Manuel Baltar: “Os resultados das municipais avalan o presente e, sobre todo, o futuro do modelo do PPdeOU”

O líder provincial do PPdeOU presidiu esta mañá a Xunta Directiva Provincial, reunida para valorar os resultados obtidos este domingo nas eleccións municipais

“Crecemos en votos, en edís e en porcentaxe de apoio; contamos 51 maiorías absolutas e en 27 concellos acadamos máis dun 70% dos sufraxios”, resaltou Manuel Baltar

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente provincial puxo en valor a maioría absoluta en Ribadavia e os liderados consolidados en concellos referentes de toda a provincia

  • O líder dos populares ourensáns presentou esta mañá na sede provincial o informe das eleccións municipais, que foi aprobado por unanimidade polos integrantes da Xunta Directiva Provincial
  • “O resultado das municipais avalan o presente e, sobre todo, o futuro do modelo do Partido Popular de Ourense”, explicou Manuel Baltar
  • “Crecemos en número de votos, en número de concelleiros e en porcentaxe de apoios”, resaltou Manuel Baltar, que tamén incidiu nas 60 vitorias -51 maiorías absolutas acadadas e 9 maiorías relativas-, e con “posibilidade de aumentar o poder territorial”
  • “Acadamos doce deputados provinciais, faltando 154 votos no Partido Xudicial do Ribeiro para acadar o deputado número 13 que daría a maioría absoluta”, explicou Manuel Baltar
  • En clave municipal, o líder provincial destacou a maioría absoluta acadada por César Fernández en Ribadavia, definíndoa coma un “modelo do exemplo de traballo municipal do PPdeOU”, ademais de sinalar o éxito dos liderados consolidados “dun xeito maioritario polos seus veciños” en concellos referentes de toda a provincia, como San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Lobios, Bande, Boborás…
  • “Felicito a todos os compañeiros do PPdeOU pola gran campaña realizada”, destacou esta mañá o presidente provincial, que puxo en valor os sobresaíntes datos de apoio: “En máis de metade dos concellos ourensáns -51- acadamos maioría absoluta e ata en 27 concellos sumamos máis dun 70% dos sufraxios -en 2019 foron 14”

VALORACIÓN DA CONVOCATORIA DAS ELECCIÓNS XERAIS

  • En relación coa convocatoria das eleccións xerais, o presidente do PPdeOU sinalou que o Partido Popular de Ourense “está preparado para encarar estas próximas eleccións xerais do 23 de xullo”
  • “Se hai unha formación coa maquinaria perfectamente engraxada é o PPdeOU”, explicou Manuel Baltar, que avanzou contar coa “dinámica perfectamente preparada. Encaramos con moita forza e garantías o camiño para que o vindeiro 23 de xullo, o ourensán Alberto Núñez Feijóo sexa elixido como o próximo presidente de España”

DECLARACIÓN APROBADA POR UNANIMIDADE EN RELACIÓN CO PUBLICADO POLO MEDIO DIXITAL PÚBLICO

A Xunta Directiva Provincial do Partido Popular de Ourense aprobou esta mañá por unanimidade a seguinte declaración: 

“En relación coa información publicada polo medio dixital Público na súa edición do 27 de maio, o Partido Popular de Ourense desmente o contido da mesma.

O Partido Popular de Ourense, tal e como prevén o artigo 66.1 E 66.2 dos seus Estatutos, a través do Comité Executivo Provincial aproba cada ano tanto as contas do exercicio vencido como o orzamento do vindeiro.

A contabilidade do Partido Popular de Ourense intégrase na contabilidade nacional do Partido Popular e son sometidas aos controis legalmente previstos, mediante unha auditoría interna e o control do Tribunal de Contas.

Os gastos ordinarios e de funcionamento cóbrense mediante os ingresos provenientes das cotas dos seus afiliados, das achegas dos seus cargos públicos e orgánicos, as transferencias dos grupos provincial e municipais, e, por último de transferencias desde a sede autonómica do Partido Popular de Galicia en concepto de axuda para gastos de funcionamento.

De conformidade co disposto na Lei Orgánica de Financiamento de Partidos Políticos, as doazóns recibidas a favor do Partido Popular de Ourense efectúanse na conta nacional de doazóns aberta para o efecto, sendo as últimas rexistradas no ano 2019.

En relación cos procesos electorais, os gastos en que se incorre sufráganse desde a conta de campaña, que se nutre de achegas da sede nacional e a través de fondos propios, cumpríndose un dobre límite de gasto: o legalmente previsto e o imposto pola Dirección Nacional, máis restritivo que o anterior”.