In Memoriam: Deixounos don Elixio, un dos máis grandes limiaos.

O Museo da Limia outorgaba  por unanimidade  no ano 2017 o seu primeiro Premio Pedra Alta a don Elixio Rivas Quintas, orixinario das terras de Xunqueira de Ambía .  Debería ter obtido todas as distincións e todos os recoñecementos que se conceden en Galicia, a teor do seu fecundo labor investigador e divulgativo  dos  máis  diversos saberes que conforman a cultura galega. Só polo seu espléndido  A Limia (1980), completo compendio de estudos sobre a comarca, sería merecente dun monumento que recoñecese a súa xenerosa e espléndida contribución cultural.

“Abeiro de palabras galegas”, en fermosa definición do académico Xesús Ferro Ruibal, don Elixio, amigo dos camiños, peregrino da palabra, percorreunos todos e falou con persoas de todos os territorios ao longo de máis de vinte anos, na procura infatigábel do extraordinario  tesouro lexical da nosa terra, ordenado e compilado durante máis de dez anos en vinte e sete volumes.  Mestre da Etnolingüística, creador intuitivo, o seu legado reúne máis de sesenta libros e centos de colaboracións en revistas e xornais.

AVANTAR ACTIVIDADES

Hai uns meses, a sección do museo  Biblioteca da Limia recibía, por mandado  persoal  do polígrafo, boa  parte da súa produción. Unha mostra máis  de bondade e xenerosidade dun home que dedicou toda a súa existencia ao servizo do seu pobo e ao estudo e difusión das súas manifestacións  culturais. Estaba pendente un acto de  recepción e encontro con don Elixio nas dependencias do museo, que terá de ser xa coa ausencia física do protagonista.

Os seus restos ficarán no santuario dos Milagres, ao pé do monte Medo, que Rivas Quintas tanto amou, para seguir custodiando o impresionante museo etnográfico que foi creando ao longo da súa vida exemplar.

Desde o Museo da Limia, convidamos  a todos á lectura e análise da obra de don Elixio Rivas Quintas, que indaga nos misterios do tempo e  ilumina  a  existencia  humana.  Sempre na memoria e na estima, gratitude eterna a quen tanto  nos deu  sen demandar  nada.

         DELFÍN  CASEIRO

         Presidente do Padroado do Museo da Limia