O BNG do Carballiño a través do seu responsábel local, Manuel Chan, destaca a nula transparencia amosada polo goberno municipal na xestión e contratación de determinadas servizos. Ao respecto, apunta que “cando a veciñanza do Carballiño aínda está á espera da publicación das contas da pasada edición da Festa do Polbo, o goberno carballiñés do PP-PSOE volve facer patente que, no seu xeito de gobernar, a transparencia e a información non son prioritarias, desta volta, a través dunha subvención destinada a tratamentos no Gran Balneario”.
Neste caso concreto, o BNG asegura descoñecer cáles son os criterios para decidir quen pode gozar destes tratamentos, exceptuando o de levar empadroado ou empadroada máis de 12 meses, “cousa que para a nosa formación política é claramente discriminatorio”. Engaden que “tamén descoñecemos quen son as persoas responsábeis de decidir quen pode ou non beneficiarse da subvención para estes tratamentos, se estes cumpren o único requisito de empadroamento e se o solicitaron en tempo e forma”.
Para o BNG, estas cuestións poñen de manifesto, unha vez máis, que o goberno municipal do PP-PSOE do Carballiño elixe como xeito de gobernar o caciquismo clásico, o de gañar favores a conta do carto público, “polo que tamén nos preguntamos cales son os criterios empregados para decidir que empresas do noso concello se subvencionan con cartos dos impostos da veciñanza. É inaceptábel que os cartos públicos se utilicen sen a debida transparencia nin información pública, especialmente cando se trata de decidir quen se beneficia de recursos e subvencións sufragados con fondos públicos”, subliña Manuel Chan.
Por tanto, a formación nacionalista esixe do goberno municipal explicacións públicas sobre os criterios empregados, tanto para a concesión destas subvencións como para a selección das persoas beneficiarias, e que facilite toda a información necesaria para garantir unha xestión transparente e igualitaria dos cartos de todas e todos os carballiñeses.
“A utilización dos cartos da veciñanza non se deberían usar para gañar favores nin para a proxección pública do concelleiro ou da concelleira da quenda”, conclúen.


















