Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Por Felipe-Senén

”Aquí sempre foi bosco” escribía Novoneyra sobre o Courel. Como  puidera dicir que “En principio foi o monte” , xa que esa elevación que é o monte ven a ser o “outro” da cidade, do mundo urbano e tamén corrompido. Igual que no Entroido a máscara significa a besta do monte que invade o mundo civilizado… como noutrora se acudía ao monte, ás campas abertas ao ceo pra acender as fogueiras, danzar e compartir en roda xantar tribal. Toda cidade ou vila, entre o seu pentagrama de horizontes ondulantes e cambiantes segundo as nubes, tiña  o seu monte, espazos comunais e con algo de sacro-profano, como o seu altar. En Ourense é o Monte Alegre con aquelas Penas Sacras que tanto atraian a Cuevillas, como a Risco. No Carballiño, que ten montes dabondo pra elixir, o máis próximo era a Pena de Queiras, veciña de Señorín, erguida sobre o regueiro de Corzos e do Mato, sobre os lameiros do Amarillo, entre a Fontiña da Moa – por Medio a Fontiña do Ouro – e a Mina do Labrador, nacedouros ben coñecidos polos de antes… Nas abas dos montes abríanse as fontes limpas.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO
Pena ao fondo, camiño do Regueiro, Mato, 1955 (Foto Felipe L. López)

Topónimo de “Queiras” que pode ter relación coa queiroa que cobre estes lugares, igual que o de “Uceira” ten que ver coa uz. Espazos que foron mudando de fisionomía e sobre  os que hoxe campa o edificio do Instituto de Ensino Secundaria 1:  proxecto  erguido sobre o lugar da Moa, en época do Alcalde Javier Perea, solar doado en 1971 por Lidia Tizón e obra seguindo planos do arquitecto ourensán Gonzalo García Herguedas, referente no movemento moderno, construción inaugurada un 22 de xullo de 1976 coa presenza dos Reis e a vella ilusión dos Caballiñeses de ter un Instituto oficial. Estruturas funcionais sobre as que, logo, participarán complementándoas outros arquitectos, tamén ourensáns: Carlos Andrés Vallejo, Luis Cepeda Vicente e no 1997 o carballiñés Valentín Rodríguez Covela. Paramentos externos no 2010 revestidos de luz coa intervención, “Cores” proxecto  do creador e catedrático de plástica do centro Xoán Valcarcel. Solución que trata de fraccionar, ao menos á vista, as estruturas,  para que, dalgún xeito, dialoguen cunha paisaxe cambiante segundo as estacións do ano.  A Galiza cuberta de  desproporcionadas edificacións de tipo industrial, tristes, grises, ao cabo do tempo acaban sendo de paredóns cubertos de chorros amofados, esvaecidos, enfermizos, por iso mesmo defendemos a recuperación da policromía, ese vestido que tamén se pode mudar.

Pena de Queira ( Debuxo F.Senen)

Horizontes do Carballiño, cos Montes de Mesego ou da Lavandeira, sobre os que campan curiosas formacións graníticas, igual que os de Miomás, coa Pena Covertoira, nome que xa se refire ao seu fin de servir como acubillo, quizais dende a mesma prehistoria ate na guerra civil.

A Pena de Queiras é monte ermo, cambiante de cor: na primavera verde-marelo-moura e como musica de fondo un ambiente de rechouchio. Espazos tamén con valados de pedra, construcións que sempre me chamaron a atención por si puideran reaproveitar materiais provenientes de máis antigas construcións, quizais algo esculturado. Repaso aínda pendente, si é que os camiños que abeiran estes muros aínda existen. O que si existe é o sol que sigue  saíndo por ese seu nacente e mesmo a lúa asomando sobre Señorín e sobre esa a Fontenla que fai de bisagra co veciño monte de Corzos. Lugares, “locus amoenus” que inspiraron ao gran poeta, arxentino e galego (con devanceiros no Lago de Amarante)  Paco Luis Bernárdez. O sitio préstase e está en moitas lembranzas, mesmo en memorias inéditas que quedaron escritas, como nas do meu curmán Paulino Núñez Muñoz (Reque): unha vida, como a de tantos carballiñeses, que fuxe da posguerra, pasa por varios sitios e finalmente recala nunha Venezuela, na que medra, progresa, milita no chavismo, empobrece e morre coa carga das nostalxias…. Historia esta carballiñesa, de pastoreo na Pena, de feiras e camiños, de emigración, de opulencia e decadencia…. as  que me entregou, en capítulos, nos seus derradeiros días. Ao fin, como Ulises retorna a Itaca, un sempre trata de retornar aos paraísos da infancia.

Carballiño dende a Pena, 1962 (Foto Felipe L. López, en primeiro plano)

O noutrora o altar telúrico, coroado por unha peneda, onde celebrar os Magostos

Monte da Pena, o lugar ceibe, a ceo aberto, onde mellor soa un aturuxo, onde esparexerse, noutrora de pastoreo de ovellas e onde  domesticar e amansar aos cabalos. Propio pra escoitar a gaita e un folión de pandeiros, hoxe apreixados, enxordecedores, retumbando nun pavillón de uralita. Lugares que tiñan tamén o seu arrecendo, o máis potente  e sobrepóndose ao da flor das xestas e dos toxos, referímonos ao que lle daban os inmediatos curtidos do Piteira, unha industria carballiñesa por excelencia, que como tantas outras estaban vencelladas ao camiño e á feira,  asuntos que, para non perderse, deberan contarse nun museo. Era aquel un arrecendo acedo, a tanino, a coiro e ao que nos fomos afacendo e rebrota agora na memoria.

A imaxe do Monte da Pena que eu coñecín era con buracos abertos, anacos de penas cortadas,  esfaragulladas, restos de cachote e de canteira… entre as que xogábamos e ben acollían, contravento, propicia a acender naqueles acolledores ocos  as fogueiras dos Magostos.

Pena de Queiras que na metade dos anos corenta fora unha das canteiras escollidas polo mesmo arquitecto Antonio Palacios, seguro que acompañado de Otero Landeiro e de Marcelino Parrondo, para dotar de pedra a construción dese templo de realismo máxico que é a Veracruz. Non entendemo que Antonio Palacios –  tan defensor do “espírito” de Galiza, das súas paisaxe e paisanaxes, o que espallou para a construción as variedades  de pedras do seu Porriño natal, o bo facer dos canteiros galegos, quen mesmo entre o Porriño e Ponteareas defendera os monumentos naturais incluídos nunha ruta das Pedras, as que coroan Cans  e a Picaraña – permitise que as pancas obreiras e os barrenos destruíran o penedo que lle daba e lle sigue dando nome ao lugar, a “Pena de Queiras”.  Pena aquelasobranceira sobre as queirugas, tan apreciadas pra acender o lume, paraíso onde aniñar os paxariños e darlle tonalidades mouras en contraste co marelo dos toxos e o branco das xestas…

Non  chegamos a coñecer aquel ergueito penedo, o que coroaba o monte e serviu como canteira, pero téñema descrito, incluso con detalle:  como a Pena Gache, pena cachada esta que campa preto e sobre a que hoxe é “Insua dos poetas”, no antiguísimo camiño afundido que da Medela leva a Astureses. Penas que eran referentes na paisaxe, que mesmo actuaban como marco, que separaba tribos, parroquias, propiedades… por iso moitas delas insculturadas, con marcas. Miña nai tenmo contado e remitíame ao Tomás do Boulla que alá se fora a establecer na Cañiza. Contoume que aquela pena, ennegrecida, afumada, baixo a que acendían as fogueiras, tiña na base unha inscricións como “un grifo” dicía (¿? Supoño que sería de auga e non o  monstro mitolóxico), confirmada a descrición ao debuxarme no chan algo así como unha “G”. Concluímos, pois en que aquel  petróglifo, seguramente, era dos de termo ou lindeiro que diría o meu lembrado Ferro Couselo, estudoso das “Cruces de Termo na Galiza”, libro que é  eferente pros que anden nestas cousas.

Monte comunal no que sobre antigas corredoiras que da Carreira levaban a Dacón se foron abrindo e asfaltaron novas estradas, cara ás que se edificaron e  seguirán edificando novas e máis estruturas administrativas, eses edificios de corredores, mostradores e despachos, reinos das esperas e das burocracias, pouco queridos ata polos seus mesmos funcionarios.

Paisaxes, escenarios, memoria : a forza da Terra na que se afunden as raiceiras.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño