O Psdeg-Psoe de Beade critica que os orzamentos aprobados polo PP para 2022 carecen de “dinamismo” e de accións destinadas ao desenvolvemento do municipio

Os socialistas denuncian as prácticas franquistas dun alcalde que “se nega en rotundo” a responder as preguntas da oposición e que tal e como relatan “afoga á veciñanza e non ten proxecto para o municipio”

Critican que en Beade hai unha “ausencia total de actos ou mencións ao 25 de novembro”, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra ás Mulleres como si acontece noutros concellos

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Beade denuncia que os orzamentos aprobados no pleno municipal celebrado o pasado xoves non son máis que unha “fotocopia” dos de anos anteriores. Os socialistas critican unhas contas que consideran “escurantistas” e faltas de transparencia, xa que segundo relatan, o rexedor “negouse en rotundo” a responder as preguntas da oposición nas que lle cuestionaban sobre diferentes partidas e non deu ningún tipo de aclaración ao respecto.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que os orzamentos de Beade aprobados polo PP para 2022 son unhas contas “sen dinamismo no eido cultura, social ou da mocidade”. Os socialistas apuntan a que botan en falta nestes presupostos unha partida COVID, así como a “ausencia total de accións destinadas a desenvolver o municipio e xerar actividade económica”. Tamén critican duramente que nos orzamentos se recolla unha partida de 83.000 euros para obras, “pero non se especifica que obras se van a levar a cabo, non hai ningún fundamento, máis aló de que se chegan subvencións por parte da Xunta e da Deputación, faranse estas obras, pero se criterio”.

Para os socialistas a situación que se vive en Beade “é surrealista” e apuntan que o alcalde “está cada vez máis só, cun equipo de goberno que non fai nunca amago de participar”. Tal e como relatan os concelleiros e a concelleira do PSOE “neste último pleno, o alcalde instou o concelleiro Adán Formigo, único concelleiro que lle queda dende que se constituíu a corporación en 2019, a participar no debate dos orzamentos, pero este rexeitouno”.

O PSdeG-PSOE de Beade aproveitou este pleno para reclamar unha rebaixa dun 30% do IBI, xa que tal e como indican “o noso concello é un dos municipios onde se paga o IBI máis alto da provincia”. Unha proposta que agardan “se leve adiante, xa que creemos que xa vai sendo hora de incentivar que as persoas poidan vivir no noso municipio e non pagar o dobre do que se paga por unha propiedade en concellos limítrofes”.

Os socialistas tamén denunciaron que cando chegou o punto de rogos e preguntas, o rexedor “negouse a responder as nosas cuestións e decidiu levantar o pleno”. Unha actuación que para os concelleiros e a concelleira do PSOE “é unha mostra máis de que Beade vive sumido nunha ditadura tardo franquista, cun rexedor que cumpriu o seu ciclo político e que é o máximo responsable da agonía que vive o noso municipio”. Os socialistas trataban neste punto de trasladarlle o rexedor varias demandas veciñais, incluso de votantes do PP, pero tal e como afirman “resultou imposible e volveremos a tentalo no vindeiro pleno municipal”.

Dende o Grupo Municipal Socialista afirman que “está claro que chegou o fin do cacicazgo de Senén Pousa, xa que hai anos que cumpriu co seu cometido”. Apuntan a que o PSOE “é a única alternativa de futuro para Beade” e que “hai que apostar por xestionar e defender os intereses da nosa veciñanza, tratando de recuperar a posición social e económica que tivo Beade no pasado e para elo hai que rematar co ciclo dun alcalde nomeado a dedo nos últimos anos da ditadura franquista, que se amarrou ao poder con todo tipo de armas e que é incapaz de sacar adiante a Beade, afogando á veciñanza, non pelexando pola economía, nin polas crianzas, nin polos maiores”.

Ausencia total de actos polo 25 de Novembro

O PSdeG-PSOE de Beade tamén critica a ausencia total de actos ou mencións ao 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra ás Mulleres como si acontece noutros concellos. Segundo manifestan en Beade “o grupo de goberno non fixo ningún tipo de alusión ou recoñecemento a esta data tan importante”. Cabe lembrar, que no pleno celebrado o ano pasado, Senén Pousa rexeitou escoitar os datos de violencia contra a muller e chegou a levantar o pleno afirmando que “eu non estou aquí para tonterías”.

Os socialistas denuncian que un ano despois, o alcalde “continúa na mesma tesitura, sen facer alusións a data celebrada a nivel internacional, nin colocar un só lazo ou cartel conmemorativo deste día”. “En Beade ignórase por completo a figura da muller, as súas reivindicacións e a loita contra a violencia machista”, finalizan dende o PSOE municipal.