Culturetas de ….

Manuel Herminio Iglesias

Publicidade

Sempre escoitei que, cando se sinala a  un grupo social, profesión ou colectivo, con ánimo de ridicularizalo,  xeneralizar e incluír a todos baixo un mesmo nome resulta un  tanto esaxerado e perigoso.  Pois nin todos os cregos, por poñer un exemplo, son malas persoas ou outros calificativos;  nin todos os políticos, nin todos os xuíces, son uns corruptos e malvados cidadáns. Polo tanto, non  deben ser menosprezados porque pertezan a un grupo ou porque algún cometa un asunto  delictivo. Xeneralizar co ánimo de desprestixiar  é un erro  que descalifica máis a quen o pon en practica que a quen se quere ningunear.

Claro que pedirlle a un cencerro que afine cando canta é moito pedir. O certo é que cando un ascende, como lle aconteceu  a D. Celedonio,   pasando de   porco a marrau, véxase o libro de Vicente Risco o Porco de pé, todo é posibel que aconteza. 

Os gobernantes debían saber, como primeiro punto  do seu cometido que, ó exercer o mando nunha istitución pública,   os obxectivos  non son outros  que os de  estar ó servizo dos cidadáns. Polo tanto, o Concello non é unha empresa particular onde se goberna ó antoxo do xefe;   e onde  os seus mandados fan o que se lles dí sen protestar.  A vida nas institucións públicas ten unha dinámica distinta;  ten  controis  e normas que deben ser respectadas.

Un amigo de militamcia de hai anos, ó preguntarlle polo que facía o alcalde da súa vila,  respostoume o seguinte: O alcalde do meu concello non fai nada, pero no derrama. A resposta ten o seu aquel, pois en Ourense houbo alcaldes que fixeron moi pouco ou, se o prefiren,  nada de nada. Máis tampouco derramaron nin esnaquizaron o pouco que había. Pasaron, con máis pena que gloria, e hoxe ninguén se lembra deles. Mais o caso da nosa cidade, coa aquiescencia do mandamais que se agocha na Deputación, o que temos   non fai,  pero  escaralla o pouco que hai feito. E enriba, ningunea  menospreza e, de cando en vez, insulta. Culturetas de extrema esquerda,  dixo que son  ós que traballan  nas asociacións culturais nos barrios e nas parroquias onde o Concello nin está nin se lle espera; onde pasan os anos nin se visita o lugar para preguntar cales son as carencias culturais e de todo tipo que hai que arranxar. Onde se  traballa por defender as tradicións e a cultura que non é a estandar que pulula en moitos medios e  quere afogar  a nosa forma de vida, pra  uniformarnos a todos como masa impersoal e maleabel.   Que tristeiro é que un alcalde diga: o que queira cultura que a pague, mentres enche o concello de liberados inútiles.  A que chegamos en Ourense? A ver  o alcalde de todos como insulta ós  colectivos que traballan de maneira altruista sen ningunha axuda isntritucional?   Nunca, no maxín de milleiros de ourensás, se chegou a entender  que gobernaría nesta cidade unha persoa similar a don Celedonio o persoeiro do libro Risco. Nunca pensamos  que Ourense tería como dixo o Sr. Feijoo unha persoa  letal na cadeira de mando desta cidade. 

Máis que ninguén se engane: o silencio de quen se agocha baixo desculpas baratas non ten perdón. O silencio de quen move os fíos pra que isto siga apodrecendo ten nome  é  chámase presidente dos populares desta provincia ida a menos. En fin, xeralizar coa idea de desprextixiar e difamar,  cando o fai un cargo público,  afea  e moito a vida de todos os ourensás. De pena.


Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias

Arroutadas