Espazo Común de Piñor reclama o mantemento das fosas sépticas

Tras recibir numerosas queixas sobre a situación na que se atopaban varias fosas sépticas, os concelleiros de Espazo Común puideron comprobar por si mesmos a veracidade das queixas. O estado das fosas, segundo a formación, resulta  lamentable, asegurando que se atopan rodeadas de maleza, con cheiros fedorentos  e vertendo directamente para os cursos de auga da cunca do río Arenteiro.

O portavoz, Francisco Fraga, recalca que a imaxe non pode “ser máis deplorable para un concello que gasta importantes cantidades de diñeiro en organizar numerosos e variados eventos que seica teñen a intención de promover ó Concello de Piñor  coma un destino do turismo de natureza”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O concelleiro de Espazo Común asegura os problemas de contaminación que están causando nas augas e no entorno medioambiental do municipio son graves, xerando focos de infección que constitúen un risco severo para a saúde pública. Neste sentido, esixénlle ó goberno local que limpe as fosas sépticas sen máis espera.

“Xa estamos fartos de escusas peregrinas, a xestión do saneamento é unha competencia municipal e leva máis de cinco anos  de alcalde dicindo que lle dedica ó concello as 24 horas ó día dos 7 días da semana; pero non é quen nin de manter as fosas sépticas como é debido”  sinala o voceiro do grupo municipal de Espazo Común ó tempo que engade que non pararán ata que estean as fosas limpas e co mantemento axeitado.