Ourense cara un ermo cultural

Manuel Herminio Iglesias

Publicidade

A cultura   debe ser considerada  como unha faceta importante  e necesaria dentro dunha sociedade. E por ser algo importante e necesaria nunha sociedade hoxe  quero comentar  a situación da  cultura  nesta cidade do interior galaico.

Formalmente a cultura chegou a ter un espazo con concellería  propia  na maioría dos   concellos  coa chegada da democracia. E entre ises concellos estaba o da nosa cidade. Pois,  antes  a  concellería era de festas,  aínda que nela  facíanse actividades culturais. E dende esa data,  houbo moitos concelleiros que tentaron deixar marca.  Pretendían facelo  abranguendo dous espazos ou obxectivos  que non son contrapostos. O primeiro era manter as festas tradicionais da cidade Corpus, Maios e entroido etc;   e o outro era ter un tecido cultural asociativo  no municipio  que fora base pra aumentar a participación da veciñanza dos distintos barrios e partes do  concello.

Na lembranza, aínda que hai máis,  citarei a un concelleiro: Balbino Alvarez e a dúas concelleiras:    Isabel Perez e Ana Garrido.  Esta xente coa súa  labor entenderon que a vida cultural non só era traer grandes actuacións nas festas e demais actos, se non que  era preciso ter en todo o Concello  un tecido cultural de base  que axudara a  dinamizalo  e que fomentase a participación social  e mellorase o coñecemento da nosa historia local e a descafeinada ourensanía que outros organismos promoven.

Mais os tempos trocaron e no concello chegou o mandato da desfeita; chegou o tempo no que, o pouco que quedaba e funcionaba, había que pechalo. E apareceu  o modelo que di: o que queira cultura que a pague. E desta maneira, e con esa dialéctica incendiaria dos que andan  carentes de cultura e sensibilidade, perdeuse en boa parte o festival Pórtico da Paraíso; pasouse o festival de Cine á Deputación, festival que camiña cara unha desfiguración do que debía ser; cortáronse, con impedimentos varios e restricións absurdas,  o cativo apoio ás actividades culturais que se facían nos barrios; pechouse o museo municipal; medio pechouse o Auditorio e todo vai camiño de esnaquizar a Universidade Popular. A iso, hai que sumarlle a desaparición da banda de música e podíamos seguir nomeando máis cousas. Pola contra, chegou o tempo dos asesores nos que se gasta un diñeiral; tamén o  dos cargos a dedo,  o do  city manager e o das ocurrencias estrafalarias.

Ourense camiña dereito a ser un ermo cultural. Non abonda con perder poboación e ver como morre  o pequeno comercio; se non que hai que rematar coas actividades culturais que xa  existían e que axudaban  a que non se  despersonalizara máis a  cidade.   No tempo do individualismo, a pouca  vida cultural existente da cidade camiña cara a  súa  desaparición total. Pois a  política cultural limitase a traer    algunha actuación de persoeiros ou grupos foráneos, e nada máis.  Ou sexa: actuar como  unha axencia de contratación de espectáculos  seguindo  o camiño da cultura de masas que nos marcan dende fora.  Polo que, o descoñecemento  de que  hai outra cultura que lle da personalidade o concello  e á cidade é evidente.  E a pouca actividade cultural  que queda  resiste e vive ó marxe dun concello e demais entidades públicas que a ignoran. O  empeño da xente altruísta que se move nos barrios desta cidade é  que mantén viva a asociacións,  recupera datas historicas e festas   ten a  espranza,  de que este  andazo  axiña pasará ó esquecemento.  E Ourense,  que  anos atrás  chamouse a  Atenas de Galicia, supere esta outra  pandemia. Polo tanto, chegou o momento de que todos os que traballamos de maneira altruísta pola cultura de base, unamos a nosa voz e tentemos poñerlle freo a este despropósito. Pois, se non o facemos,  seremos cómplices  desta desfeita que desprestixia ó  Concello como institución  e  por extensión a nosa cidade e ós que vivimos nela.


Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias

Vandalismo, botellóns e desleixo

Na procura da felicidade

Dúas maneiras de actuar na política

Tinte galeguista

Abrindo un novo camiño

Lembrades a democracia organica?

Actuar en manada

Os refráns na política

As miserias na política

De xeonllos e pedindo perdón

Culturetas de ….

Arroutadas