O Psoe de Pereiro insta ao concello a arranxar a estrada municipal de Lamela

O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar vén de rexistrar un escrito para que o Concello proceda a revisar e arranxar as fochancas da estrada municipal que une a parroquia de Lamela coa urbanización de Monterrei e o Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar. Os socialistas critican, que a pesares de que a obra de ampliación da estrada realizouse fai escasos meses, cun investimento duns 60.000 euros, o rego asfáltico xa está deteriorado con fochancas e buracos.

Publicidade

Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian que a situación actual da estrada “pon en perigo aos vehículos e condutores, dado o gran número de buracos, dunha profundidade considerable”. A estrada municipal de Lamela, trátase dunha vía cun gran volume de tráfico, dado o seu uso a diario por centos de vehículos que se desprazan ata o colexio Miraflores, o campo de Golf, á urbanización de Montealegre ou o Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar.

Os socialistas urxen unha actuación inmediata para “corrixir as deficiencias e mellorar a seguridade viaria no pobo de Lamela” e agardan a que “desta vez non volvan a producirse deficiencias con tanta rapidez, xa que se trata dunha intervención feita fai escasos meses e non pode comprenderse que xa presente fochancas”.

O PSdeG-PSOE de Pereiro tamén reflexou no escrito o seu desacordo cos materiais empregados nas contornas de dúas zonas protexidas pola Lei de Patrimonio Cultural, como son a Capela de San Caetano, catalogado como de interese arquitectónico e cultural e o Pazo Torre de Lamela, que é un ben de interese cultural. “Solicitamos que se proceda a substituír o actual asfaltado por un empedrado máis acorde cunha contorna da importancia destas dúas zonas de gran valor patrimonial, cultural e arquitectónico”, explica a concelleira socialista, Ana Belén Hermida Dibuja.

Os socialistas agardan que o grupo de goberno municipal do Partido Popular acepte a solicitude e proceda o arranxo das fochancas “para pór solución ao deterioro, que non vaia máis e mellorar a seguridade de condutores e veciños e veciñas”. Tamén recalcan a “necesidade de substituír o pavimento mediante un empedrado, nas contornas de gran valor patrimonial, para deste xeito optar por unha opción máis idónea para a zona e de maior resistencia”.