O grupo provincial socialista urxe á Deputación de Ourense para a activación “efectiva e inmediata” do plan Emergou fronte ao risco de inundacións

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O EmergOU aprobado pola corporación provincial en xaneiro de 2023 aspiraba a “dar resposta ás necesidades dos concellos afectados por riadas, inundacións e desprendementos causados polas chuvias”.

“O Plan quedou en mera propaganda e, case dous anos despois, a prevención segue a ser unha urxencia na provincia”, di a deputada socialista Elvira Lama.

“A Deputación debe velar polo acaído funcionamento dos mecanismos de información e prevención para evitar males maiores” nunha provincia cuns 7.000 inmobles construídos en zona inundable, di Lama.

Xinzo de Limia, 22 de novembro de 2024. Desde Xinzo de Limia, un dos concellos ourensáns con maior risco de inundación da provincia, o Grupo Socialista presenta unha iniciativa que esixe da Deputación de Ourense a activación “efectiva e inmediata” do Plan EmergOU. Este Plan, que foi aprobado en xaneiro de 2023 pola xunta de goberno da corporación provincial, pretendía “dar resposta ás necesidades dos concellos afectados por riadas, inundacións e desprendementos causados polas chuvias”.

O EmergOU aspiraba a canalizar a resposta da administración provincial a situacións de emerxencia e catástrofe a través da mobilización de maquinaria e persoal, equipos técnicos e xurídicos, e mesmo cun plan de infraestruturas e medidas técnicas, e a conformación dun fondo financeiro para sufragar danos. “O Plan quedou en mera propaganda e, case dous anos despois, a prevención segue a ser unha urxencia na provincia”, di a deputada socialista na Deputación, Elvira Lama.

Hai sistemas de aviso meteorolóxico rigorosos, cartografías dixitais, técnicos e profesionais de protección civil, normativas para a previsión e protección no eido hidráulico; leis e plans territoriais que proscriben construír en zonas de risco, múltiples vías de comunicación oficiais que ofrecen mensaxes veraces, e corpos e forzas de seguridade que actúan con rapidez ante catástrofes.

“Con tantas ferramentas ao dispor, a Deputación debe velar polo acaído funcionamento dos mecanismos de información e prevención para evitar males maiores”, sostén a deputada socialista por Xinzo de Limia, un dos concellos con maior risco de inundación da provincia. Segundo esta, “temos moi presente o drama que se está a vivir en certos territorios do Estado e, ben que o risco en Ourense non é tan elevado, non podemos pasar por alto eventuais continxencias que, como as inundacións, poderían sobrevir por mor do cambio climático”.

Concellos ourensáns baixo ameaza de inundación

Malia a súa obrigatoriedade en concellos con risco medio de inundacións, tan só A Rúa, Monterrei e Ribadavia contan cun plan de actuación a tal efecto. “Os nosos concellos teñen que contar con medidas acaídas para preservar a poboación e os bens materiais de eventuais asolagamentos e avenidas de auga”, defende Lama.

“É por iso que a nosa iniciativa tamén contempla que a Deputación se implique activamente e colabore cos concellos ourensáns que aínda no dispoñan dun plan de actuación contra inundacións para a urxente elaboración e aprobación do devandito documento”, engade a deputada socialista.

Actualmente, na provincia de Ourense uns 7.000 inmobles están construídos en zona inundable, segundo datos do Catastro e do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Verín é o concello con máis vivendas en zona inundable (2.691), seguido por Xinzo de Limia (1.330) e O Barco de Valdeorras (1.106). Ata 13 municipios ourensáns revisten perigo “medio-baixo” de inundacións, sumando aos mencionados A Rúa, Barbadás, Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Leiro, Monterrei, Ribadavia, e Vilamartín de Valdeorras.

A comezos do 2023 e tras unhas fortes chuvias, a provincia de Ourense sufriu o desbordamento dos fluxos fluviais e avenidas de auga que orixinaron corrementos de terra, grandes covos, desmantelamento zonas de recreo e cuantiosos prexuízos. Entre outros, víronse afectados concellos coma A Arnoia, A Peroxa, Allariz, Amoeiro, Baños de Molgas, Celanova, Cartelle, O Carballiño, Ourense, Ribadavia e Vilar de Barrio.