Miguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual
Manuel Chamoso Lamas (La Habana, Cuba, 1909-A Coruña, 1985).
[Non podía faltar nesta serie, co permiso do admirado Felipe-Senén, que xa en Badal Novas dedicoulle -fora amigo, e mesmo discípulo- unha ampla e documentada semblanza, o pasado 21 de agosto: https://badalnovas.com/…/manuel-chamoso-lamas-e-a…/, ademais do texto “Ourense, Boborás, O Carballiño, As Terras do Ribeiro…” no volume “Ourense no obxectivo de Manuel Chamoso Lamas” (1997), co apoio da Deputación de Ourense].
Aos catro anos, Chamoso Lamas chega a España cos seus pais, fixando a residencia-base na aldea de Moldes (Boborás, Ourense), e a Moldes permaneceu fiel na súa vida, pois eu mesmo (non o tratei persoalmente) lémbroo paseando polas rúas do Carballiño coa súa dona, e mesmo no entorno do desaparecido cine Alameda, pola súa parentela con Román R. Godás, o promotor do local.
En 1933, licénciase en Dereito e doutórase en Ciencias Históricas pola Universidade de Madrid. Nesa etapa comeza a colaborar en varias publicacións e mesmo fai crítica de Arte, especializándose no barroco, titulando a súa tese doutoral “El Barroco Gallego”.
Cando a Guerra Civil incorpórase ao Servizo Militar de Recuperación Artística ás ordes de Eugenio D’ Ors, Pedro Muguruza e o Marqués de Lozoya, centrándose en obras de arte en España e no estranxeiro. En 1939 é Inspector General de los Depósitos de Recuperación Artística, da Dirección General de Bellas Artes.
Durante trinta anos foi Comisario de Zona del Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico Nacional, que abranguía varias provincias, entre elas as catro galegas, para declarar Monumentos Nacionales por toda España, moi en particular en Galicia, ademais de promover restauracións e salvagardar desfeitas.
A relación de cargos oficiais vinculados ao Patrimonio é interminable e faríase longo citalo aquí, como tamén das numerosas exposicións das que foi comisario, pois ao cabo nesta serie centrámonos na súa produción bibliográfica, científica e divulgativa, igualmente copiosa, sendo autor de máis dun cento de publicacións, entre libros, monografías e ensaios, editados en España, Francia e Portugal, ademais de textos para guías de cidades histórico-artísticas, catedrais, museos e catálogos.
O citado Felipe-Senén fai unha detallada relación da mesma na serie de catro volumes que coordinou co xenérico “No obxectivo de Manuel Chamoso Lamas”, centrados en A Coruña (2004), Lugo (1995), Ourense (1997) en Pontevedra (1999), promovidos desde a Real Academia Gallega de Bellas Artes, e no que se recollen escolmas dos miles de fotos feitas polo propio Chamoso.
Da miña biblioteca (que son as da foto), escollo en particular o volume “Galicia” (Noguer, 1976, reimpresión de 1982), dividida en catro áreas, das que o autor fai a de Arte, asinando como director do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. E sobre todo, o volume “Escultura funeraria en Galicia” (Deputación de Ourense, 1979), sen dúbida obra de referencia, que Chamoso Lamas dedica “A mis nietos, quienes con sus anhelos de saber despiertan los mios de aprender”, e que no texto de apertura xa adianta o que seica foi unha das súas características, patearse o país de cabo a rabo, “a lo largo de nuestras andaduras por tierras gallegas”.
Os seus restos repousan en Moldes, ao pé da igrexa románica que restaurou, e o seu nome sostén ao actual Centro de Estudios Chamoso Lamas da Comarca do Carballiño.
Outros artigos de Miguel Anxo Fernández Fernández
Terras do Carballiño e os seus escritores ( VIII) : “Xosé Manoel Rodríguez”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( VII) : “Ismael González Díaz”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( VI) : “Víctor Campio Pereira”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( V) : “Ánxel Sevillano García “
Terras do Carballiño e os seus escritores ( IV) : “Antón Losada Diéguez”
O Carballiño e os seus escritores ( III) : ” Benxamín Vázquez González “
O Carballiño e os seus escritores ( II) : ” Xosé Fariña Jamardo “
Terras do Carballiño e os seus escritores ( I) : ” Aurelio Miras Azor “