Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”

AURORA DO CARBALLIÑO PULPEIRA foto© xurxolobato
II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Por Felipe-Senén

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Si hai unha historia interminable, desas carballiñesas por excelencia, das curtidas nos  camiños, entre humildes pero fartas paradas e fondas, esa é a das pulpeiras, aboas, nais, fillas e fillos. Cada veciño de Arcos, a máis de ser un heroe é un pozo de historias de entrega e traballo. Entre elas enguedéllanse sagas de familias asentadas e orixinarias da parroquia de Arcos ou do mesmo Carballiño, varias Aurora, Pepita, Maruxa, Carmiña, Gaspara… con apelidos e alcumes, como os Crego, Boulla, Baranda, Fuchela, Charrancas, Ruzo, os  Rodríguez, Pereira, Fernández, Lage, Carral, Justo, González-Tupino, Fuchela, Valeiras… Pulpeiras e pulpeiros atentos ao acontecer, con iniciativas, acollidos na Asociación de Pulpeir@s e que hoxe preside Roberto Pereira González.

 Ao falarmos de pulpo xa nos ven á cabeza os nomes de Arcos e o do Carballiño como capital máis que mundial do pulpo, universal. E como non, entre eles  o nome de Aurora Baranda, pros de antes Aurorita, por esa ansia e simpatía que non lle faltan a pesar dos anos e das penas. Aquí queremos pousar.

Sabemos e seguimos, dende vello, as obras e milagres de Aurora Baranda, vida que nace na posguerra – e dígoo así, xa que aos do Carballiño non nos gusta contar os anos, o asunto é poder seguir a mirar pra adiante – entre  tantas limitacións e medos daquel tempo. Namentres,  tratando de esquecer, naquela vida en obras se erguía ao ceo o templo da Veracruz, se celebraban uns entroidos inesquecibles e  algúns intelectuais facían encaixes literarios en galego, ao menos pra afastalo da tendencia ao esperpento. Anos nos que moitos da xeración de Aurorita – pouco máis que a miña – e da súa parroquia, collían maleta e barco en Vigo rumbo ás Américas e pouco despois tren cara a unha Europa máis madura. Moitas pulpeiras fóronse e volveron.  Ben sabe aquelo de que “o que resiste vence”, e así foi, pese  ao Viacrucis da vida.

Pulperia Aurora

Os Baranda é familia por excelencia de pulpeiras, emprendedoras, solidarias, participativas alí onde aquece.  Seica os seus devanceiros, o bisavó procedía da comarca Palentina do Cerrato, de Baltanás, célebre polas súas adegas subterráneas….e non é estraño tal procedencia como moitas outras familias do primeiro Carballiño, arrieiros e feirantes. Aurora ten dúas irmáns Pepita, Susa, as que, dispostas e emprendedoras, se inician cos país, de feira en feira. Levaban ás rías os produtos da matanza do porco, de volta, traían os sacos moles de pulpo, pra logo, en Arcos, lavalos, mazalos e poñelos a secar…  Domingos e festivos no camiño, entre fardos, detrás da caldeira de cobre… e aínda no tempo libre a aprender a bordar e a  coser no selecto taller de costura da Luisa Rey,  na Eira de Flores. Lémbrome ben daquel pequeno habitáculo e cuarto de costura, presidido por un cadro cunha gran lámina, estampa do busto da Virxe das Dores, cuberta de corazóns, grandes e pequenos, de todas as formas e cores. Alí acudían as irmáns Aurora e Susa, entre outras de Arcos como a Lolita ou a Aurita do Guapo, tamén de Arcos, coincidían con outras aprendices como a Carmiña de Toscaña, a Pili do Ramiro, a Pepita do Polo ou miña curmán Rosita Nuñez…e sendo neno e naqueles ambientes lembro as brincadeiras das mozas en tardiñas grises e frías, das de braseiro.

Aurora casa noviña con Manuel Pazos ( coñecido por Quico Pazos) daquela un mozo, deportista, admirado polos máis novos, xogador no Sporting Club de fútbol, no de baloncesto e de familia ben coñecida e querida, a dos Pallón. Asociados coa súa irmá Susa e co seu cuñado Paco, establécense nun “Bar do Pulpo”, situado entre o vello campo da feira (hoxe praza Roxa) e o cruce de Ourense. Mostrador e mesas onde o protagonista é o pulpo, lugar de encontro, de chiquiteo entre a mocidade de entón. Tiveron tres fillos, Manolo, Pili e Juan Antonio, sucesores da empresa “Aurora e fillos” Entre outras experiencias crea con éxito a “caseta” itinerante, e mesmo unha empresa de “catering”,  ata facerse imprescindible nas grandes feiras, festas e romarías, trunfando no San Froilán de Lugo, onde  será referente e tan concorrida como a mesma catedral.

Aurora sempre baixo o toldo ou caseta, entre mesas e bancos que había que montar, a carón dunha caldeira, antes das vellas de cobre, agora das de aceiro, a velar o lume, a escoller a auga… que sobre o taboleiro estean dispostos os pratos, os botes e aceiteira, cumprindo, tamén sabio e ancestral ritual de darlle os tres baños ao pulpo denantes de asolagalo un tempiño, sabelo cocer,  ata que lle toca a súa quenda, a de erguelo co gancho e coas tesoiras nas mans comezar a tallalos rabos con esa habilidosa rapidez: talladas grosas que enchesen a boca, e o casulo ( isto é a cabeza, que hoxe se desbota e que tanto gusta aos sabios do asunto) tamén. Botarlle o sal groso, logo o pementón e finalmente aceite arredor … E logo despois desmontar, lavar pratos, a caldeira…e volver ao camiño, no pasado naqueles coches de feira, comunais, teatros ambulantes da vida.

Arredor dun prato de pulpo circunscríbese toda unha longa Historia e Cultura

 Preparativos que supoñen saberes antigos, mellorados hoxe: o almacén das viandas, noutrora canto significaba o pulpo seco, despois conxelado e os frigoríficos, as amasadoras pra “marealos” , o que acabou cos lavados no río e os secadoiros … Todo o que comporta transporte, fardos pra levar tal mercancía. Así, de feira en feira, pola Rosa dos Ventos do mapamundi, a universidade da vida, chova, xíe ou caia unha desas fogosas raxeiras de verán, aínda así o camiño sempre ofrece que aprender.

Pulperia Aurora, Lugo

Todo bo facer crea escola e imitadores, pero Aurora vai máis alá, ate instalar, a carón da Estación de Autobuses e da mesma muralla de Lugo unha gran pulpería, a modelo dos grandes establecementos de Munich: espazos onde habita e madura a mellor esencia e espírito de Galiza, ademais en cartel de cabeceira presumindo desa orixe na que radica a súa orixinalidade, algo que ben agradecemos os do Carballiño, “Pulpería Aurora do Carballiño”. Pois velaí unha singular trindade nosa, tres cousas distintas: o pulpo, Aurora e o Carballiño e unha soia verdadeira, o pulpo estilo Carballiño, esencia histórica e culta do “pulpo a la gallega”, ou “pulpo á feira”.

 E non queda niso a cousa, pois os saberes da tradición, os que non traizoan, dan moito de si: Aurora coida ademais as bolas de pan, sabendo que a nosa é terra de eiras, hórreos, de muíños e de fornos de sona, como os que noutrora foron os de Señorín e seguen a ser os de Cea… menú onde non faltan a carne ao caldeiro, richada, guisada, raia…e de sobremesa, como non as cañas do Carballiño, os saberes nacidos desoutro saber facer da confeitaría Cerviño.

Caseta de Aurora,2, Coruña

O bo facer e receitario de Aurora espallase e velaí na Coruña, na praza de Vioño, o solemne e grande espazo creado pola súa empresa a “Caseta de Aurora”, dúas humildes palabras que se agrandan co saber facer: amplísimo espazo, decorado con personalidade, fora dos estereotipos hiperenxebristas ou dos standars das multinacionais do moble. Servizo onde os empregados, algún sempre atoparás do Carballiño, con camisas rotuladas cun “Fálame”, practican un sabio principio, o de agradecemento e atención a quen escolle ese lugar, pra  pasar uns momentos gozando dos produtos da Terra e do Saber Facer e deixar algo dos seus cartos. Proba dos saberes aprendidos no camiño.

Aurora Baranda, polo seu saber, pola súa teimosa constancia, pola súa simpatía é querida e respectada entre os do seu oficio, merecente de canto a sociedade galega poida dar, ás veces en forma de simple agasallo, de diploma, de medalla, de copa ou bandexa de metal… que xa reúne algunhas. Aínda que Aurora non o saiba, moitos de antes e de agora – como ela, ausentes do Carballiño, pero de ida e volta – atopamos neses espazos nacidos da súa man, a dignidade, os sabores e esencias nosas, as de antes e que merecen ser de sempre, e entre elas as lembranzas do que somos. Así que arredor dun prato siglado de Aurora, entre rabos tallados de pulpo, circunscríbese unha cosmogonía de historia e cultura que se perde fai séculos en Oseira e se espalla polo mundo. Algo que o saber ou o instinto, o espírito reclama pra seguir sendo Nós

AURORA DO CARBALLIÑO PULPEIRA foto© xurxolobato (Xurxo Lobato, (copyright) )

.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño