Na procura da felicidade

Manuel Herminio Iglesias


Todos os seres humanos   na  vida tratamos de buscar a felicidade como meta ideal. Ben sei que hai moitas definicións sobor da felicidade. Escollín dúas. A primeira di: Estado de grata satisfacción espiritual e física. A segunda: Estado de ánimo da persoa que se sinte  plenamente satisfeita por desfrutar de algo bo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ámbalas definicións  sinalan o  estado de satisfacción da persoa como eixo fundamental pra ser feliz. Polo que,  por dedución,  enténdese que, cando unha persoa está satisfeita  coa súa misión na vida, está  feliz  e se non é así, trata de buscar outra meta que ó satisfaga no seu existir.

Hai uns días un bispo, din que controvertido pola labor episcopal que facía, no canto de ter unha amante agochada, decidiu, por amor,  deixar o seu cargo pra  ser máis feliz.

Xa sei que os máis relixiosos dirán que o deixa polo amor mundano; e outros que está nas mans do demo e que hai que facerlle un exorcismo.  O asunto non  sería unha nova, de non ser por aquelo de tratarse dun purpurado da Igrexa  que deixa os seu votos de castidade e comeza un novo camiño na vida. Esta decisión que non é nova e que xa a tomaron moitos cregos pon, sobor da mesa, un debate sobre  o celibato obrigatorio pra exercer  de cura ou de bispo. Na actualidade sábese de moitos cregos que casaron e que, baixo a tolerancia  da igrexa actual, seguen a dicir misa e non pasa nada.  Na nosa  terra  hai varios. Eles,   discrepando neste senso  da doutrina oficial, esgrimen como defensa de que o Celibato, é unha  imposición  que se comenzou  no concilio de Elvira en Granada no ano 325, e que logo foi eliminados no de Nicea 325, pra ser posto de novo en vigor nos  concilios de Lastrâo I 1125, II 1139  e III 1179 e logo  ratificado no de Trento 1545.  Esta  imposición que, a día de hoxe está fora de tempo, agudízase  na institución relixiosa coa falla de cregos pra atender as parroquias espalladas polo rural galego.

Sinalei que todas as accións humanas procuran a felicidade da persoas; unhas están no eido mundano da terra, e outras no eido espiritual  ou relixioso. Mais, tamén sabemos que a felicidade é un compendio que implica sentirse realizado en ámbolos  dous estadios. E neste senso  unha persoa, un crego  que proclama e profesa  unha relixión, podería compatibilizar  casar e ter  fillos e, á vez,   realizarse como persoa sen ter que  renunciar á vida clerical. Pois estaría cumprindo dúas facetas: a da vida matrimonial en familia e a de ser crego.

O bispo de Solsona  deu un paso que amosa valentía e sinceridade. Namorouse e quixo sacalo á luz pública pra non ter que agochalo ou andar dando que falar. Outros  cregos non dan o paso, e fomentan que as linguas murmuradoras, que tanto dano lle fan a institución relixiosa, falen. Facede o que eu digo, non o que eu fago, di un dito moi popular que se basea na sapiencia de que somos humanos e polo tanto temos moitas  debilidades. Condenar os impulsos da  natureza parece un feito  pouco natural cando ser crego e  formar unha familia cunha muller  son realidades compatibles.

En fin, estou seguro que o debate non tardará moito tempo en abrirse e, nesa organización  piramidal que é Igrexa,  o Celibato chegará a ser opcional; pois os tempos  mudaron  moito. E se non andas cos tempos perdes o tren e quedas encorado nun pasado moi anacrónico. Ademais, os seminarios andan moi escasos de vocacións. E en tempo de escaseza hai que aproveitar o que xa se ten. 


Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias

Dúas maneiras de actuar na política

Tinte galeguista

Abrindo un novo camiño

Lembrades a democracia organica?

Actuar en manada

Os refráns na política

As miserias na política

De xeonllos e pedindo perdón

Culturetas de ….

Arroutadas