O Psdeg-Psoe ourensán amosa a súa “seria preocupación” ante o “escurantismo” de Jácome a respecto dos últimos movementos na xestión e titularidade do Cob

IES CHAMOSO LAMAS

Os socialistas aseguran que solicitaron información en numerosas ocasións a través do CMD, obtendo “a calada por resposta”, tanto por parte do alcalde como do novo concelleiro de deportes, Mario Guede

Reclaman unha auditoría do club e esixen que o alcalde deixe de actuar como se fora un axente de investidores privados, “en busca de quen sabe que intereses particulares”

HIPER MASIDE

O PSdeG-PSOE de Ourense amosa a súa “seria preocupación” polo “escurantismo” de Jácome a respecto dos últimos movementos na xestión e titularidade do Club Ourense Baloncesto SAD e reclama “total transparencia” e “imparcialidade” por parte do alcalde.

“A día de hoxe, e malia que en numerosas ocasións solicitamos información en relación a este asunto, o alcalde dá a calada por resposta, sen que tampouco na última reunión do Consello Municipal de Deportes o seu novo presidente, Mario Guede, puidera aclarar nada, remitíndonos ao propio alcalde”, sinalan os socialistas.

Así as cousas, dende o grupo municipal socialista reclaman que os grupos da oposición, e por extensión, a veciñanza de Ourense, sexan informados das circunstancias que rodean os cambios anunciados polo rexedor, non só no tocante á xestión do club, senón tamén á súa propiedade.

“Tendo en conta que o Concello de Ourense é un dos accionistas maioritarios do COB, é necesario coñecer en que condicións vai entrar o capital privado, cal vai ser o prezo das accións en venda, se vai haber ampliación de capital social, cales son as garantías de que o COB manteña a súa sede en Ourense, etc.”, explican.

Ademais, esixen unha auditoría do club que revele cal é o seu valor actual e a súa débeda existente, para que a posible entrada de capital privado –co fin de facerse co seu capital social– sexa “o máis transparente posible”.

“O COB, coma outros clubs, vén sendo beneficiario de subvencións públicas outorgadas dende o Concello, o que fai aínda máis necesaria esa transparencia total”, advirten. 

Os socialistas aseguran que non están en contra de que entre capital privado nos clubs máis representativos, mais aclaran que “debe ser unha decisión que adopte a masa social dos devanditos clubs”. Neste sentido, consideran que o alcalde-empresario Jácome debe actuar de modo “imparcial e obxectivo”, de acordo coa institución que preside, no canto de facelo como un comisionista ou axente de investidores privados, “en busca de quen sabe que intereses particulares”. 

Por último, censuran que o rexedor queira erixirse en “salvador” do COB, despois do seu intento frustrado de fusionar a UDO e o Ourense CF o ano pasado, ignorando e desprezando a masa social do primeiro. “Jácome insiste en atacar dende as redes sociais os socios e socias da UDO que manifestaron a súa negativa para cambiar a filosofía do club; un comportamento impropio dun alcalde, que representa a toda a veciñanza”.