bajando por el Lombo del monte das Tercias asta donde el molino de Paredes que es de los Vecinos del lugar del mismo nombre, y de alli coge porla Xigª? de la Ciudad avaxo hasta llegar al Puerto y molino de Baldesoyro llamado por otro nombre de los Cobelas y de alli sigue por el Rio arriba asta dar en el Puerto y Puente da Condumiña que oy se nombra del Irixo”. (Enténdase neste caso que se está a incluír a parroquia de Dadín que formaba parte da Encomenda de Pazos)

(2) Apeo do Partido de Santa Olaia de Reádigos.Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

      A CIDÁ, MERGULLO DE NATUREZA VIRXE

Con respecto á demarcación podemos recoller  o que xa quedara patente na descrición facilitada en 1850 polo Diccionario Madoz : “al Norte felig.de Froufe y Campo; por el E. las de Reádigos y Dadín, y por O.con Parada Laviote”. “Cruza por el término el rio Orros [hoxe Viñao] y a la salida de esta felg. se incorporan los riach.Liñares y Ciudad,naciendo el primero en el lugar de Navas, y el segundo en el indicado monte de Salgueiron:sobre el espresado r. hai un puente de madera”.Esta ponte debe corresponder coa que hoxe chamamos de Dezau.

Ao referírmonos á Ponte de Dezau, aproveitamos para corresponder ao título deste apartado e suliñar que por este punto, despois de deixar atrás a ladeira do monte que vén da Pena da Sela, cruzar a vía ou vindo de Santiso seguindo A Ruta dos Castros, atopamos o muíño e a ponte do mesmo nome:Dezau, para aquí cruzar o Viñao e emprender a ruta cara a Orros ou a Cidá.Á nosa esquerda deixamos os muíños e o lugar de Valdesoiro, case invisibles pola arboreda que os rodea.

Esta ruta, á que dan nome precisamente dous dos castros aos que nos referimos, ao chegar a Paredes e a medida que nos acercamos á Carballeira e reitoral da Cidá, entre abelairas, acivros, amieiros,carballos, bidueiros,castiñeiros, azoutacristos, sabugueiros e outros arbustos, a diversidade esta asegurada, así como olores e colores imposibles. A reitoral foi absorbida pola vexetación, ata converterse nunha especie de pantasma verde, a igrexa e o cemiterio acollen algunhas mostras interesantes de arquitectura funeraria (panteóns de canteiros locais), no seu interior unha escultura curiosa, disque coñecida polo nome de “A Dama da Cidá” do XIX.

Forno no interior da reitoral
Ponte de Dezau e muíño do mesmo nome(ao fondo en ruínas)
Entrada principal á reitoral.(Cando falamos de vexetación espontánea,bosque de ribeira,  referímonos a algo semellante a isto, ou o que está a pasar coa maior parte delas convertidas en “casaseto” ou ruínas).

Non sei se sabe, amable lector/-a, que a contorna da igrexa parroquial que estamos a describir é un espazo completamente illado con respecto aos lugares que constitúen a parroquia. Diría eu que máis ben semella o lugar ideal como retiro monacal ao estilo de moitos mosteiros.O seu isolamento propiciou que xa desde mediados do século pasado a reitoral fose abandonada polo párroco José Loureiro Quiroga, quen trasladou a súa residencia a un lugar máis solleiro en Orros, onde construiría a súa “Villa JO-LOU-QUI.1962”, un “campanile” cuxa inscrición reza: “AVENIDA Nª SEÑORA DE LOURDES”, con capela adxunta de advocación da mesma virxe, en parte levantada sobre a  mesma rocha e, a continuación a vivenda.

Cruceiro e igrexa parroquial da Cidá (2020)

Os diestros da parroquia esténdense ao redor da igrexa nunha grande superficie, con abundante auga, monte, carballeira,prado e labradío que, nos anos oitenta do pasado século, foran aproveitados para pasto dunha manda de cabalos e máis tarde para cultivo de frambosa -aínda quedan plantas por alí-, sendo párroco Simón Mandianes que xa por aquel entón rexentaba varias parroquias do concello (O Campo, Cusanca…).

Capela da Virxe de Lourdes en Orros (1962) [2020]

Este conxunto “arquitectónico” de capela,”Villa”,avenida e vivenda  non deixa de resultar curioso e ao mesmo tempo -baixo o meu punto de vista- dunha vergonzosa vaidade impropia dun párroco que, por un lado predicaba a pobreza e a humildade e, por outro, tiña dado mostras de soberbia e de  nepotismo.

O maís orixinal non é este conxunto senón un tipo de cruceiro ben singular, sito enfronte daqueles, no que figura a data de 1931 co nome de Juan Lamas, con motivos eclesiásticos e coa mesma inscrición que tamén consta no frontis da capela: Alfa e Omega.

Nesa mesma ruta dos castros tamén se nos propón achegarnos ata o lugar de Valdesoiro que,medio suspendido no terreo, mirou ao Viñao mentres foi visible e aos muíños de Lucas, do Valente e do Fondo desde ben antigo e, máis modernamente os de Julio Subirol, que aínda moeron ata ben entrados os anos setenta do pasado século.

Á igrexa parroquial pódese acceder,ou ben pola porta lateral ou outra frontal na que figura a data de 1897 de colocación das cancelas que preceden o adro. O cemiterio, con algúns panteóns da feitura de Jesús González de Saavedra, conserva moitas lápidas con apelidos que corresponden ao que foi fundador da estirpe familiar baseados no lugar de procedencia (Subirol, Valdesoiro,Silvares, etc). A todo isto, temos que suliñar que aquí está enterrado Emilio Duro Peña (1919-1995), a que se pode considerar como a persoa que ten a obra máis densa en canto a investigación de todo o concello do Irixo, ao que se lle debería render unha homenaxe pública,sobradamente merecida.

Neste cemiterio podía estar enterrado José López Penedo, -tamén coñecido por Liberto López- que nacera en Paredes en 1915 e foi fusilado en Barcelona en 1950, despois de ter participado en varias actuacións antifranquistas, pasar a Francia, e nun dos atentados levados a cabo en Barcelona en 1949, no que resultaron mortas dúas persoas e algún máis ferido, foi detido, xulgado por un consello de guerra e condenado a morte.Foi enterrado no cemiterio de La Pedrera en Barcelona, deixando como familia máis cercana, a muller e dúas fillas.

Polo que levamos visto, entendo que a visita a estes espazos que vimos de numerar presenta, non só interese desde o punto de vista arquitectónico polo que queda dos restos arqueolóxicos dos castros e mámoas, a igrexa parroquial e a contorna da capela en Orros,senón tamén en canto ao patrimonio natural porque o percorrido non só dá mostras sobradas do bosque de ribeira, senón que tamén atopamos algúns exemplares ben esveltos de eucaliptos ou piñeiros se seguimos a presa da Levada.

Se nos atemos á información facilitad polo Padre Sobreira contra a fin do século XVIII, observamos que no esencial pode considerarse actualizada, agás algunha salvedade con respecto ao Castro de Orros, que el considera romano, e sería anterior, ou algunha mámoa nas proximidades do Campo da Cruz ou pola parte de Pena Negra. Con respecto á xurisdición da que dependía a parroquia,xa vimos que era era de xestión mixta,compartida entre Orcellón e Pazos de Arenteiro, e considera “A Cidade” como un lugar para o que sería o igrexario, a igrexa e a casa do cura.Loxicamente, naquel entón sería así mentres foi habitada polo crego, familia e caseiros.O resto dos topónimos da parroquia son os que comprende a diá de hoxe,agás algunha desviación con respecto ao que se pode considerar normativo. Son estes os casos de Nabás, Os Casares.

ERGO-CROMOTOPÓNIMOS/SITUACIONAIS:

Queimadiña, A Canceliña, A Chousa, Val dos Esteos, A Patela, As Bigornias (53-3781), Sollal, Torrón, Xeitiños, Peza, Chavel/la, Cerrada,Penedo Redondo, Moura, Tango, Escadiñas, Leira Grande,Alargo, Verdeadeira/iña, Cancela, Talliño, O Recanto, As Cercas,Valdeadeiriña, 

Tras da Veiga, Dese Cabo, Cabo da Veiga,Covela de Riba, Sobre Barreiro, Tras da Chaira, Diante Costoira, Suapeza, Entre Valados,Chavella de Arriba, Tras os Carballiños,  Sucampo,Tras da Casa, Tras do Valado, Tras do Outeiro, Suashortas, Tras da Braña, Cima da Chousa, Fóra do Amieiro, Tras Muíño de Nabás, Cabeceiras da Regueira, Arriba do Rego/ da Chousa/ dos Bidos,

DE MOTIVACIÓN DIVERSA: Marcabán, Monte da Chora, Fieiros, O Pardiñeiro, Veiga da Fame, Batán, Coto do Castro, Castelo, Carril das Cortiñas, A Angaceira, Rozada de Cervela…  

Con este e outros múltiples exemplos que podiamos dar de todo o concello do Irixo faise realidade aquilo de que “as árbores non deixan ver os lugares”,convertendo estes en grandes “lugarsetos, con “horreosetos”, “fornosetos”,”muiñosetos”, “palleirosetos”  ou “casasetos”. Por iso,  na liña dos sabios  naturalistas que,como Joaquín Araújo, propoñen unha reinvención da expresión popular de “As árbores non deixan ver o bosque”  por  “Los árboles te enseñarán a ver el bosque[1]”, pois tamén no noso caso deberiamos reinterpretar ese pensamento en algo así como queOs lugares ensinarannos a ver o concello” para que este,anque agoniante, non se mimetice nun xigante “Irixoseto”.

Xulio Dobarro Ferradás. Vigo, Marzo2021.


[1]J. Araújo: Los árboles te enseñarán a ver el bosque. Edit. Planeta, Barcelona, 2020.


Outros artigos de Xulio Dobarro

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.