A Xunta e Carballeda de Avia avanzan no primeiro espazo agrario de experimentación

A Xunta e o Concello de Carballeda de Avia veñen de avanzar na implementación do primeiro espazo agrario de experimentación que se desenvolverá ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o alcalde desta localidade ourensá, Luis Milia, reuníronse para darlle un pulo a esta iniciativa no marco da aldea modelo de Muimenta, coa idea de centrala probablemente na horta ecolóxica.

Cabe apuntar que os espazos agrarios de experimentación configúranse como espazos destinados á formación e experimentación de actividades agrarias, nos que as persoas mozas ou emprendedoras poidan recibir formación e probar o seu modelo de negocio nunha contorna favorable que fomente a innovación e facilite a súa incorporación progresiva ao sector agrario e a transferencia de coñecemento. Deste xeito, o obxectivo deste espazo de Carballeda de Avia será facilitar procesos progresivos de novas incorporacións ao sector agrario do municipio.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na xuntanza quedou patente que este espazo agrario de experimentación só ocupará unha parte das parcelas da aldea modelo de Muimenta, polo que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural volverá convocar un novo procedemento de concorrencia competitiva para o resto dos terreos que abrangue esta figura de posta en valor. O obxectivo é seleccionar propostas de aproveitamento, unha vez -ademais- o consistorio xa tivo constancia de produtores interesados na súa explotación.

A maiores, na reunión abordáronse os avances ao respecto do plan de dinamización do núcleo rural da aldea modelo de Muimenta encargado á Fundación RIA, un instrumento de planificación no que se integrarán actuacións a nivel económico, ambiental ou social que procurarán a mellora da calidade de vida e a revitalización do núcleo.

Cabe lembrar que a aldea modelo de Muimenta conta cunha superficie de 29,14 hectáreas, distribuídas en 1.639 parcelas de 242 propietarios. No borrador de guía de ordenación produtiva publicado no Diario Oficial de Galicia, establecíanse como usos máis idóneos a gandaría en extensivo, así como o cultivo de viñas, producións hortícolas, oliveiras ou froiteiras, xa máis preto do núcleo rural.