O PPdeG salienta a presenza galega na Comisión que debaterá a Lei de Amnistía no Senado: “Galicia di non á impunidade, a chantaxe e a desigualdade”

O PPdeG salienta que a presenza de tres senadoras galegas, Rosa Gallego, Rosa Sánchez e Pepa Pardo, na Comisión que debaterá a Lei de Amnistía no Senado supón “unha gran oportunidade para evidenciar o non de Galicia á impunidade, a chantaxe e a desigualdade que promove un Goberno central sometido ao independentismo”.

A Cámara Alta vén de constituír unha Comisión conxunta de Xustiza e Constitucional que terá como obxectivo a tramitación da proposición de Lei de Amnistía e que, presidida por Pío García Escudero, contará coa pontevedresa Pepa Pardo como viceportavoz e Rosa Gallego (A Coruña) e Rosa Sánchez (Ourense) como vogais.

AVANTAR ACTIVIDADES

Desde o PPdeG agardan que, do mesmo xeito que os seus 14 senadores e senadoras “defenderán a dignidade de Galicia ante este novo agravio”, tamén fagan o mesmo os representantes do PSOE e do BNG na Cámara Alta. Do contrario, afirman, irían en contra do sentir maioritario de Galicia: “Os galegos expresamos maioritariamente nas urnas que non queremos nin imos admitir chantaxes ou sometementos. O que queremos é igualdade, entendemento, responsabilidade e dignidade para a nosa terra”.

Pepa Pardo asegura neste sentido que a Lei de Amnistía é “infame” e “indigna” na medida en que “dota de impunidade a delincuentes a cambio de poder” e “son os propios delincuentes os que establecen ata onde alcanza esa impunidade”. De aí que reivindique a “honra” e a “responsabilidade” coa que asume a responsabilidade de “defender a igualdade de todos os españois” nesta Comisión.