O grupo socialista reclámalle á Xunta “autocrítica” para reformular a candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Noa Díaz reivindica unha formulación “máis realista e pegada ao territorio, traballada cos axentes sociais, económicos e culturais da Ribeira Sacra”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, reclamoulle hoxe á Xunta “parar, facer autocrítica e mudar a formulación” da malograda candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento logo da decisión da Xunta de aprazar a proposta logo dun informe do Icomos desaconsellando a proposta.

Díaz propuxo unha candidatura “máis realista e pegada ao territorio, traballada cos axentes sociais, económicos e culturais da Ribeira Sacra”, por canto estiveron excluídos desta candidatura presentada pola Xunta cun proxecto que nunca foi feito público. Segundo revela o informe do Icomos, a candidatura foi baseada no carácter sacro e relixioso da Ribeira Sacra e a súa espiritualidade milenaria, que para o organismo asesor era insuficiente para obter a declaración.

A responsable socialista reclamoulle á Xunta que “aprendan a lección e para a futura (re)presentación conten co movemento social e cultural da zona e cos propios concellos afectados, que non coñecían a estratexia formulada” polo goberno galego.

Sinala que “continúan a falar do ‘Plan Ribeira Sacra. Plan de Xestión da Paisaxe cultural’, anunciando 34 millóns de euros, pero “nada se sabe dese plan, nin das liñas de acción estratéxica, nin do destino das partidas, nin canto lle vai corresponder a cada Concello, en cada exercicio e de que Consellería”. Advirte de que “non poden fialo todo a un proxecto presentado aos Fondos Next Generation EU cando saben que é unha entelequia con máis incertezas que certezas”.

Preguntoulle ademais “cantas veces se reuniu a Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra, presentada como ferramenta clave na coordinación de accións para avanzar coas máximas garantías no desenvolvemento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade”.

Lembra que xa en 2017 o PSdeG “preguntaba no Parlamento sobre se o que semellaba a paralización do proceso obedecía aos problemas da delimitación da zona, polas protestas por falla de información, pola falla de informes e estudos ou polo rexeitamento por parte das actividades económicas dentro da zona delimitada”. Todas estas preguntas, lembra, eran “as que se facían os veciños e persoas interesadas sobre o silencio que rodeaba ao proceso de declaración”.