- Manuel Pardo reafirmou o apoio do Goberno galego a prol do sector vitivinícola de cara ao 2025. Neste sentido, destacou que ven de aprobarse no Consello da Xunta unha nova convocatoria de axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, dotada con 11,4M€; un75% máis con respecto a anterior convocatoria
- O delegado territorial salientou que estas achegas apoian ao sector vitivinícola para mellorar o rendemento global das empresas e a súa adaptación ás demandas dos mercados, así como para aumentar a súa competitividade
- Mediante estas subvencións pódense financiar os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto e os gastos administrativos, sempre que en conxunto non superen o 4% dos custos subvencionables totais da operación
- O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria rematará o 31 de xaneiro de 2025
O delegado territorial reafirmou o apoio do Goberno galego a prol do sector vitivinícola de cara ao 2025. Neste sentido, destacou que ven de aprobarse no Consello da Xunta unha nova convocatoria de axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, dotada con 11,4 millóns de euros. Isto supón, engadiu, un incremento do 75% con respecto a anterior convocatoria.
Manuel Pardo salientou que estas achegas apoian ao sector vitivinícola para mellorar o rendemento global das empresas e a súa adaptación ás demandas dos mercados, así como para aumentar a súa competitividade. Así, teñen como finalidade mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola galego e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade. Poden beneficiarse delas as empresas vitivinícolas (fundamentalmente as adegas), as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica, as organizacións interprofesionais e as organizacións profesionais.
O representante do Goberno galego significou que os principais obxectivos destas subvencións son, entre outros, os de fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario, así como impulsar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, da eficiencia enerxética global, da utilización de enerxías renovables e da valorización e tratamento dos residuos.
Procúrase, así mesmo, -lembrou o delegado territorial- fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade. Outros obxectivos pasan por favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións, polo incremento da dimensión empresarial, pola participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor ou por impulsar os investimentos en comercialización e promover a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas.
Mediante estas subvencións pódense financiar os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto e os gastos administrativos, sempre que en conxunto non superen o 4% dos custos subvencionables totais da operación. Tamén serán subvencionables a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.
O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria rematará o 31 de xaneiro de 2025.
O delegado territorial lembrou tamén os bos datos obtidos pola Denominación de Orixe Monterrei na vendima deste ano con máis de 7,8 millóns de quilos de uva recollidos, o que supón a mellor colleita da última década na DO. En xeral, a campaña deste 2024 no conxunto de Galicia foi positiva, na que se recolleron algo máis de 74 millóns de quilos, a segunda mellor colleita desde o 2015 e que só foi superada pola do pasado ano.
As obras da nova adega
Manuel Pardo puxo en valor a excelente calidade dos viños que se producen nesta DO, que acadan cada vez unha maior cota de mercado. Un exemplo é a construción desta nova adega en 2 plantas de produción de viño embotellado amparado pola DO Monterrei, totalmente dotada de liña de vendima, equipamento de control de temperatura, equipamento de filtración, depósitos isotérmicos, bombas, compresor de aire, depósitos inoxidables e fudres e barricas de carballo francés, liña de embotellado e enfardadora de palets.