A paraxe natural do Parque Municipal do Carballiño acollerá o vindeiro domingo, 5 de xullo, a 28ª edición da ‘Convivencia Familiar Special Olympics Galicia’, coa participación de 18 entidades de apoio ás persoas con discapacidade intelectual das catro provincias galegas, que sumarán preto de 800 asistentes.
A presentación deste evento, xa consolidado no programa de actividades estivais da vila do Arenteiro, tivo lugar esta mañá precisamente na zona arborada onde se celebrará o xantar de confraternidade deste domingo. O acto contou coa presenza de Eladio Fernández, presidente de Special Olympics Galicia; o alcalde accidental do Carballiño, José Castro-Gil; as concelleiras de Servizos Sociais, Silvia Baranda, e Medio Ambiente, Elvira Torres, e o edil de Seguridade, Alberto Otero. Tamén se contou coa asistencia do responsable de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez, e da deputada provincial de Asuntos Sociais, Patricia Torres, así como da presidenta e do vicepresidente da asociación Aspadisi, Josefa Rodríguez e Manuel Amil.
En total, participarán nesta convivencia familiar 719 persoas procedentes de 18 asociacións, sendo 387 delas persoas con discapacidade intelectual; 224 familiares, 73 técnicos e 18 voluntarios, e que comezarán a chegar a partir das 10,30 horas.
Ao fío das 11,00 horas celebrarase o acto oficial de inauguración e a entrega das medallas Special Olympics Galicia, ao que seguirá unha animada festa con música, antes do xantar, previsto para as 14,00 horas. O concurso de repostería e os campionatos de xogos de mesa completarán as actividades desta xornada, que se clausurará coa entrega de premios ás 19,00 horas.















