A Xunta avala o traballo do xeodestino O Ribeiro e pono como exemplo de desenvolvemento turístico

  • O delegado territorial informou do convenio de colaboración asinado coa entidade e destacou a súa capacidade para converter en un atractivo turístico esta comarca que conta cun gran potencial termal e vitivinícola
  • Gabriel Alén informou do recente convenio asinado que contempla un investimento de 34.000 euros para a subvención de actividades relacionadas coa promoción, dinamización e fomento do turismo a través do marketing e comunicación

O delegado territorial da Xunta mantivo esta mañá un encontro cos representantes deste ente local

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén,  acompañado polo alcaldes de O Carballiño, Francisco Fumega, e de Leiro, Francisco Fernández, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos representantes do xeodestino O Ribeiro. A Mancomunidade Terras do Avia é un ente local non territorial integrada polos concellos de Boborás, Ribadavia, O Carballiño e Leiro

AVANTAR ACTIVIDADES

No encontro o representante do Goberno autonómico informoulles do recente convenio asinado con este xeodestino que contempla un investimento de 34.000 euros para a subvención de actividades relacionadas coa promoción, dinamización e fomento do turismo a través do marketing e comunicación dos seus produtos e a presenza do xeodestino en feiras e exposicións. Pola súa banda, a asociación tamén levará a cabo unha achega de 6.800 euros.

O delegado territorial destacou que este apoio económico permitirá modernizar e profesionalizar o sector turístico da comarca para mellorar a calidade e a competitividade da súa oferta turística. Trátase – en palabras do delegado- de “levar a cabo actividades relacionadas coa promoción, dinamización e fomento da riqueza e do turismo do xeodestino O Ribeiro para contribuír á potenciación do territorio que configura o ámbito desta comarca e á súa consolidación como destino turístico de interior e consecuentemente, xerador de emprego e redistribuidor de riqueza”.

Gabriel Alén subliñou que “O Ribeiro é un dos destinos galegos que se caracteriza pola súa implicación e esforzo no desenvolvemento de produtos turísticos innovadores e sostibles relacionados co ecoturismo, xa que a calidade e a sostibilidade son os eixos da proposta deste xeodestino”. E engadiu que para “continuar traballando neste liña, o convenio de colaboración que hoxe se presentou establece as bases para a subvención de actividades para seguir colocando esta zona entre os principais destinos turísticos entre os visitantes que se achegan a Galicia”. Aquí -continuou Gabriel Alén-  “a natureza, o patrimonio, a cultura e a hospitalidade son conceptos ou calidades que van da man do seu potencial termal e da súa puxanza vitivinícola”.

Os obxectivos que recolle pasan pola consolidación do xeodestino O Ribeiro como destino sostible; o afianzamento da colaboración público-privada a través da cooperación co sector turístico empresarial da zona e especialmente co sector da restauración para a posta en valor da marca Mancomunidade Terras do Avia”.


VIDEO SPOT LEIRO en BADAL TV

CONCELLO DE LEIRO