Vandalismo, botellóns e desleixo

Manuel Herminio Iglesias

Publicidade

VANDALISMO, BOTELLÓNS E DESLEIXO

Na terra das liberdades, a ausencia de civismo en determinados sectores da poboación   cada día é máis evidente. O concepto de respecto polo mobiliario público e incluso  polos  bens particulares, refírome as fachadas,  portas das vivendas e outros locais, pasa por un mal momento. Os fantasmas dos garabatos e pintadas viven o seu momento de gloria. Pois calquera porta ou edificio público está en perigo dado que  estas persoas pensan que son  uns artistas co rotulador ou o  exprai e sempre andan a facer das súas. O malo que hai é que  algúns  queren facernos  tragar o sapo de que eso é arte urbano. A este mal que xa ven de lonxe,  hai que sumarlle o de desfacer sinais, arrincar papeleiras e tiralas ó río, como no caso dos paseos do Barbaña ou río dos Muíños; chimpar luminarias  publicas e estragar bancos de madeira ou de pedra. Todo elo é  un bo  exemplo de incivismo que pulula polas nosas cidades e vilas. A última cafrada arrincar a baranda do palco da música da Alameda. Xa sei que os que o fixeron non lles importa que ise palco sexa unha  obra de Vázquez Gulías, ilustre  arquitecto. Quizais o ignoren.

Por outra parte,  está o problema dos botellóns. Agora pra demostrar que xa actúas como  un home ou muller feito e dereito,   tes que coller unha mona e logo aturar unha boa resaca. Eso seica é a liberdade pola que se pretende xustificar esta absurda moda.  Pena de xuventude que anda nesas leas. Pena de mozos e de rapazas que pra divertirse e socializar  teñen que beber ate chegar a perder o tino poñendo en risco a súa saúde.

Pero esta é a sociedade na que vivimos;  sociedade onde moitos valores positivos pasaron ó esquecemento.  Transmitir valores  obriga a que non todo  pode quedar  en mans da escola e do instituto. Pois  no tema educativo a labor da familia pesa moito. E si eso falla mai imos. Hoxe moita xuventude síntese moi libre participando desas macro-botellóns ou macro-festas e,  esquece que onde tiña que participar con máis forza era na vida pública pra acadar melloras na súa precaria e incerta vida laboral; melloras na vida da comunidade  e  así  arranxar os graves atrancos que teñen pra acceder a súa independencia.

Vivimos na sociedade onde soamente se alenta o individualismo. Onde o colectivo e o público, como é de todos, non se valora e, polo tanto, tírase e desfaise. Vivimos un tempo no que moitos valores como o respecto, o coidado do que é comunitario  está á baixa. E diante esta situación precísase que os entes públicos den pasos claros. O acontecido nestes días nas grandes cidades como Barcelona e Madrid ten que rematar.  Pois é unha mostra dunha sociedade que sofre unha patoloxía que parece non ter cura.   Polo que precísase unha campaña educativa  que abranga colexios, institutos,  universidade,  así como outros entes, e que   poña  en valor os servizos,  material urbano  e edificios, que forman a comunidade.  Precísase  frear estas condutas antisociais que tanto dano fan e que estragan a vida da comunidade.  Ben sei que esta é unha labor constante que tardará tempo en dar froitos. Mais o problema témolo ben á vista.

En fin, no tempo das liberdades  e onde case  todo vale,  ter que sufrir o vandalismo  e aturar os botellóns é unha barbaridade que  nos  afea  como sociedade.  E neste asunto as familias, a escola,   os concellos e tamén as  demais administracións públicas teñen que abandonar o desleixo co que se trata este problema.


Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias

Na procura da felicidade

Dúas maneiras de actuar na política

Tinte galeguista

Abrindo un novo camiño

Lembrades a democracia organica?

Actuar en manada

Os refráns na política

As miserias na política

De xeonllos e pedindo perdón

Culturetas de ….

Arroutadas