O concello de Ribadavia presentará un innovador proxecto medieval á convocatoria do programa Europa Creativa

O obxectivo do proxecto, co que se pode acadar un financiamento de ata 4 millóns de euros, é a reactivación dos sectores culturais das vilas europeas participantes e, ademais, abrir as portas á creación do “Itinerario Europeo de Vilas Medievais”.

O Concello de Ribadavia presentará un innovador proxecto medieval á convocatoria do programa Europa Creativa. Este proxecto ten coma obxectivo fundamental a reactivación dos sectores culturais das vilas participantes e abrir as portas á creación oficial do “Itinerario Europeo de Vilas Medievais”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Concello de Ribadavia actuará coma coordinador xeral e responsable do equipo de traballo encargado da execución do proxecto e para iso asinouse un contrato coa consultora Eductmus Ltd, especializada no deseño orixinal e implementación de proxectos supervisados e financiados pola Unión Europea.

O proxecto contempla inicialmente unha asociación de 48 meses con 5 vilas medievais de 5 estados da Unión Europea, entre os que se atopan Portugal, Italia, Croacia e Eslovenia. As cinco vilas que formaran parte do partenariado foron seleccionadas coidadosamente polas súas características demográficas, culturais e socioeconómicas, similares ás propias de Ribadavia, así como pola súa tradición medieval común.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que “Estamos ante un proxecto moi importante para reactivar o tecido cultural e os sectores produtivos dos socios do proxecto, e a proba diso é que os alcaldes das vilas que formaran parte do partenariado con Ribadavia xa confirmaron o seu interese na participación neste proxecto, e xa establecemos os primeiros contactos para preparar toda a documentación de cara á convocatoria do programa Europa Creativa. Asemade, vimos de formalizar o contrato coa consultora Eductmus Ltd, para que se encargue de todo o traballo de coordinación e preparación do proxecto para a súa presentación ante a Unión Europea.”