Terras do Carballiño e os seus escritores (XVIII) : “Felipe Senén López Gómez “

Miguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual


18-TERRAS DO CARBALLIÑO E OS SEUS ESCRITORES. Felipe-Senén López Gómez (O Carballiño, 1948)

AVANTAR ACTIVIDADES

Un dos autores senlleiros nesta sección divulgadora, ao que, cando eu era un mozo, coñecín polos seus textos sobre O Carballiño (no libro das Festas do Setembro, como privilexiado e rigoroso cronista dun tempo vivido na vila e máis da historia local).

Cos anos (coincidentes na nosa formación en Historia da Arte), aquela admiración converteuse en amizade cómplice. Fixo as primeiras letras na vila e despois no Instituto de Ourense, onde colabora co Museo Arqueolóxico, daquela en mans de Xesús Ferro Couselo, ao tempo que se implica na actividade cultural da cidade, arredor de persoeiros míticos como Ramón Otero Pedrayo ou Xaquín Lorenzo…

Estuda Filosofía e Letras, especialidade de Historia da Arte na USC, ao tempo que fai prácticas de museoloxía e arqueoloxía con Manuel Chamoso Lamas na creación do Museo das Peregrinacións (Compostela), e do Museo do Viño do Ribeiro (Ribadavia); participando tamén como supervisor de campo nas prospeccións do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo) e na ermida de San Guillermo de Fisterra.

En 1975 intégrase no Museo Arqueolóxico da Coruña, no Castelo de San Antón, pasando a director-conservador. Alí crea o colectivo Amigos do Museo Arqueolóxico, base da futura asociación Amigos dos Museos de Galicia. Crea e dirixe dende o museo o Boletín “Brigantium” e outras publicacións, ademais de coordinar prospeccións co Grupo de Investigación e rescate Arqueolóxico Subacuático (GIRAS), e dende o Arqueolóxico coruñés a supervisión e posta en valor do Castro de Elviña, entre 1978 a 1985.

Membro do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e Secretario Xeral da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, na que ingresa (1987) e da que é secretario xeral desde 2014.

Secretario do Instituto Xosé Cornide de Estudos Coruñeses, no que ingresa cunha disertación arredor do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, Castro de Elviña e Torre de Hércules.

No 1996 pasou a Técnico de Xestión Cultural na Deputación da Coruña, despregando unha intensa actividade ata a súa xubilación.

Activo dinamizador da cultura galega: foi un dos fundadores da asociación cultural “Avantar” do Carballiño, da “Alexandre Bóveda” da Coruña, do semanario “A Nosa Terra”, da revista de pedagoxía o “Ensino”, coas que colabora con artigos de divulgación e sensibilización sobre o patrimonio cultural, aspectos que desenvolve en medios de comunicación de Galicia e en conferencias por diferentes colectividades galegas, asociacións culturais ou universidades do Estado, Europa e América.

Creador e animador de “Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña”, Premio Otero Pedrayo en 1994, inspiradora de “Amigos dos Museos de Galicia”.

Durante varios anos, foi distinguido como Coruñés del Año, entre moitas outras distincións.

A súa obra publicada é tan abondosa e tan interesante, que faltaría espazo para recollela (en http://www.felipesenen.gal/index.asp?registro=5 e nas RRSS), e aquí salientamos, ademais das que acompañan a ilustración, Os primeiros galegos: prehistoria e arqueoloxía de Galicia (2003), A auga e as fontes en Galiza (2010), e obras colectivas como sendas Historia de Galicia (1979) e Historia de Galicia (1992), ademais de A memoria do Carballiño (2003) con Carlos Díaz Martínez e O Carballiño 1869-1979: álbum fotográfico da vila do Arenteiro (2010).




Outros artigos de Miguel Anxo Fernández Fernández

Terras do Carballiño e os seus escritores (XVII) : “Abelardo Santorum Alonso “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XVI) : “Xosé Lois Sobrado Pérez “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XV) : ” Jorge Emilio Bóveda “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XIV) : “Lito Vila Baleato “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XIII) : “Pablo Nogueira Campo “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XII) : “Ramón Caride Ogando “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XI) : “José Manuel Mouriño”

Terras do Carballiño e os seus escritores (X) : “Xosé Prada Martínez”

Terras do Carballiño e os seus escritores (IX) : “Manuel Chamoso Lamas”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( VIII) : “Xosé Manoel Rodríguez”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( VII) : “Ismael González Díaz”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( VI) : “Víctor Campio Pereira”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( V) : “Ánxel Sevillano García “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( IV) : “Antón Losada Diéguez”

O Carballiño e os seus escritores ( III) : ” Benxamín Vázquez González “

O Carballiño e os seus escritores ( II) : ” Xosé Fariña Jamardo “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( I) : ” Aurelio Miras Azor “