Miguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual
13-TERRAS DO CARBALLIÑO E OS SEUS ESCRITORES. Pablo Nogueira Campo (O Carballiño 1987), quizais o máis novo desta serie, e o único especializado en literatura infantil e xuvenil, e como tal un acreditado contribuínte ao fomento de lectura entre os máis novos, o que non lle impide mergullarse na literatura para adultos.

É tamén autor xa galardoado en varias ocasións. Cunha infancia que el mesmo asegura medrada “entre as páxinas dos contos, os debuxos animados do Xabarín Club e o Rock and Roll que bule dos altofalantes das habitacións dos meus irmáns maiores”, despois de facer o ensino obrigatorio nos centros carballiñeses, vaise a Santiago de Compostela e na súa Universidade estuda Maxisterio, Psicopedagoxía e fai un Mestrado en investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento comunitario.
Na súa outra faceta creativa, a musical, é baixista na banda de rock Susie Q´s e máis na instrumental Acuario Sonoro.
A súa faceta literaria comeza co conto “Nube Branca quere ser astronauta” (Baía Edicións, 2018), finalista dos Premios Frei Sarmiento, seguido de “A banda de Raimunda” (Baía Edicións, 2019) e “Nube Branca e o pingüín Valentín” (Baía Edicións, 2020), co fío común de seren exercicios de estimulación da linguaxe, con contido pedagóxico e temática inclusiva, ademais de promover a linguaxe oral en galego.
O autor considera que “os contos son material para a miña práctica educativa. Son para a estimulación da linguaxe, a comprensión lectora e a transmisión de valores como o respecto a diversidade e a igualdade, por iso teñen un carácter didáctico ou pedagóxico” (La Región, 31/05/2019).
A maiores publicou dúas novelas curtas para o público adulto: “Banda Sonora Orixinal” (Fervenza, 2019), gañadora do IV certame Balbino de relatos, que o xurado considerou “o traballo da súa estrutura, con prosas que van enlazándose entre si, dando o final dunhas pé ao comenzo doutras”, ademais de “a calidade e eficiencia da súa escrita, así como a intelixente integración no relato de abondosas referencias ao mundo musical e literario, todo peneirado nunha atmósfera de indubidable pegada cinematográfica” (La Voz de Galicia, 18/09/2019).
Seguiríalle a publicación de “Música para os días de inverno” (Laiovento, 2020).
No 2021 alonga a súa serie seminal con “Nube Branca no camiño”, e nese ano acada o premio XVIII Pura e Dora Vázquez de narrativa infantil e xuvenil con “O club de coleccionistas de selos”, que o xurado considerou pola “súa perspectiva inclusiva e que da visibilidade á diversidade funcional entre a infancia”, destacando tamén “a posta en valor do medio natural e a necesidade do seu coidado, así coma a figura do avó e as relacións interxeracionais”.
Funcionario mestre por oposición desde 2017, actualmente exerce como tal na especialidade de Audición e Linguaxe, no CPI Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea, Ourense.

Outros artigos de Miguel Anxo Fernández Fernández
Terras do Carballiño e os seus escritores (XII) : “Ramón Caride Ogando “
Terras do Carballiño e os seus escritores (XI) : “José Manuel Mouriño”
Terras do Carballiño e os seus escritores (X) : “Xosé Prada Martínez”
Terras do Carballiño e os seus escritores (IX) : “Manuel Chamoso Lamas”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( VIII) : “Xosé Manoel Rodríguez”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( VII) : “Ismael González Díaz”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( VI) : “Víctor Campio Pereira”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( V) : “Ánxel Sevillano García “
Terras do Carballiño e os seus escritores ( IV) : “Antón Losada Diéguez”
O Carballiño e os seus escritores ( III) : ” Benxamín Vázquez González “
O Carballiño e os seus escritores ( II) : ” Xosé Fariña Jamardo “
Terras do Carballiño e os seus escritores ( I) : ” Aurelio Miras Azor “