O Carballiño: Comercios e profesionales nos anos 60: O GRAN BALNEARIO DO CARBALLIÑO

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Serán posibles as publicacións sobre o Carballiño dos anos 60, porque Santiago Cacho Rodríguez accede a darnos o consentimento para utilizar o seu blog:

O CARBALLIÑO, CALLEJERO AÑOS 60 (asruasdocarballino.blogspot.com)

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Con este blog, Cacho tratou de lembrar e homenaxear aos comerciantes e profesionais que, coas súas respectivas actividades, contribuíron a manter viva a vila, na época da existencia da última rondalla da vila carballiñesa, e do grupo de música pop – rock “Los Poker”

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o seu nome de arquivo é Santiago-Cacho-callejero-2.jpg

Este grupo de mozos, moitos deles alumnos de Don Juan Corral, amenizaron os entroidos dos anos sesenta cos seus desfiles e actuacións durante tres anos. 

A crónica da curta existencia de ambas formacións queda contida no blog:

https://pulpopokers.blogspot.com/2019/08/lospoker.html

Os documentos escritos que Cacho inclúe no seu blog “Carballiño. Callejero años 60” proceden da prensa da época (Faro de Vigo e La Región), da revista “Ambiente” e, sobre todo, das actas de xuntas municipais e plenos e dos programas de festas de San Cibrao.

A maioría dos antigos documentos gráficos empregados no citado blog proceden da publicación de Miguel Anxo Fernández: “Vellas Historias Vellas Fotografías 1870 – 1970” (1992). Tamén se utilizaron fotos do álbum de Xosé Manoel Rodríguez González (Pichi): “O Carballiño 1869-1979 Álbum Fotográfico da Vila do Arenteiro” (2010), de José Luis Diz: “Xentes do Carballiño 1890 – 1990” (2016) , de “Potiños”: “O Carballiño, Industria e Comercio – 1925-1995″ (2019), cuxa selección e recopilación fotográfica foi feita por José Luis Diz Rodríguez e Manuel Blanco Guerra ” Celta “, e algunha achega de Moncho Fuentes.

A parte das fotografías propias do redactor, importante foi a achega de fotografías dos familiares dos comerciantes e profesionais citados.

BADAL NOVAS

Da grazas por poder dispor do dito blog e publicalo no noso medio, traducindo ao galego as notas e comentarios que aparecen en castelán no blog orixinal, completando ca nosa propia información sobre os profesionais e comerciantes e engadindo as novas fotos que achegaron os seus familiares. Agradecemos as fotos de MONCHO FUENTES e, sobre todo, as aportadas polo profesor do IES Nº1 JUAN VALCÁRCEL OBELLEIRO e o grupo de alumnos do curso 1991-92 ( Jaime Pérez, Patricia Paniagua, Mª José Vázquez, Encarna Rodríguez e Susana Rey ) que cursando a asignatura de Deseño fixeron un traballo sobre o urbanismo do Carballiño.



VIDEO CON RÚAS DO CARBALLIÑO NO ANO 1990


A AVENIDA DO BALNEARIO:

A prolongación desta vía desde o Balneario cobrou nova vida ao desprazar o mercado de gando da Praza do Maiz ( hoxe, Do Emigrante ) a esta zona.

Novas construcións xurdiron para albergar os bares e tabernas que ofrecían os seus servizos os días de feira, nun terreno mal habilitado

Revista Ambiente 211 de 1956.

GRAN BALNEARIO DO CARBALLIÑO

O Balneario de Carballiño, propiedade da familia QUIROGA, foi concibido polo arquitecto ourensán DANIEL VÁZQUEZ- GULÍAS, o mesmo que construíu o Gran Hotel da Toja.

Na época da nosa crónica, o xestor do Balneario era o señor ANGEL PAGÁN RAMOS.

O señor Pagán realizou algunhas obras na contorna da propiedade.

Permiso para hacer acera en el frente del Balneario. 1959
Frente del balneario sin la acera.
Cierre de la finca por la carretera de Astureses. 1963

Desde os albores do século XIX, o Balneario obtivo o recoñecemento oficial e gozou de notoriedade pública.

As augas do balneario tiñan a reputación de ser benéficas para o tratamento de enfermidades do fígado e do intestino.

A partir do século XIX, e tamén na época desta crónica, os anos sesenta, acudían a Carballiño centos de persoas de toda Galicia, e de fóra, a tomar as augas do Balneario.

As fondas e as pensións enchíanse de agüistas de Galicia e de fóra e moitas casas particulares acollíanos tamén para mellorar a economía familiar.

Pero, ademais dos agüistas, os hoteis do pobo recibían tamén veraneantes de todas as latitudes.

La Región, septiembre 1963

O Balneario era un dos lugares do pobo máis emblemático, lugar de paseo moi concorrido con bo tempo.

También era el marco apropiado para las fotos de los acontecimientos familiares.

Durante moito tempo, a zona do Balneario foi o lugar de baño preferido. Moitos mozos, entre eles este redactor, perdemos o medo á auga na canle do muíño de Toscaña.

Os nadadores avezados chuleaban tirándose desde as Tres penas, unha roca penetrada no río, porque moita xente contemplábaos desde a terraza do balneario, que se enchía de xente os domingos despois de misa maior.

GALERIA DE IMAXES:


MERCADO do GANDO E BARES

  En torno al mercado del ganado se abrieron diversos bares: 

Programa fiestas de setembro 1963

Reproducimos dous ártigos de FELIPE SENÉN publicados en BADAL NOVAS:

Felipe Senén: “As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño””

Por Felipe-Senén

Un dos lugares máis entrañables do Carballiño, explosión pros sentidos, son os seu balnearios. O chamado de xeito fachendoso o “Gran Balneario”,  como un castelo entre luces e sombras, con arrecendo a xofre, onde o rumor e as augas teñen idioma e onde mesmo pousa a historia da vila. Espazos de natureza e arquitectura nos que habitan fantasmas revestidos de lembranzas. Apracible “locus amoenus” pra quen teña sensibilidade poética.

Balneario de O Carballiño

O feito de ser o Carballiño encrucillada e nela nacer e medrar a feira, xunto coa riqueza do termalismo foron a orixe do Carballiño. Compre pois enxergar o libro “O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia (1700-1936) (Galaxia 2011) da autoría do profesor e amigo valdeorrés Luís Alonso Álvarez, xunto con Elvira Lindoso Tato e Margarita Vilar Rodríguez . Volume onde ocupa un importante capítulo o dedicado aos balnearios do Concello do Carballiño, “ dous dos máis notables balnearios de Galicia” : o da mesma vila e as Caldas de Partovia. Si ben nos lameiros das ribeiras do Arenteiro verten regos de nacedouros termais, como o “Bañiño de Arcos”, outro na Pontarriza, na Teixeira de Brues… Lugares onde aínda a arqueoloxía ten moito que dicir.

Balneario de Partovia (1975)

 Balnearios con longa historia. Documentase que na metade do século XVIII a Encomenda de Beade cede en foro as augas do Carballiño a un grupo de veciños entre os que está un tal Vicente López. Entre as primeiras e máis abundantes referencias aos balnearios do Carballiño veñen da man do experimentado médico e catedrático de medicina da universidade compostelán,  Pedro  Gómez de Bedoya (1699-1776) na súa “Historia universal de las fuentes medicinales de España” (1772), referente nos estudos e na historia da hidroloxía,, sinalaba as propiedades destas augas, concorridas polo soldados do Rexemento de Pavia, recomendacións que se espallaban de boca en boca.

Na “Relación de las aguas Minerales del Reino de Galicia” (1771) o doutor Lorenzo Montes  consideraba a Partovia como un dos mellores baños de España, o que no 1851 reafirma Pérez González. Por crónicas dos anos da Ilustración sábese que os baños (e non balnearios) eran pozas ou estanques de augas sulfurosas abertos ao ceo, nas que non faltaban ras e cobras. Motivos de reclamacións de limpeza e servizos pra individualizar o baño e garantir a hixiene… O Carballiño asumiu sempre a importancia económica e cultural deste seu recurso natural  a máis para unha vila de obrigada parada e fonda, principios do que, ao cabo do tempo, se chamará “Turismo”.

No 1752 a Encomenda de Beade cede en foro o manancial a Vicente López. Logo o Concello arrenda a explotación. No 1799 o deputado por Galicia, Vázquez del Viso, reclama atención pra estes recursos. Suman as recomendacións das augas do Carballiño ofrecidas polo decimonónico médico vivarense, impulsor do lazareto de San Simón en Rande, Nicolas Taboada Leal (1798-1883). Chamadas de atención que supoñen progresos na ciencia da hidroterapia, para no 1818 crearse o corpo de médicos de balnearios.  No 1848 publicítanse os baños do Carballiño como un xeito de panacea: pro reuma, gota, neuroses, enfermidades dixestivas e para a locomoción, contra os espasmos ou convulsións, hipocondrias, ulceras, herpes, sarna, asma, hemiplexias, obstrución de ventre, piroses, sistema urinario, eripselas, amenorreas… Augas consideradas entre as mellores  e así aparecen no Dicionario  (1880) do relixioso Jose Villarroel Perez de Baños  ou no xeógrafo Sebastián de Miñano, sendo sobresaíntes ao respecto os textos do médico gaditano, profesor de patoloxía en Fonseca,  Ramón Otero Acuña, autor de “Galicia Médica” (1867). Anos nos que Partovia, polos seus efectos contra a bronquite, denominarase a “Panticosa Galega”.  Balnearios que cobran gran sona a partires de 1879, tanta que incluso os arrieiros chegaron a transportar a Madrid bocois destas augas propósitos medicinais.

No arquivo do Concello do Carballiño hai unha subsección dedicada a “Sanidade”, cartafoles cos expedientes de “Balnearios e Termalismo” (1819-1994) nos que se recollen os preitos arredor da propiedade dos terreos destes baños, inicialmente repartidos entre as antigas xurisdicións de Orcellón e do Coto de Arcos, referencias ás algarabías da aldea de Partovia cando no 1819 se nomea director do balneario ou sobre a incautación, a finais do século XIX para seren vendidos a particulares; incluso o contencioso veciñal de Arcos no 1973 por tentar pechar o seu  popular “Bañiño” ou “Fonte do Comunal do Lelas”.

Postal antiga – Gran Balneario de Carballiño (1919)

Con anterioridade á constitución do concello do Carballiño, 1813, os seus baños xa eran moi concorridos e con frecuencia entraban en litixio entre os poderes eclesiásticos da Encomenda de Beade e o mosteiro dos bernardos de Oseira. A nova vila dispuña dunha poza aberta na terra polos concorrentes, como non, dedicada ao San Roque, próxima a unha fonte de dous canos que por un rego vertía no Arenteiro. Non faltaba un alpendre de madeira pra mudarse.

No “Catálogo General de la Sec. Española da Exposición Universal de París de 1867”, figuran  as augas termais do Carballiño entre as de Cortegada, Verín ou as da Toxa

Anos nos que era especialmente concorrido o balneario de Partovia, o que,  pese a  abundancia de caudal e os 35 grados de temperatura, fronte aos 32 do Carballiño, irase relegando. Marxinación motivada pola falta de vías axeitadas, sendo “camiño de ferradura”.

No 1868 en Partovia construíuse un edifico de perpiaño e cuberto de tella para protexer o pozo, a fonte e dous amplos baños xerais e oito pequenos cuartos pra mudarse, xunto co espazo d acougo.  Pequena arquitectura aberta á natureza por unha porta central e outra lateral.

Abondan as referencias aos análises e ás propiedades destas augas, valaí as ofrecidas na “Guía oficial de balnearios y aguas medicinales minero medicinales” (1942). Entre eles as do médico Lorenzo Saenz de la Cámara, e sobre todo a monografía do especialista e inspector de Sanidade na provincia de Ourense  Francisco Becarés (1874-1945) “Las Aguas Medicinales de Carballino” (1946).

O pai de Ramón Otero Pedrayo entre os médicos dos balnearios carballiñeses

Auguistas concorrentes que as crónicas dividen en acomodados (moitos dos que eran labregos fortes, eclesiásticos, militares, comerciantes) , pobres e tropa, algúns dos que vivían de esmola e eran axudados pola propia dirección….no 1876 os pobres ocupaban o 40 por cen, diferencias socias con diferentes tratamentos. Espazos paseados por auguístas que cumprían o ritual recomendado: pola mañá facer gargarexos e beber grolos de auga na fonte do balneario do Carballiño, complementadas posteriormente cunha cunca de leite de burra… seguidas despois  dun bo xantar… e pola tarde, paseo ou traslado a tomar o baño en Partovia.  Balnearios que compartían médico-director. Compre lembrar que no 1872 foi nomeado de xeito interino director dos baños do Carballiño e Partovia o entón mozo doutor don Enrique Otero Sotelo (1849-1904), que en 1888 sería pai de Ramón Otero Pedrayo, querido visitante de doentes, trotacamiños a cabalo dun faco, “....sendo entón a alma de tertulias no Carballiño…e non faltaba á mesa dos Quiroga en Cabanelas…. alí coñeceu á xoven dona Emilia” iso, aprendeu e conta entre moitas o seu fillo, desbordante polígrafo quen endexamais perdeu dos seus horizontes a un Carballiño no que tiña moitos amigos, entre eles arrieiros, cocheiros que nos seus traslados lle daban preferencia nos asentos dos seus carruaxes: o Sr. Andrés “Rebusco”… Pois o Carballiño de entón vencellábase ao mundo por coches de cabalos, correos, con frecuencia diaria a Ourense pasando pola estación de Barbantes, o que se retardaba en catro horas ata chegar ao Carballiño… Do mesmo xeito a “liña” a Pontevedra, a Ribadavia este pra enlazar a Vigo Pontevedra e Cea e desta a Compostela.

Por Real Orde de 9 de febreiro de 1889 disponse que os dous balnearios tiveran directores diferentes, o que non se da ata ben entrado o século XX.

 Terras as do Carballiño de sufridores de artroses, artrites, lumbalxías, bronquites… sometidos á humidade e ás cargas, para as que a natureza ofrecía remedio: gandeiros, xamoneiros, carniceiros, arrieiros, de serradoiros, curtidos, caleiras, de canteiros, muiñeiros, ferreiros, cesteiros, de fábricas de papel, de chocolate, de fornos de pan e rosquillas…. de emigrantes “americanos”, de ida e retorno, de fidalgos, rendeiros… xentes que construían casa ou mansión á beira dos camiños e conformaban a variada poboación  dunha vila moza, á que había que sumar o paso dos forasteiros auguistas.  Vila de mercado semanal e de feiróns mensuais,  que debería contar co esencial para ser. Buscaba tamén o que tivo cedo pras súas elites sociais,  casino, farmacia, telégrafo, cine, ultramarinos, comercio… Mais sendo vila de augas tardou, iso si, a traída de augas. Ata o 1969 funcionaban  nas mellores casas os pozos ou carrexar a auga das fontes.

Ao longo do século XIX  os “baños” do Carballiño vanse complementando cun estanque máis para o baño colectivo e novas casetas que se van individualizando e organizando por rolda de vez e por horas. As bañistas asistían á limpeza e á concorrencia. Igualmente en Partovia, onde ademais de atender a os enfermos – beber na fonte e bañarse nunha focha onde non cabían máis de medica ducia de persoas – a concorrencia enferma cumprían o ritual de ofrecer sobre o tellado da ermida da igrexa a roupa vella e mudábanse como mantendo un antigo rito de pasaxe.  Ritual aplicado cos nenos que tiñan o enganido.

Igrexa de Partovia con ofrenda (Foto F. Senén)

Por Real Orde de 29 de xuño de 1816 os baños do Carballiño terán destinado médico director. Médicos que criticaban o estado, que solicitaban pías individuais, pois as que había non tiñan separación entre si e eran como “sepulturas a ras de chan”. Ademais os veciños usaban o lugar de dominio público para lavar a roupa o que se erradicou pola intervención do médico Gregorio de Zaldúa.

A partires do 1835 e por mor das leis de desamortización, o goberno cedeu a xestión destes baños aos concellos que inverten en retomalos, intervindo o deputado Agustín Retortillo y León, Marqués de Vega de Retortillo,  ao que, por aqueles anos, no lugar da feira dos feixes de vimbios e das cestas,  lle dedican unha praza que no 1961, esquecidos os feitos, pasaría a chamarse de Emilia Pardo Bazán. O comerciante Xaquín Rodríguez e o catalán rexistrador de hipotecas Tomás González Cid no 1873 arrendan os baños por dez anos a un particular de Caldas que impón tarifas, negando a auga aos pobres. Son anos nos que se fan melloras.  Tras o falecemento de Xaquín Rodríguez o balneario de Partovia pasa aos seus herdeiros e de aí ao matrimonio de Dolores González e Xosé Ulloa  Villar e logo ao empresario de cine Isaac Fraga, tal como fixo que campara no frontón daquela sinxela edificación. Ate que recentemente a familia Garriga, adquire, retoma, constrúe de nova planta e innova canto significa este histórico balneario.

A final do século XIX, pese á crise económica,  á emigración ás américas e á pouca concorrencia,  o médico director López Valcárcel introduce novos medios pra hidroterapia: aparatos de chorro, inhaladores…bomba impulsora de corrente, novos sistemas, os que costa impoñer entre os hábitos tradicionais, tamén polo coste das sesións. Nunca deixaron de reclamarse reprantexamentos viarios pra atraer máis clientela.

Entrando o século XX e co despegue económico do Carballiño, acollese a idea do Gran Balneario.

A longa historia pola propiedade dos mananciais: entran en escena os Quiroga Pardo-Bazán

Despois dunha decadencia na que os baños se usaban como lavadoiro e secadoiro de la, con lameiros pra tendais de pelexos .O Estado vende o Balneario no 1897 a unha sociedade. Entran en escena a familia fidalga dos Quiroga de Banga, experta nestas cuestións de balnearios, tan coñecidos e admirados pola Condesa de Pardo Bazán.  Familia que no 1898 encarga un novo e singular edificio ao arquitecto natural de Beariz, Daniel Vázquez Gulías, no que fai unha arquitectura historicista, con torre no centro para darlle un carácter sígnico, ao gusto da Condesa, para abrirse ao público o 15 de xuño de 1900. Considerado entón o primeiro da súa clase en Galicia. No centro da súa fachada e sobre o seu vestíbulo erguese a torre pra almacenamento de máquinas, deposito de augas… cara aos lameiros do río con ampla galería que daba aceso aos baños e servizos. Cuartos con xanela aos xardíns, pavimento de Portland, espello, reloxo de area… Sala de inhalación, de pulverización….duchas e outros sistemas que hoxe nun museo case se entenderían como máquinas de tortura…. Privatización que non gustou aos veciños, que reaccionaron de diferentes xeitos… Pensábase na edificación dun gran hotel, no 1870 inaugurouse o Hotel Carlos, aloxamento do Marques de Riestra que lle regalou a fachendosa cociña bilbaina. Tanta sona chegou a ter o balneario do Carballiño que na exposición Internacional de París (1900) se lle concedeu unha medalla de prata… Toda unha historia para revalorizar o recinto cun museo que explique estas ricas e inspiradoras orixes, as que mesmo influíron nos souvenirs, aqueles vasos de auguistas, a difusión turística… Espazos e balneoreoterapia de inspiración literaria, velaí a Pardo Bazán, a Mirás Azor, a Fariña Jamardo…Lembramos a augüistas,ás empregadas dos baños e da fonte, aos xerentes do meu tempo, a familia Pagán… imprescindibles en  historias que se enredan en cumprimentos testamentarios e no mesmo acontecer. Pra pasar en herdo aos seus actuais propietarios Socorro e Jorge de Vargas Quiroga, os descendentes de Dona  Maria de las Nieves Quiroga de Pardo Bazán, saga con historia de trunfos e tristuras.

Sala das mulleres do Balneario de O Carballiño, 1900 (J.Pacheco)

Co século XXI avivase a balneoterapia, o futuro esta anunciado os remumatólogos, doutores e profesores Rodríguez Miguez, Fausto Galdo, Miguel de Toro…insisten neste previlexio natural, onde o Carballiño ten protagonismo histórico.

Balneario do Carballiño que conserva as súas pantasmas, a non ser que no interior aplicouse esa moda de quitar os recebos de cal que cubrían o perpiaño e que agora se despelexan mudando unha tradición que tiña razón de ser en favor de evitar a humidade e o po da pedra.

Aínda recordamos a carón da entrada e sobre a pía lavatorio de pedra coa data de 1900 aquel reloxo suízo de cuco que daba e repetía as horas abrindo e pechando a portiña da cima da súa estrutura de diminuta e rústica casa de madeira…e que marcando as en punto xuntaba aos seu carón aos rapaces e aos aldeáns coa boca aberta. Mesmo pra avivar aquelas nostalxias merquei un semellante pra anovar a recendos a xofre, música de banda, entre señoras, competindo a habilidades de ganchillar perlé, petit point, crochet ou bordados… pobriños pedindo esmola, algún titiriteiro cincándolle á cabra en equilibro ou músico tocando o acordeón e outros baixo a parra da porta da fonte, boca arriba, facendo gargarexos….e o paseo polo balneario, no medio dia do verán, parándose no miradoiro das Tres Penas pra contemplar a chulería dos mozos máis ariscados e fornidos facendo piruetas nun ritual de baño, dende as árbores ao río.

O mestre de mestres arquitectos, o carballiñés Manuel Gallego Jorreto, entrado o terceiro milenio, recibiu o encargo de rehabilitar o histórico edificio do Gran Balneario do Carballiño. E nesas seguimos: rehabilitar e revitalizar co agarimo que merece a historia e a tradición.

—————————————————————————————————

Felipe Senén:”O Carballiño e o reloxo de cuco do Balneario nas viaxes do escritor Alfonso Armada”

Por Felipe-Senén

No mapamundi dos escritores e das escritoras hainas coas que nos identificamos máis que con outros, son cos que coincidimos en observacións e sentimentos, mesmo que escriben como nos gustaría escribir, como si falaran para nós. E iso atopámolo cando leemos e leemos, que isto quere dicir buscar e buscar, mesmo aturando páxinas soporíferas, enredos, pedanterías, egos… quizais non aturando seguir e pechar o libro que temos entre mans. E sempre, nesa pertinaz peregrinación libresca, rematemos atopando co que se nos abren portas. A literatura, como toda  a arte é un universo, convén pois quitar as orelleiras e prestarse, con tolerancia e democracia, a buscar e afondar no inabarcable do ser humano e nesas saber atopar o ritmo de lectura, o que lle aquece a cada lector con cada obra.

Reloxo de Cuco Balneario hoxe…_

Son gustoso de ler libros de viaxes, sentimentais cadernos de viaxes de autor, nos que se conta o que se ve e o que se sinte, obras de autor. Incluso despois de lelos pasear, coñecer os sitios descritos, poñer os pes onde os puxo o escritor e os seus persoeiros.

As viaxes, un xénero literario que debera ser propenso a Galiza

Velaí ese amplo abano de autores de viaxes, dende Homero coa Odisea, á galega Exeria que no sec. IV peregrina e conta as súas andanzas por Terra Santa; do sec. XII o Códice Calixtino sobre a peregrinación a Compostela…e así, deixando tanto polo medio, ate ás viaxes ilustradas de curiosos impertinentes, as do bieito Sarmento… os apaixonados dos desertos árabes ate o noso tempo, pasando por Javier Martinez Reverter  ás “Viaxes e outros viaxes” ( 2010) de Antonio Tabuchi. Literaturas que crean paseos literarios, como aquel que se creou en 1954 arredor do Dublín descrito nesa novísima odisea que foi o “Ulises” de Joyce: onde se describe o que acontece nun so día, u 16 de xuño de 1904 nesa capital céltica de templos e pubs. Día pois para celebrar e espallar, de xeito popular, esta obra tan hermética…

Perda que en Galiza, pese a ser país de peregrinos, viaxeiros e aventureiros, onde se abriron portos e tramaron encrucilladas, non abunden, en idioma galego, escritores e escritoras de viaxes. Pola contra abondan grandes escritores galegos que o fan en castelán, entre eles, escollería ao coruñés Cesar Antonio Molina, autor dunha serie acollida baixo o suxestivo epígrafe de  “Memorias de ficción”, con títulos como “Lugares donde se calma el dolor”, “Vivir sin ser visto”, “Regresar a onde no estuvimos” ,“Esperando los años que no vuelven”…. Autor que nunca deixa de man a súa Itaca, a  súa cidade de ida e volta, a dos estralampos do Faro de Hércules. Para nesa súa odisea literaria furar en espazos que inspiraron a homes e mulleres creadoras, interaccionando literatura, arte, filosofía e economía do tempo vivido, entre sitios por eles concorridos, casas, cafés, templos, museos cemiterios… Certo que é literatura espesa, non apta para que non estea afeito a tanto dato e non sexa capaz de coller o ritmo de lectura. Recomendaría facelo de vagar, como quen saborea un dedal de vello viño tostado, mesmo acompañándose deste ancestral sabor… e, si acaso, baixo a banda sonora dun clásico romántico…

Cuaderno de Viaje al país natal de Alfonso Armada

Literatura a devandita ao estilo do “Danubio”  ou do “Infinito Viaxar” (2005) do gran Claudio Magris (Trieste 1939), referente no escaparate de literatura de viaxes, títulos entre os que figuran sobranceiros nomes de periodistas, escritores de viaxes, perda que non estea escrita en galego e téñollo dito a Molina, como bo amigo que é. E a resposta xa  maxinamos cal e ten que ver coa difusión, isto é, coas ventas. Sen normalizarse unha cultura cóutase.

A pensión Erundina, o primeiro amor, Maribel, os xogos no Parque….

Outro dos autores galegos  de viaxes que despuntan na actualidade, e ben, é o que hoxe nos trae aquí, o xornalista Alfonso Armada, non confundir co militar, marques de Santa Cruz de Ribadulla, do mesmo nome. Experimentado trotamundos que, alí por onde vai, confesa que leva no seu adn de escritor os anos da súa infancia arredor do Balneario do Carballiño. Conta que o facía nos veráns, acompañando ao seu avó. E velaquí as coincidencias coas que nos atopamos e fixemos referencia ao inicio: Pois baten nel as lembranzas, as mañás entre o cheiro a xofre infernal, a ovos podres do Balneario… eses seráns de agosto, despois da forza da raxeira, acompañados dun ventiño maino e fresco que sopra na campa de entrada do parque…. E o que máis marcado quedou nel, as horas contadas e cantadas polo reloxo de cuco do Balneario. Algo que este carballiñés tamén leva moi dentro de si e máis nenos habería, xa que todos, ao menos antes, reaccionabamos, boca aberta, ante aquel artiluxo, esperando que a agulla grande enfilara a vertical do 12 para dar as horas. Acontecía entón como un esperado milagre: previamente un corrido da cadea das pesas, que eran piñas de bronce, un trrtratata…os nervios apreixaban o corazón que poñía a ritmo coas horas dadas os seus pulos… e deseguida ábrase a xanela que coroa a casa que é caixa do reloxo… e asomaba, cantando cada hora e abaneándose a cabeza, abrindo e pechado o pico, o cuco de madeira:…tangu cu, tangu cu, tangu cu, tangu cu, tangu cu, tangu cu . Ao final metíase e pechábanse as xanelas…eran as seis. Quedaba gañas de volver escoitalo.  Aquel Tangu correspondía cun lixeiro corremento de cadea e coa cadencia do fol do son, e o cu era o asubío que tentaba imitar o canto primaveral do cuco.

Alegraríame que aquel reloxo, que respondía a un prototipo clásico de souvenirs traídos da Selva Negra  alemá, siga no seu sitio, tal como o vimos e o conta Armada tamén. Si ben visto hoxe, resulta máis pequeno, con menos teatralidade que o que ollamos de nenos,  mesmo coido que é outro e pode ser. Valiosa e xa singular peza aquela, a lembrada, propia de anticuario, a que poida estar adornada tamén dunha historia aínda non sabida, nin contada: quizais exótico regalo traído dunha das viaxes da condesa de Pardo Bazán e do seu marido don Xose Quiroga, alá a fins do século XIX, por Centroeuropa. Maquina cantahoras que, por si soia, daría para unha novela: qué  artimañas Geppetto o faría ?, onde e entre que montes?, a quen se mostrou, regateou e a merco?…para traela. Reloxo nos invernos retirado do seu sitio para coidalo das agresivas humidades do verán.  Reloxo que marcou as horas e os ritmos dos agüístas, daqueles agüístas que tamén novelou don Aurelio Miras Azor.

Volvendo a Alfonso Armada  Rodriguez diremos que é vigués, nacido no 1958 e formado en xornalismo na universidade Complutense de Madrid, estudos que complementa como alumno da Real Escuela de Arte Dramático, para formar elenco teatral co grupo  Artello de Vigo, con  Ditea de Compostela… amigo e colaborador do cineasta Chano Piñeiro. Para do 1987 ao 1988 dirixir o grupo  Koyaanisqatsis e representar as súas obras “Cabaret de la Memoria”,La edad de oro de los perros”, “Sin malditra esperanza”, “Carmencita jugando” e “El Alma de los objetos”. As súas ansias de  compartir e abrir camiños lévano a colaborar con El Faro de Vigo, logo no País, para ir máis alá e ser correspondente de guerra en Bosnia, logo pasar a África, Ruanda, o Congo, Burundi, Liberia, Sudán… De 1999 ao 2005 corresponsal de ABC en New York, onde vive e conta os atentados do 2001… dende o 2017 presidente de Reporteiros sen Fronteiras, director do Suplemento Cultural do ABC… Ben expresivos estralampos do seu curriculum.

Alfonso Armada publica a fins deste 2022 “Cuadernos de viaje al país natal”, libro que é moi ben acollido entre os lectores, con prólogo de Manuel Jabois. Páxinas que desvelan esa capacidade de enxergar (que isto é poñer todos os cinco sentidos máis  todos os saberes sobre as cousas), de facer memoria que é facer historia persoal  para compartila como camiñante e  poeta que é, para complementalas e relacionalas co que se busca noutras viaxes e libros. Viaxe por Galicia que se abre no Cebreiro, recordando, como non, a Cunqueiro… pasando por Samos, Vilar de Donas,  baixo o Pórtico da Gloria… Noia, Fisterra e a Costa da Morte, Carballo, a Coruña da Pardo Bazán, Ferrol, Bares, Viveiro, Mondoñedo, Lugo, Meira Ourense, Verín, Ribadavia, A Guarda…Vigo…e no corazón do libro atopamos un amplo e esencial capítulo dedicado a “Veranos con mi abuelo Angel en el balneario de O Carballiño”. Avó que fora en Vigo carpinteiro de ribeira e fundador dos Asteleiros Armada,  Daquelas estancias na metade dos desenrrolistas anos sesenta no Carballiño, lembra onde facía parada e fonda, na rúa Aldara, a casa de Erundina, a que recorda con cariño, isto é a casa dos Rúa, a carón da praza da Mina…Non esquece aquel primeiro amor de infancia,  Maribel… e nel tamén peta o feismo construtivo campante, o que non pasa desapercibido a calquera sensibilidade: ese desafío desigual que lle acomete á beleza e ao simbolismo, ao realismo máxico galeguista do templo da Veracruz, arquitectura do gran Antonio Palacios.

Alfonso Armada suma aos seus sentimentos de escritor os aportes populares da mesma vila: fala coas empregadas do Balneario, Salomé Soto, Xulia Caderno, tamén con augüístas da Coruña, Obdulia e Valentina… consulta e remíteno a vellos libros, como o de Francisco Bécares (1861) sobre as propiedades das augas do Carballiño, diríxese a  Avelino Muleiro, creador e director do Instituto de Estudos Carballiñeses e a  Isabel Rodriguez Bernárdez, os que lle facilitan os números da publicación de estudos carballiñeses “Agora de Orcellón”, onde o viaxeiro atopa ben documentados aspectos históricos sobre a vila: a Pardo Bazán e os Quriga, a Vilamorta, a Veracruz… e novamente concordo co que di sobre o camposanto de Señorín “un dos máis fermosos de Galiza”.

E  o viaxeiro escritor remata  dicindo “… en O Carballiño yo fui todo lo feliz que puede ser un niño y la memoria acredita”. Conclúe co que dixo o gran Rilke que “a verdadeira patria do ser humano é a da infancia”… Fiando así puidera recordar que Xaime Ferreiro Alemparte, de Cabanelas, foi o grande tradutor, ensaísta e difusor de Rlke en lingua castelán. Proba de que o camiño nunca acaba e que o Carballiño é encrucillada na Terra e no Tempo que abre a moitos camiños.



AGRADECEMENTOS

En memoria dos membros da rondalla e do grupo de música “Los Poker” que faleceron e en nome dos vivos, a maioría con domicilio fóra das Terras do Orcellón, Cacho agradece a BADAL NOVAS a súa iniciativa para dar a coñecer a curta aventura daqueles mozos que viviron no Carballiño nos anos sesenta e lembrar aos seus coetáneos.

Santiago Cacho e Manuel Amil

BADAL NOVAS únese tamén ao agradecemento de Cacho por aqueles que coas súas publicacións de álbumes fotográficos facilitaron a redacción do seu blog e do que nos ocupa:

Pola nosa banda, BADAL NOVAS agradece as fotos e informacións achegadas polos familiares dos concidadáns citados no blog, os documentos gráficos facilitados por MONCHO FUENTES

Moncho Fuentes

e, sobre todo, os achegados polo traballo escolar sobre Carballiño, dirixido polo profesor JUAN VALCÁRCEL OBELLEIRO.

Grupo de Diseño ( 3º BUP Medición e Urbanismo ) do IES Nº1 . Profesor Juan Valcarcel



Se alguien quere colaborar con fotos ou documentos para enriquecer esta publicación, asi como correxir posibles erros pode facelo a través do mail info@badalnovas.com


Manuel Amil Otero. maio de 2024