O Concello de Piñor informa da posta en marcha do programa de actividades infantís PIÑOR CONCILIA “DIVERVERÁN”, destinado a fomentar a conciliación laboral e familiar.
Como xa é habitual, dende o Concello de Piñor pretendemos contribuír á conciliación da vida familiar e laboral, ademais de ofrecer alternativas lúdico-educativas ós cativos, pois o verán é un momento ideal para desfrutar cos iguais e á vez aprender. Estas actividades están integradas dentro do proxecto PIÑOR CONCILIA, que persegue ofrecer servizos de conciliación ás familias durante os períodos de vacacións escolares.
O PIÑOR CONCILIA “DIVERVERÁN” consiste en actividades diarias dende o 6 de xullo ó 4 de setembro, de luns a venres de 10:00h a 13:00h, onde os cativos de entre 4 e 13 anos de idade poderán desfrutar de talleres e xogos moi variados. O lugar onde se desenvolverá esta iniciativa será o Centro Social.
Como novidade, por mor do COVID19, haberá unhas normas de obrigado cumprimento para familias e menores, así como un desenvolvemento das actividades marcado polo carácter preventivo e polo cumprimento das medidas sanitarias establecidas. Asemade, polos mesmos motivos, este ano haberá prazas limitadas, o que permitirá o desenvolvemento do proxecto dun modo máis seguro.
O período de inscrición abrirase o vindeiro 25 de xuño, e rematará o 2 de xullo. Toda a documentación para o proceso será facilitada nos Servizos Sociais.