UUAA insta á Xunta a axilizar a tramitación do aumento de rendementos aprobado polo Consello Regulador do Ribeiro

Pese a ter sido aprobada polo pleno en xuño, a modificación permanece paralizada na Consellería do Medio Rural

 Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a tramitar canto antes o aumento de rendementos do 20% aprobado polo Consello Regulador da DO Ribeiro para as parcelas de menos de 900 metros cadrados nas que se cultiven uvas das variedades Torrontés e Palomino. Pese a ter sido acordada polo pleno dese organismo xa no mes de xuño, a modificación permanece paralizada na Consellería do Medio Rural. Organismo que debe encargarse da tramitación precisa para que poida facerse efectiva canto antes.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro aprobou en xuño unha modificación do prego de condicións referente aos rendementos nas explotacións. Unha iniciativa impulsada por Unións Agrarais destinada a evitar que os viticultores deixen uvas colgadas nas cepas ou se vexan forzados a vendelas fóra do amparo da DO.

O aumento de rendementos acordado no Ribeiro hai xa cinco meses pretende adaptar as condicións de comercialización de uva á realidade das parcelas desta denominación de orixe. Fincas de pequenas dimensións cun marco de plantación superior ás 5.000 cepas por hectárea (chegando en moitos casos as 8.000-9.000 cepas/Ha), nas que os rendementos son maiores aos establecidos no prego de condicións actual. Nestas condicións, resultaba imposible para os viticultores facer unha reestruturación das mesmas e adaptarse á normativa; polo que a única saída que lles quedaba ata o de agora era o abandono, como se viu nos últimos anos.

Así as cousas, Unións Agrarias apela á responsabilidade da Xunta de Galicia e pídelle que axilice os trámites para que esta modificación, fundamental para a supervivencia e a rendibilidade dos pequenos viticultores do Ribeiro, poida entrar en vigor sen máis demora.

UUAA lémbralle á Consellería que a modificación respaldada pola maioría do pleno do CR do Ribeiro, e que a organización agraria tiña solicitada en distintas ocasións, supón unha clara aposta pola viticultura social. Unha medida destinada a evitar que os produtores teñan que deixar uvas sen recoller; así como a posibilidade de que se cree un mercado paralelo que unicamente favorecería a baixada de prezo e a fraude.

A organización lembra que o modelo de explotación vitivinícola de pequenos produtores fai posible manter esta actividade en moitos concellos ourensáns que apenas dispoñen doutro sector económico activo. De aí o seu carácter estratéxico desde o punto de vista social, cultural e demográfico.