Terras do Carballiño e os seus escritores ( IV) : “Antón Losada Diéguez”

Publicidade ASPADISI

Miguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual


[Nesta sección cun aquel de miscelánea -4.300 caracteres-, salientamos nomes propios das Terras do Carballiño, pola súa condición de escritores, “persoa que escribe obras científicas ou, sobre todo, literarias”, segundo dita o dicionario en liña da nosa R.A.G., e sen entrar ao detalle das biografías nin en xuízos literarios].

HIPER MASIDE

Antón Losada Diéguez  [Moldes, Boborás, 1884-Pontevedra, 1929].

Por iso, no pasado maio das Letras, non podía faltar o único fillo da comarca ao que se lle dedicou o Día grande. Foi o 17 de maio de 1985, nun acto solemne que se repartiu entre unha recepción oficial no concello do Carballiño; o plenario da Real Academia Galega, desenvolto na nacente Casa da Cultura, e unha misa na igrexa románica de Moldes, onde está a súa tumba.

A biografía de Losada Diéguez atópase espallada abondo en numerosas fontes, como para evitar aquí o detalle, pois xa desde que José Antonio Durán publicara unha primeira achega, “Antonio Losada Diéguez, la derecha y los nacionalistas” (Akal, 1981), e nese mesmo 1985, Xerais engadira “Losada Diéguez. Obra completa”, sucedéronse outros aportes arredor do seu facer e a súa persoalidade, e máis na súa herdanza intelectual vinculada ao galeguismo histórico.

Como escribiu Justo González Beramendi, o persoeiro de Moldes “procedía de linaxudas familias da fidalguía e a nobleza galegas do Antigo Réxime”. Segundo o mesmo autor, pasou a infancia entre Moldes e A Estrada; graduouse en Letras en Deusto, en 1906; regresou a Galicia ata 1911 para dar clases en Compostela, estudar Dereito e defender a súa Tese de doutoramento; fixo as súas primeiras incursións políticas “no rexionalismo galego”; sacou a cátedra a ensino medio, e no curso 1914-1915, atopou destino no Instituto de Ourense, “etapa fundamental na súa biografía política (…), entra en íntimo contacto co grupo de mozos intelectuais ourensáns, que logo formarán o núcleo da chamada “Xeración Nós” (…)”.

En canto ao seu pensamento, o citado Beramendi resúmeo en “tres grandes pilares”: agrarismo, galeguismo e catolicismo. En 1918, presentouse polas Irmandades na Estrada, e en novembro dese ano presidiu a “I Asambreia Nazonalista de Lugo”, mentres concibiu a revista “Nós”, que fundará ao ano seguinte con Risco e Noguerol. Nese ano xa está destinado no Instituto de Pontevedra.

Na escisión do nacionalismo, na asemblea de Monforte de 1922, Losada quedou con Risco na Irmandade Nazonalista Galega. Xa en 1924 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, foi membro correspondente da Real Academia Galega, e pasou a estar moi presente na vida social e cultural pontevedresa a través de numerosas institucións. No tempo de lecer frecuentaba o casal paterno de Moldes, pazo que actualmente é a sé da súa Fundación e onde tódolos anos se entrega o premio literario que leva o seu nome. Finou con 45 anos, o 15 de outubro de 1929, na capital do Lérez.

En 1984, o concello do Carballiño promoveu o primeiro monográfico colectivo centrado súa figura, “Homenaxe a Antón Losada Diéguez”, coordinado por Luís González Tosar, sendo alcalde Argimiro Marnotes Rodríguez, estando eu mesmo entre os membros da comisión de Cultura. O que son as cousas: nas súas páxinas recóllense dous poemas de Xela Arias, “Situación límite” e “Repaso” que lle foran solicitados polo igualmente poeta, González Tosar, que tamén aportou un texto xunto a outros do citado Beramendi, Xosé Filgueira Valverde, Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Xosé Fariña Jamardo, Manuel Chamoso Lamas e Xosé M. Rodríguez Pampín, ademais de recuperar a semblanza de Pedrayo para “O libro dos amigos” (Bs As, 1953).

Completábase cunha lembranza literaria, na que ademais dos poemas de Xela, hai dous de Ramiro Fonte e outro de Ramón Tovar. Unha escolla de textos do propio Losada Diéguez, redondeaba o volume. Xa en 1995, de novo o concello do Carballiño, promoveu o ben interesante “Antón Losada Diéguez. 10 anos dun premio”, coordinado por Xosé Manoel Rodríguez (e tamén cun aquel de foto-biografía), con vinte achegas variadas a cargo de numerosos especialistas, entre eles (sen citalos a todos) os mencionados Durán, Fonte e Tovar, ademais de Felipe Senén, Henrique Monteagudo, Lourenzo Fernández Prieto, Úrsula Heinze, Paco Martín, Marina Mayoral e Claudio Rodríguez Fer.


Outros artigos de Miguel Anxo Fernández Fernández

O Carballiño e os seus escritores ( III) : ” Benxamín Vázquez González “

O Carballiño e os seus escritores ( II) : ” Xosé Fariña Jamardo “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( I) : ” Aurelio Miras Azor “