Terras do Carballiño e os seus escritores ( V) : “Ánxel Sevillano García “

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Miguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual


Ánxel Sevillano García (Vigo, Pontevedra, 1906-1989), un dos máis sobranceiros persoeiros que asoma a esta sección literaria -foi tamén home de cine, iso queda para outra ocasión-, pero que semellara ter pendente o recoñecemento que se merece nestas Terras do Carballiño, en particular na súa ben amada Cea.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Naceu en Vigo o 25 de xullo de 1906, de nai desa vila ourensán, polo que sempre presumiu de ser un ceense de lei, máis que veciño da cidade olívica. Na lapela do seu libro de quince relatos -nos que tamén asoma O Carballiño en varios deles- Historias do Canizo (1979), que ambienta por esas terras, xa o deixou fixado: “De neno pasou algúns anos en Fondo de Cea, terra da súa nai e sempre seguiu indo alí longas tempadas.

 De eiquí veu o seu coñecemento e amor por aqueles eidos, aqueles piñeirais e carballeiras, aqueles homes compañeiros de moitas xornadas alegres e gasalleiras”. Pero ademais, no adro do libro engade: “tópome eiquí, neste recuncho da montaña ourensán, nesta vila de Pantrigo de tanta sona chamada San Cristobo de Cea, coma tódolos anos. Veño a estes recantos verdes en percura de ár limpo, onde un pode topar aínda o ser verdadeiro e sinxelo das cousas, o avencellamento coa terra que nos é, a razón da propia identidade”.

Uns anos antes de finar deu ao prelo a súa única novela, Doutor Famiano (1988), que por certo data en Cea, no outono de 1986. Deixou catro poemarios en galego. Os dous primeiros O muiño albeiro (1935) e O amor, o mar o vento e outros gozos (1938), con ilustracións de Maside, Sesto, Manuel Torres e Virxilio Blanco -mantiña boa amizade con moitos artistas galegos e frecuentaba, con algúns deles, unha tertulia no Derby da cidade olívica-, nos que confirmaba o seu sentir e compromiso galeguista, que as circunstancias de guerra civil obrigarían a mudar. Insistiría despois con Terra liñar (1947) e As donas da preguiza (1963), recuperado xa o seu ideario primixenio.

Membro correspondente da Real Academia Galega, profesionalmente dedicado ao xornalismo, foi redactor xefe e subdirector do vigués El Pueblo Gallego, ademais de dirixir a revista Grial e o Anuario de Vigo. Tamén colaborou en Hoja del Lunes, Vida Gallega e Ambiente, do Carballiño.

Pertencente a catalogada como Xeración do 1925, nacidos no entorno de 1900, Ánxel Sevillano encádrase, segundo Fernández del Riego na súa Historia de Literatura Galega, no grupo dos “independentes” na lírica galega do século XX, e cíta a súa actividade como a do xornalismo “que encetóu faguendo artigos de colaboración en varias publicacións periódicas do país.

Ten feito tamén algúns pequenos ensaios en galego, nos que destaca un fondo lírico que lle é característico (…). En todos eles [os seus catro poemarios en galego] amosa un marcado influxo da paisaxe”.

Para Ricardo Carballo Calero, na súa Historia de Literatura Galega Contemporánea, é un escritor que “parte do posmodernismo (…) que renuncia aos fastuosos tesouros verbáis do modernismo (…) e retorna á sinxeleza na espresión e mesmo á imaxe convencional, para desde alí facer escursións non moi aventuradas cara a eidos poéticos daquela recentemente decruados.

Anque este escritor cultiva moito a paisaxe, será endoado percurar nela pegadas verdadeiras de “neorromanismo” (…). Alén da descrición paisaxística, achamos o tema amoroso e o tema infantil como principais direccións”.

Deixando á marxe o seu interesante labor cinematográfico, Sevillano acadou o Premio Nacional de Periodismo “Octubre 1943” e algún outro vinculado ao cinema.



Outros artigos de Miguel Anxo Fernández Fernández

Terras do Carballiño e os seus escritores ( IV) : “Antón Losada Diéguez”

O Carballiño e os seus escritores ( III) : ” Benxamín Vázquez González “

O Carballiño e os seus escritores ( II) : ” Xosé Fariña Jamardo “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( I) : ” Aurelio Miras Azor “