Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Amables seareiros/as destas torcidas liñas: Na colaboración anterior ameazaba cunha segunda parte sobre aquel proxecto tan ilusionante para a bisbarra do Carballiño e, en particular para O Irixo -pola parte que me toca-, sobre a inauguración da liña do ferrocarril do Carballiño a Santiago, que viña a completar o percorrido desde Zamora á Coruña.

Base de mantemento do ADIF,o novo trazado (2011) e a estación vella (1958)

Pois ben, despois daquelas breves notas introdutorias sobre a evolución da implantación das diferentes liñas en España e en Galicia, centrabámonos na análise un pouco máis detallada sobre a que foi a data “gloriosa” do día 8 de setembro de 1958 e algúns antecedentes sobre o que foi a construción desta liña e de maneira especial sobre as persoas que fixeron posible esta obra magna, á marxe das consideracións e circunstancias políticas que concorreran nela.

Así, e como puidemos ver por algunhas das imaxes que acompañaban o texto, a paisaxe tiña mudado, e moito, sobre todo na contorna da estación do Irixo cando foi do trazado que se estreaba ese día, e, moito máis aínda coa nova liña inaugurada en 2011.Aí podemos ver como o treito que vai desde O Abanico á Estación, sen a penas rastro da estrada e os umeiros que despois ían medrar polas beiras, eran terreos de cultivo que nas últimas décadas pasaron a converterse en urbanizables e  empezar o que poderiamos considerar como un novo núcleo de poboación de entre as Laxas e a Esfarrapa [Quizais vai sendo hora de pensar nun novo núcleo de poboación, O Abanico, en contra da tendencia maís estendida da extinción doutros moitos lugares].

PUBLICIDADE ELECTORAL

Vexamos, unha vez máis, o que, tamén para a prensa da época, resultaba algo prodixioso, segundo unha reportaxe publicada polo xornal (Tiular)“ La Noche”[1] de Santiago: “Cien Kilómetros en moto siguiendo la nueva ruta” .Entre Santiago y Carballiño hay nueve estaciones.Todas ellas disponen de viviendas para los empleados”

 Con certa resignación e á vez con  humor, o cronista, Máximo Sar, inicia o seu relato con estas palabras: “Cien kilómetros en moto, haciendo de “paquete”, dejan a uno para una concienzuda revisión médica”. Pero de esto me percaté al cabo del viaje, porque cuando rodábamos por el Castiñeiriño [Santiago] con Brey en la dirección nos embargaba a ambos esa nerviosa euforia que ataca al ánimo en vísperas de aventura y no pensábamos absolutamente en ningún género de incomodidades.”

 Xa lanzados á  “aventura” van realizando paradas e describindo as estacións que desde A Susana, pasando por Vedra, Bandeira, Silleda, Lalín, e A Xesta (San Juan), onde di que a partir de aquí: “El paisaje impresiona por su desolación. Hasta donde alcanza la vista no hay más que monte pelado.en interminable marejada de suaves lomas, de mayor o menor altura,por entre las cuales se desliza la carretera, escondiéndose y reapareciendo” [ ]

Cando deben estar na estrema entre a provincia de Ourense e Pontevedra, no punto coñecido como A Cruz da Grade, e despois de recomendarlle ao condutor que mirase para diante:

“Realmente ya valía la pena mirar hacia delante.Estábamos llegando a Irijo y los primeros pinares nos enviaban su brisa sana y perfumada a modo de salutación de bienvenida. Enfilamos una avenida  de abedules [foron secando e outros fixéronos secar os estremeiros]  y llegamos a la estación . “La estación posee ocho vías -5 de circulación y tres comerciales- y puede presumir de placa giratoria y aguada. Pero lo que encanta es la casa, construida de piedra tosca y techada de pizarra. Es por así decirlo una obra de capricho, en la que se consiguió un estilo tipicamente enxebre” [A aguada e a placa giratoria foron ocupadas pola nova liña do AVE; a pizarra da estación foi substituída por tella e as ventás foron tapiadas].A descrición é abondo precisa, pero, como aínda dan proba da súa existencia hai algúns outros motivos para dar uso á estensa explanada que rodea a casa da estación, así, segue en pé o peirao para a carga e descarga do gando, un grande almacén e as vías secundarias para aparcadoiro de vagóns en tránsito. Hai unhas décadas, cando un madeirerio de orixe portuguesa mercara os mellores castiñeiros do concello foi utilizada a explanada como punto de almacenaxe].

Vivendas da RENFE  na estación do Irixo.Na actualidade adquiridas por particulares

https://www.facebook.com/watch/?v=917081911664799 (NODO:inauguración)

Os eloxios non serían só para  O Irixo, porque, despois de só mencionar a de Boborás, guiado polo secretario e polifacético J. Fariña Jamardo, o cronista non dubida en cualficar a vila como “ La Perla de la Montaña, como Villagarcía lo es de Arosa”. E engade:

 “¡Estación digna de Carballino! La casa es un auténtico pazo dotado de todo el “confort”moderno, al que nada tienen que envidiar los cinco grupos de “chalets”, con recinto ajardinado destinado a viviendas. A continuación pasa a presentar algunhas das dotacións da estación e conclúe a reportaxe celebrando a estrea desta nova liña e así superar o que “Hasta hoy, hablar de Orense en Santiago y, en general, en la provincia de La Coruña, era como referirse  poco menos que a la China []En nuestro recuerdo bulle en este instante la visión confusa de trincheras, viaductos, terraplenes,puentes, pasos superiores”.Ás obras de construción do trazado xa nos referimos na entrega anterior e, como xa se fixo hai pouco tempo nun acto de lembranza e homenaxe ás persoas que o fixeron posible, en particular aos que perderon a súa vida no Túnel,tamén desde aquí rendemos o noso máis sentido recordo.

O xornal “El Pueblo Gallego” do día 7 de setembro, víspera da inauguración [2], non foi menos laudatorio con respecto ás vivendas dos ferroviarios, que foi describíndoas desde Santa Cruz de Arrabaldo ata Santiago, Ourense -ao pé da estrada Vigo-Villacastín-incluído, así, destaca en titulares que “Las viviendas de la RENFE semillas de futuros pueblos”.Las casitas para empleados tienen el aspecto de chalets con su jardín y su cerca.

Con respecto ás da estación do Irixo o xornalista non aforra adxectivos para describilas así:

 “Los (chalets) de Irijo son un sueño que diría cualquier jovencita en edad de ilusión, y su estilo  entona con el de la estación en piedra rugosa, muy tipico y muy bonito”.

Coas do Carballiño tampouco é parco en eloxios: “En Carballino, a lo largo de la gran avenida de acceso, parecen verdaderos chalets de lujo, porque tras su cierre que decoran verdes trepadoras se divisan unos atrayentes jardines decorados con flores y estas también en tiestos de colores varios adornan los amplios ventanales. Entre ellos un espacio ajardinado y aquellos vestíbulos y aquellas pérgolas, le hacen olvidar a uno la vieja estampa de las estaciones de comienzo de siglo”. Creo que, -na miña opinión-  os xornalistas non só nos souberon deixar constancia con todo luxo de detalle das virtudes destas vivendas, senón que, ademais,o fixeron con cabeza e con corazón

Desgrazadamente,a maior parte delas hoxe en ruínas, agás as do Irixo, que o paso  do tempo non lles restou o aire de modernidade co que naceran, e tan na liña dos “pareados” e  “casa con horta/xardín”  do tempo de pandemia actual.

 Na miña lembranza quedan os nomes dos cabezas de familia que as habitaron,desde o Xefe da estación (con traxe azul, bandeirola,chifro e gorra de Káiser. Castillo: foi dos últimos factores que exerceron como tales e asentou no lugar), ata o capataz, Morán, ou o Gardaagullas, Manolo, e os demais traballadores: Saturnino, Fidel, Reboredo, case todos eles de fóra do Irixo, a non ser tres persoas, unha,de Barro de Loureiro, outra de Cusanca, e outra de Baxín.

O Vello almacén, na actualidade en ruínas, que quedou fóra do recinto da zona de servizos de RENFE, xunta coa “placa xiratoria e a aguada” ,estas sepultadas polo AVE

Non quero ignorar a precisa descrición que sobre o trazado do ferrocarril de 1958 nos deixou o sabio de Trasalba, don Ramón Otero Pedrayo[3], na súa “Guía de Galicia”, na que tamén aproveita para lembrarnos algunha curiosidade sobre os topónimos, O Carballiño e A Bandeira, xa que non se incluiu na entrega anterior e é moi merecente ser coñecida:


Por outra banda, e para un que coma min lle tocou compartir as vantaxes e os inconvenientes de vivir ao pé da vía, tanto por parte de pai, de Saavedra, como de nai, de Casares do Campo, que nos moviamos entre os dous lugares e ata Santiso, polas “beiravías”, que espertabamos pola mañá co bruído do Tren expreso que desde a Coruña ía ata Madrid, que os trens nos marcaban algunhas horas como “O Pescadero”, sobre as catro da tarde, que transportaba o peixe ata Madrid a onde chegaba de madrugada, e logo os desprazamentos máis comúns ata o Carballiño, a Ourense e a Santiago no gris Ferrobús que co seu traqueteo e paradas de cruces con outros trens facían as viaxes interminables naquelas mañás de xeada parados na estación de Silleda, do que poden dar fe a maioría dos que nos anos 60-80 nos desprazabamos a Compostela. E non digamos as delongadas andainas para ir ata  a escola de Dadín, porque foron moitos os lagartos e as chapas que postas enriba dos raís quedaban completamente “planchados” despois de soportar o peso do convoi.¡Case foi un milagre que ningún dos rapaces, ou incluso adultos, non sufrise o atropelo daqueles trens que, aínda que lentos, si tiñan ocasionado a morte de moitos cans e outros animias!. Non esquezamos que a antiga vía non está en ningún tramo inaccesible, o que nalgún momento se podería aproveitar para organizar roteiros, e de non ser polas mesmas “beiravías” tamén resultan abondo cómodos os camiños que, paralelos a aquela, percorren o mesmo trazado. Iso si, tamén estes camiños son de propiedade da RENFE, porque, segundo parece, cando foi das expropiacións, prevíase outra vía paralela á actual. O trazado do AVE está acoutado, ao estilo das vías de alta velocidade


“El Compostelano” (1920-1946)recollía  esta noticia de cando a construción do viaduto de Santiso
Polvorín preto do túnel vello, do Foxo ou de San Cosme, e do novo do Outeiro

Cando todo parecía que o concello estaba deixado da man divina e humana, xorde unha nova  que eu non sabería como cualificala : Goberno de España.Ministerio de Fomento, cun slógan que di: “Acortamos distancias. Acercamos personas”: Línea de Corredor Norte -Noroeste de Alta Velocidad”.

Digo que dubido de como cualificar este novo trazado, porque nalgúns casos supuxo a expropiación  de  vivendas en  lugares como A Lama ou Casares do Campo [o fondo do lugar coñecido como O Mato foi sepultado e foron catro as familias desaloxadas, e só se salvou unha propiedade que quedou illada por un falso túnel].

O dano non foi tan grave, na medida que moitas destas propiedades rústicas ou urbanas estaban a ermo ou deshabiadas.O que para algunhas familias, a dicir a verdade, case foi un consolo.Neste intre no que a “terra” perdeu todo o seu valor material, que moitas das construcións están en vías de converterse en ruínas, a indemnización polas expropiacións non foi tan mal recibida.

Cuestión á parte son as pegadas que, como xa sucedera co trazado anterior, van quedar xa para sempre imborrables sobre a tona da terra desde onde ve a luz o Alvia cando asoma o peteiro á altura de Cangues, foxe polo val de Loureiro, entra en Tacarín nun novo túnel, sobrevoa as nabeiras de Marnotes, salva a trincheira na Costa de Casares nun suspiro,menospreza a antiga estación á súa esquerda, cruza a vía antiga á altura de Lagartelas e encamíñase sobre piares ao pé da carballeira do Tellado, para finalmente despedirse do Irixo soterrado no Foxo do Cabirto, no túnel do Outeiro cunha lonxitude de 2.866 m.de longo, que, desta volta e grazas a esas suprtuneladoras, perforaron a montaña sen maiores atrancos.  Visto así non parece que fose moi lesivo, pero a realidade é máis complexa:antigas canles de auga que foron secadas ou desviadas,camiños que foron arrasados e leiras que quedaron incomunicadas dos lugares aos que pertencen os seus propietarios [para quen non o saiba, unha boa parte dos prados e terras de cultivo de Casares, á parte dos ocupados, quedaron incomunicados co lugar, pois á xa anterior dificultade sumouse o novo trazado que impide completamente transitar de uns a outros. A vantaxe do Estado foi que practicamente ninguén neste intre aproveita eses terreos,que eran de  prado, monte ou labradío, para outra cousa máis que “saber que están alí” e no Catastro, e en moitos casos se descoñecen os propietarios.Que dicirmos  das montañas de terra acumulada sobre antigas terras de cultivo, que aínda que fosen expropiadas, o impacto é visible. Xa non imos falar do patrimonio natural ou inmaterial: soutos,carballeiras e a microtopónimia esquecidos para sempre.


Rocío Ramos: La voz de Galicia (Lalín:30/09/16): Evalúan la seguridad del túnel ferroviario del Outeiro en Lalín )

A miña conclusión, con respecto aos dous trazados, déixame un sabor agridoce. Con respecto ao da liña estreada en 1958 non cabe dúbida que podía ter sido unha oportunidade extraordinaria para dinamizar a economía da comarca, nun primeiro momento pola dinámica creada pola construción da vía, e, a posteriori para abrir novas canles de dinamización do sector agrario, gandeiro ou forestal.Nada disto foi posible, porque, para moi pouco se aproveitaron os servizos que brindara aquela estación que tantos eloxios recibira. Se acaso, e tampouco moito, para pequenos desprazamentos ao Carballiño-Ourense e Santiago, pero si para a emigración con destinos moi diversos.

A liña que se inaugurou en 2011, e xa van alá 10 anos e aínda non se pode completar a viaxe desde Ourense ou Santiago ata Madrid sen interrupcións, quizais, pouco a pouco, vaian “acortando distancias” -para algúns- como refería o slógan do Ministerio, pero “acercar personas” no caso do Irixo e do Carballiño, tampouco, porque haberá que desprazarse a Ourense para desfrutar desa cercanía e,  en todo caso,como sucede coas vías de alta capacidade, soen prexudicar os servizos de cercanía en favor das grandes urbes.Non irá sendo hora de revisar  os criterios de construción de novos trazados e, en vez de promover as longas distancias, desenvolver os servizos de cercanía, de proximidade, kilómetro cero, e de consumo local, sobre todo nunha comarca como esta que está a esquecer todo aquilo que a identificaba? Que os camiños de ferro fagan realidae o slógan da vila “Para carne, pan e viño, O Carballiño”, e que a “Marca O Irixo” prospere no canto das xestas, e codesos que inzan as terras ermas,que  torren as silvas e os sabugueiros que medran entre as paredes de casas, cubertos, hórreos, fornos, muíños e palleiros que están a converterse nun exemplo máis da Galicia Baleirada. Que nós o vexamos!

Xulio Dobarro Ferradás. Vigo, febreiro de 2021.


[1]Galiciana-Biblioteca de Galicia. “La Noche” 9 de setembro de 1958.

[2]Galiciana-Biblioteca de Galicia:”El Pueblo Gallego” 7 de set. de 1958

[3]R. Otero Pedrayo: Guía de galicia (1991).Edit. Galaxia. Vigo