o grupo socialista reclámalle á xunta que manteña o servizo de axuda ao fogar extraordinario ata a fin da pandemia

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle hoxe á Xunta que manteña o Servizo de Axuda ao Fogar –SAF- extraordinario a dependentes activo ata a fin da pandemia. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei en Comisión ante o remate desta axuda, que o 30 de novembro será retirado pola Xunta, e que foi rexeitada polo voto en contra do PP.

A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “estea á altura das circunstancias” e manteña este servizo fundamental para unhas persoas en situación de “vulnerabilidade absoluta”, ao tratarse de dependentes especialmente sensibles á restrición de movementos. Resumiu que os usuarios deste SAF extraordinario “son persoas vulnerables que precisan continuar co servizo”.

Sinalou que as administracións locais “teñen destinado moitísimos recursos e esforzos” derivados da pandemia, e “agora ten que estar a Xunta para respaldar e non retirarlles o SAF extraordinario aos seus usuarios. Lembrou que este servizo extraordinario foi anunciado pola Xunta o pasado 11 de abril, cando informaba da asignación de 500.000 novas horas mensuais aos concelles para o coidado a domicilio de persoas con necesidades asistenciais que rematan en dez días.

Ortega advirte que “é máis importante que nunca que o servizo continúe, e reclamou “replantexar o que pasou co SAF na pandemia” no canto á “desprotección, falla de información e de protocolos para os usuarios e tamén para as persoas traballadoras deste servizo”.

Eu convido e ti pagas

Sinalou que “unha cosa é que todos colaboren, tamén as administracións locais, pero outra é que eu convido e ti pagas”. Neste sentido instou á Xunta a “estar á altura das circunstancias e actualizar os pagos do SAF ordinario”, logo dunha década sen facerse cargo do incremento nos custes do servizo, que tivo que ser asumido na súa totalidade polos concellos, a outra administración que cofinancia este servizo.

Actualmente o custe “cae sobre os cartos dos veciños e das veciñas” a través dos concellos, así como o copago dos usuarios, xa que ao goberno galego “non actualizou nestes anos un pago por hora que ten que afrontar canto antes”.

Marina Ortega apuntou que o Servizo de Axuda ao Fogar “forma parte dos servizos sociais descoñecidos para a sociedade, vitais sobre todo neste momento, que debemos reforzar para que forme parte do modelo de atención aos maiores”. Puxo así este servizo parello aos centros de día, actividades comunitarias, teleasistencia, envellecemento activo ou atención residencial.

Proposición  non  de  lei  en Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego.

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa deputada e do seu deputado, Marina Ortega Otero e Julio Torrado Quintela, a través do seu portavoz, e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte Proposición non de lei en Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego.

O 11 de abril a Xunta de Galicia anunciaba un Servizo de Axuda no Fogar extraordinario  para responder  a situacións  de emerxencia  durante  o tempo  da alerta sanitaria causada polo Covid-19.

En concreto a Xunta informaba de que asignarían 500.000 novas horas mensuais aos   concellos   para   o  coidado   a  domicilio   das   persoas   con   necesidades asistenciais.   En   canto   ao   copago   que   habitualmente   fan   os  usuarios   de dependencia  no  SAF  ordinario,  a  Xunta  de  Galicia  comprometeuse   a  que asumiría o coste dos mesmos.

En concreto, o reparto por provincias foi o seguinte: A Coruña 196.000 horas de servizo, na de Lugo 113.000, en Ourense 69.000 e en Pontevedra 122.000 horas. A  implantación  deste  SAF  extraordinario  forma  parte  das  medidas  do  Plan Social de continxencia aprobado polo Consello da Xunta para dar resposta ás consecuencias  da emerxencia  sanitaria  provocada  polo  coronavirus  nos colectivos   de   poboación   máis   vulnerables,   como   é   o   caso   das   persoas dependentes.

Actualmente   Galicia  atópase   inmersa   no  centro  dunha  pandemia,   onde  a situación segue a ser preocupante, máis aínda en provincias coma Ourense que se atopa con limitacións  moi estritas debido ao número elevado de contaxios, sobre todo na cidade.

A Xunta de Galicia anuncia que día o 30 de novembro   retirará este servizo extraordinario aos usuarios dependentes, que dada a situación epidemiolóxica, estaban percibindo.

Dende  o Grupo  Socialista  consideramos  que  este  servicio  naceu  cun compromiso que aínda non rematou, xa que Galicia continúa nunha situación alarmante,  e  máis  aínda  tendo  en  conta  que  estamos  a  entrar  nun  período estacional  que pode complicar  aínda  máis  a pandemia  motivada  polo coronavirus. Os usuarios do SAF extraordinario son persoas vulnerables que precisan continuar co servizo.

Polo  exposto,  o  Grupo  Parlamentario  dos  Socialistas  de  Galicia  presenta  a seguinte Proposición non de lei:

“O Parlamento de Galicia a Xunta de Galicia a que manteña o Servizo de Axuda no Fogar extraordinario  e prorrogue  o mesmo  ata que a pandemia  provocada polo coronavirus Covid-19 se atope controlada na nosa comunidade autónoma.”