Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


Desde o sec. XVIII, da man de dous frades ilustres, o Padre Sarmiento, especialmente, e o Padre Sobreira, indirectamente, foron para eles obxecto de atención  os nomes dos lugares, ou o que na actualidade se coñece como toponimia, dentro da onomástica que se ocupa do estudo dos nomes propios en xeral con diferentes disciplinas que  van desde a atención aos nomes de pía, apelidos e alcume ou motes para os de persoa, ata os dos lugares ou topónimos, subclasificados en “maiores” para os núcleos de poboación (vilas, cidades, países,etc), e “menores” ou microtopónimos para identificar eidos, regos, montes, etc.

AVANTAR ACTIVIDADES

 Pois ben, polo que respecta á Onomástica en xeral, teñen sido moitos traballos os que se teñen desenvolto nas últimas décadas, especialmente no dos nomes de pía, como por exemplo, O diccionario dos nomes galegos[1] (1992) de X. Ferro Ruibal, ou X.L. Méndez Ferrín[2] ( en 2007) e, máis recentemente nos que se está a traballar por parte da Real Academia Galega da man de Ana Isabel Boullón ou Gonzalo Navaza para a  Cartografía dos apelidos de Galicia, dentro do Seminario de Onomástica da RAG, que se encarga de fixar a norma estándar dos nomes de pía, apelidos e topónimos para “poñer en aberto , unha aplicación web, para consultar a forma estándar dos nomes, e información etimolóxica, histórica,equivalencia noutras linguas…” (A. I. Boullón:La Voz de Galicia:24-10-2020).

 Con respecto ao estudo dos microtopónimos tamén a autora chamaba a atención nesa entrevista con estas palabras: “A microtoponimia estase perdendo porque morren os vellos. É así de cru. Os nosos avós que eran traballadores do campo utilizaban a terra e coñecían cada recuncho porque lles era útil. Pero agora todos somos desertores do arado.Somos fillos da xeración dos que marcharon. E o campo queda sen traballar e estanse esquecendo os nomes de cada leira, cada fonte, cada recanto, cada pedra…Para iso está o proxecto Terra Nomeada, no que tamén está a RAG implicada.”

Lamentablemente, a situación é así ou moito peor, porque, sen remontármonos non moito máis atrás de cincuenta anos, unha persoa que non participase dese proceso de transformación -ou aínda que si- non recoñecerá os espazos e, moito menos os nomes dos eidos.Non en todos os sitios  é a mesma  razón, xa que naquelas parroquias onde, por exemplo, se levou a cabo a concentración parcelaria, a razón da perda dos microtopónimos é moi diferente daqueles outros lugares nos que a orixe fundamental foi o abandono total da actividade agraria, gandeira ou forestal, ou o que, modernamente se vén coñecendo como Galicia Baleirada. A todas estas circunstancias adversas,aínda hai que sumar outras que veñan dadas pola “modernidade”  como son por exemplo os trazados de novas vías de comunicación, autoestradas, liñas de alta velocidade (A base de mantemento da liña de alta velocidade de Ourense a Santiago no lugar da Lama no Irixo do ADIF, que foi construída paralela a á ampla extensión que xa ocupaba a estación da RENFE, arrasou con centos de prados, leiras, toxais,regos e porrais, con nomes “propios” e agora está todo unificado

          Mostra da microtoponimia na contorna de Saavedra

nunha extensión aproximada de case 10 Has.)

Como xa se apuntou na publicación sobre “O Irixo.Patrimonio cultural[3], na que se mostran dúas achegas sobre a microtoponimia de dous lugares do Concello, Saavedra e Casares do Campo, a densidade  destes nomes de lugar é directamente proporcional ao que tradicionalmente se vén coñecendo como minifundismo.Tanto pola cantidade como pola variedade. A que nos referimos cando falamos de diversidade? Pois, a que a maior parte deses nomes teñen unha relación directa co medio, coa actividade, coa tradición, coa situación, etc.; o que habitualmentete deu lugar ao que se coñece como motivación ou clasificación semántica  deses microtopónimos en : fitotopónimos (Sabugueiros); Orotopónimos (O Cotiño); hidrotopónimos ( A Insua); situacionais (Suatulla); construcións (O Castro); zootopónimos (Os Teixugos); e outro moitos de distinta condición.

Que podemos agardar dun territorio de 29.574 KM cadrados compartillado entre 11 millóns de eidos a monte, prado, leiras, carballeiras, soutos, chousas, porrais, muíños, batáns, fornos, eiras, hórreos e non sei cantos máis espazos,semeados por toda Galicia? Pois que, os 120 Km cadrados do concello ordénaos o Catastro actual en 82 polígonos e 104.009 referencias deses eidos, e non debe sorprendernos porque xa no ano 1965, cando estaba o proxecto de concentración parcelaria practicamente ultimado  para a súa posta en práctica, se falase de 14.000 propiedades soamente nas parroquias do Campo e de Cusanca sobre unha actuación en 550 Has -non se incluían os montes-, 450 donos e unha media de 31 propiedades por veciño, cunha superficia media de 0,04 Has por propietario.

Apeo da demarcación entre as xurisdicións de Orcellón (Loureiro)Pazos de Arenteiro(Dadín) e O Couto de Corneda, 1779(Arquivo histórico provincial de Ourense)

Estes números están na liña de proxección estimada por investigadores como Vicente Feijoo Ares que calcula que poden ser arredor de 2 millóns de topónimos na microtoponimia, fronte aos 37.305 da toponimia maior(vilas, cidades, aldeas). De tal xeito e maneira que se ten dado unha densidade media de sobre 50 topónimos /Km cadrado. E apunta que “Este volume de nomes de lugar que posúe Galicia é tan inusual e infrecuente que se pode afirmar que a nosa riqueza toponímica constitúe un elemento moi visible que nos diferencia no conxunto de Europa. Non sería ousadía afirmar que non hai rexión no mundo onde se rexistre un manto toponímico de tal densidade”[4]

A continuación, o mesmo Vicente Feijoo engade algunhas das causas que propiciaron esta abundancia de topónimos e,sinala por exemplo, a antigüidade dos pobos que se foron asentando no noroeste peninsular, desde os prerrromanos ata os romanos, suevos ou árabes, estes últimos en menor medida. Outro elemento que ten certa forza neste crebacabezas é a dispersión de poboación, eminentemente rural, así como a orografía, e o  que xa se dicía máis enriba, de ser Galicia un país minifundista “onde practicamente cada leira en propiedade tivo un nome distinto noutrora”. Aínda se suliñan outras motivacións, como por exemplo, a variada flora e fauna que, tal e como se apuntaba anteriormente, son moitos os microtopónimos inspirados nestas características ou nos cultivos semeados (Os Liñares) ou nos procesos de transformación da terra (A Rotea, As Estivadas).Neste sentido podemos sinalar que o maior número  de microtopónimos -como sucede na maioría das parroquias- –  está relacionado coa vexetación, é dicir, os chamados, fitotopónimos, sexan estes motivados polo tipo de cultivos ou das plantas que predominan: As Liñeiras, A Abelera, etc., por non falarmos dalgúns outros de motivación máis especial como son os de: A Forca, A Celda, O Castelo, A Chousa do Conde, A Froia, Os Prados do Gando, O Polvorín e así ata esas 104009 referencias do concello do Irixo que, evidentemente,moitas delas vanse ver repetidas de xeito máis ou menos continuado en cada lugar, porque hai coincidencia na motivación; así: O Val, O Nabal, A Nabeira, A Veiga, Valboa, A Colmea, A Facha, O Alargo, A Pireira, Os Carballos, O Porto, O Saltadoiro, Surrego, Suatulla, …e algún moi individualizado como O Carril de Roque, O Nabal de Roque, O Castiñeiro do Turco ou Os Castiñeiros de Patricia, todos eles documentados na contorna do concello do Irixo.

En resumo, podemos dicir que non había ningún sitio, por moi insignificante que este fose (porral/tarreo), que non fose identificado e individualizado polas características do terreo, a súa vexetación, o predominio dalgunha animalia, ou outras moitas causas que están no imaxinario colectivo das mútltiples xeracións que se foron asentando neste recuncho da antiga terra de Orcellón, bautizado aló polo ano 1835 cun corónimo ou nome que se ten dito que non é especifico de ningún lugar concreto pero, tampouco inventado, porque para iso están os documentos que acreditan a súa existencia con diferentes variantes, ata o resultado moderno: O Irixo,que xa en 1753 aparece claramente representado como río Irijo, cuxo “j” pode equivaler foneticamente ao noso xe (x) tradicional.


                          Reprodución facsímil do libro Real de Legos da parroquia de Dadín

DA MICROTOPONIMIA DO CATASTRO DE ENSENADA AO CATASTRO ACTUAL

Teñen sido tan significativos os cambios experimentados nos nomes dos eidos como os rexistrados na sociedade en xeral?. Sen retrotraernos máis alá de trescentos anos, por exemplo á análise do Catastro de Ensenada de 1753,observaremos con certa sorpresa que, non só os nomes dos lugares (aldeas) perduran na súa forma tradicional, galega, senón que, tamén ou, diría eu que os dos eidos,incluso están máis fielement representados que os resultados que se atopan no catastro actual.

Moi brevemente referireime aos datos que nos fornece  o Catastro de Ensenada[5] con respecto á parroquia de Dadín, que, paradoxicamente ignora os nomes dos núcleos de poboación -si hai referencias indirectas para ubicar os eidos ou as persoas naturais de todos e cada un dos lugares que a día de hoxe conforman a parroquia,así, Andrés da Condomiña,  As Laxas, A Bugalleira, Saavedra ou A Seara-, e sen embargo cando estamos vendo a relación das propiedades dalgún dos veciños semella unha relación feita na actualidade dada a continuidade da maioría deses nomes que comunmente coñecemos como os eidos.

O documento non é un catastro ao xeito do que entendemos na actualidade con representación gráfica de todas e cada unha das propiedades, pero si abondo preciso en canto a ubicación e lindes de propietarios. Ademais, o Catastro de 1753 non se reduce só  a numerar e clasificar as propiedades rústicas segundo as calidades, senón que tamén se detén naqueles recursos que podían ter interese recadatorio como son as tabernas e estancos,  ademais da relación das árbores máis comúns: o carballo, o castiñeiro ou os “sauces” -amieiros-, así como as casas, caballerizas -cortes-, o gando, entre o que se inclúen non só ovino, caprino e bovino, -ausencia de equino-, senón tamén as colmeas, e de xeito moi especial os muíños de pedra negra (recibían este nome, non tanto pola cor da pedra senón pola cor da fariña do millo, máis escura cá do trigo, albeiro).

Outro dos aspectos que pode resultar rechamante é a división entre os naturais da parroquia e os “Forasteros”. Estes son na súa maioría das parroquias limítrofes ou, máis lonxanas como por exemplo de Trabazón, Espiñeira, e Surribas da parroquia de Zobra da terra de Deza, sendo nestes casos moitas veces unha relación de dependencia a quen había que pagar rendas por foro, voto ou aparcería de animais.

En síntese pode afirmarse que este catastro é un documento socioeconómico da segunda metade do século XVIII, no que aínda o modelo do Antigo Réxime está en vigor e as xurisdicións, neste caso a de San Salvador de Pazos de Arenteiro, a onde había que levar as rendas, exercen o poder civil e de xustiza sobre os seus súbditos.Por iso non é nada estraño que o cárcere, a celda ou a forca deixasen as súas pegadas na toponimia.Ou que as tullas, por exemplo a de Saavedra, fose o punto intermedio onde se recollían os froitos das rendas para logo trasladalos a Pazos, e que aínda na actualidade unha parte dos eidos contiguos ao lugar se coñezan como A Suatulla (por debaixo da tulla:celeiro,hórreo).

Hai aínda unha extensa información sobre décimos, primicias, votos, dereitos reais, penas de cámara, que algúns deles ían  parar ao mosteiro de Aciveiro, ao voto de  Santiago Apóstolo,ao priorato de Sar en Santiago, a Celanova, Moneixas en Lalín,  á catedral de   Ourense, ademais de ter que contribuír ao pago do escribano e xuíz de Pazos de Arenteiro.

En fin, unha longuísima dependencia da que o noso esquecido veciño,Emilio Duro Peña, se laiaba cando consideraba unha inxustiza que as pequenas freguesías tivesen que contribuír con rendas tan limitadas a outras de economía máis saneada.

Como se sinalaba máis enriba, o catastro de Ensenada é un documento senlleiro como base de datos da microtoponimia de entón e da actual, porque, como dicía, se coñecemos de cerca a actual e a contrastamos,observaremos a súa perdurabilidade ao longo destes case tres séculos e, a pesar da deturpación que nalgúns casos sufriron por castelanización moitos  dos topónimos en xeral, e os microtopónimos  en particular -quizais menos polo seu emprego en ámbitos reducidos da familia, peritos, “hijuelas”-.

Para rematar, só imos engadir uns cantos exemplos, agrupados por motivación,  de microtopónimos que aparecen no Catastro de Ensenada e seguen vivos entre os veciños.

Oronimos/Constitución do terreo: O Cotiño, O Areado, O Saltadoiro, A Pedreira, A Coiñeira, A Freixa, As Laxas, O Val, A Facha, O Alargo, O Torroedo, A Chaira, A Rega do Val…

Litotopónimos: A Pedreira, A Coiñeira, A Pedra Longa, O Penediño, A Pena, Os Penedos Bastos,As Penas do Uzal…

Hidrotopónimos: A Insua, A Puza, Os Caneiros, A Regueira, A Grotiña, A Braña, O Pío, Río Grande (Viñao), A Porta da Fonte, Lameiriño, Surrego, A Veria, Os Agüeiros, O Lavadoiro,

Fitotopónimos: O Espiño, O Freixeiro, O Sanguñedo, A Bugalleira, O Pireiro, A Horta de Juane, Os Liñares, O Carballo, A Pireira, A Nabeira, A Nogueira, As Touzas, O Bosque, O Souto, Soutolongo, A Carrasqueira, As Cerdeiriñas,

Zootopónimos: Os Teixugos, As Raposeiras, As Colmeas, Os Prados do Gando, A Fonte do Gato…

Ergo/cromotopónimos/propiciatorios: A Chavelliña, Valboa, A Chave, A Grande, As Longas,  A Brañiña, A Revolta Vella,As Chousiñas, O Rodelo, A Pedralonga,O Ballote,

Situacionais: Surrego, Sobre da Regueira, Detrás do Muiño, A Porta da Fonte, Suascerdeiriñas, Tras do Coto, Suascasas, Suatulla, Detrásderriba, Supazo, Suaseiras, Suacongostra, Sobredorrego, Cima da Devesa, Detrásdapena, Chousadedetrás, Sobredafonte, A Nabeira do Porto, Prados daquela mao,Suasmaceiras, Sobre das Longas,Cabo do Val…

Haxiotopónimos: A Cruz, A Grixoa, A Cruz do Combate, A Capilla, O Igrexario,

Etnotopónimos/Ecotopónimos:Heredad Grande, A Condomiña, Porta de Juana, Prado dos Condes,

A Seara, O Agro da Bugalleira, A Vesada, Os Nabás,O Tarreíño, A Erma…

Nomes de vías de comunicación: Nabeira da Congostra, A Congostra Vella, O Saltadoito, O Porto, O Pontillón, A Puntiña, A Porteliña,

Nomes de asentamentos humanos: O Castro, O Pico do Castro, A Casiña,

Nomes de construcións singulares: A Torre, O Polvorín, O Pazo, O Castro da Seara, O Forno Vello,O Muíño Vello, A Presa Vella,  Chousa das Antas,  

Ata aquí moitos dos microtopónimos que constan no catastro de Ensenada para a parroquia de Dadín -que poderiamos extrapolar a outras do concello-, na que  se manteñen aínda vivos,pero  punto de pasar a morredizos e converterse en fósiles toponímicos, segundo os graos de vitalidade dos que nos fala Iván Sestay á hora de analizar a microtoponimia dalgunhas parroquias de Vigo.

En canto ao significado e tal e como vén sostendo Antón Santamarina, todos os topónimos tiveron unha motivación, outra cousa é que esta, moitas veces se perda na noite dos tempos. Ou diría eu que, incluso máis que motivación, resultan un tanto enigmáticos, senón como explicamos resultados do estilo de:   “A Agra de Valdemiro, A Fonte de Tacarín,Severín, A Cruz do Combate, O Castiñeiro do Turco, Os Castiñeiros de Patricia, Libeire, As Tragarizas…E así ata unha delongada numeración.

Para podermos emendar o máis que probable desenlace sinistro da perda dos nomes dos eidos, propoñemos sumármonos á iniciativa GALICIA NOMEADA[6] que na súa presentación da páxina web suliña:Neste momento da nosa historia, no que temos ao noso alcance o gran potencial que ofrecen as novas tecnoloxías, dispoñemos desta aplicación Galicia Nomeada para que todos os galegos e galegas poidamos achegar o noso gran de area rexistrando e difundindo na rede este inmenso patrimonio inmaterial que se agocha detrás dos nomes de lugar.

 A Regueira de Santiso,entre a parroquia de Dadín e a de Reádigos


[1]X. Ferro Ruibal e outros:Diccionario dos nomes galegos. Edit. Ir Indo, Vigo, 1992.

[2]X.L. Méndez Ferrín: Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos.Es. Xerais, Vigo, 2007.

[3]X. Dobarro Ferradás: O Irixo. Patrimonio cultural.Impreso en Tórculo Comunicación Gráfica, Vigo, 2020.

[4]Vicente Feijoo Ares: Deseño e rendibilidade da nova aplicación colaborativa para a recolleita unificada, xeorreferenciación e difusión global da microtoponimia galega.Estudos de Onomástica Galega:experiencia de recolla, didáctica e codificación.Real Academia Galega, 2006.

[5]Arquivo Histórico P. de Ourense: O Catastro de Ensenada.Libro persoal de legos de la feligresía de S. Pedro de Dadín.

[6]Galicianomeada.xunta.gal


Outros artigos de Xulio Dobarro

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.