Terras do Carballiño e os seus escritores ( VII) : “Ismael González Díaz”

Miguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual


Ismael González Díaz (San Fiz do Varón, O Carballiño, 1939 – Móstoles, Madrid, 2015).

AVANTAR ACTIVIDADES

Sobre todo home de cine, foi tamén un curioso escritor polo que merece ter acollida nesta sección, que, contan, atopou a morte ao pé do seu ordenador, sen dúbida escribindo…
Pero antes, compre salientar un aspecto vinculado ao Carballiño desde a súa intensa actividade cinematográfica [está a dispor na Rede], xa que foi un grande e desinteresado colaborador do cine club Carballiño na súa segunda etapa -en particular nos anos 80-, e só temos verbas de agradecemento para un home incansable, que máis alá da ceder documentación variada, foi quen de poñer a dispor do cine club moitos dos filmes que el distribuía para España, entre eles a daquela polémica El imperio de los sentidos (1976), de Nagisha Oshima, filme estreado con lendas para restrinxir a súa difusión, e que tivemos ocasión de proxectar moi pronto no cine club.


E así varios filmes de grande interese. Home entusiasta e apaixoado, traballou durante anos en levar a imaxes unha novela que admiraba e para a que atopou complicidade no seu autor, Xosé Neira Vilas: Memorias dun neno labrego, proxecto que seica quere continuar a súa familia.


Pero nesta fiestra falamos de escritores, e Ismael González, sobre todo poeta pero tamén narrador, case sempre optando pola autoedición, conta con numerosas obras, algunhas delas de difícil acceso ou de difusión restrinxida. Entre os seus poemarios destacan Algo que siempre quise decir y ahora digo (1977) -inclúe dous relatos curtos-, Poemario (1982), La dama de Elche (1982), Paisajes del alma (1985), La canción de Araguaney y otros cantos (Ed. do Castro, 1992) -con debuxos de Laxeiro-, e tamén as novelas El crimen de Osera 1909 (2010), El día que Al-Lah destruira USA (2011), entre outras. Tamén publicou Priscilán. Guion para rodaxe (2007), sobre un filme nunca realizado.


A súa obra principal, que na contracuberta recolle que “es el primero de cuatro [volúmenes] que forman parte de su historia emocional del cine español”, é MI QUERIDO CINE ESPAÑOL. VIDAS DE PELÍCULA (Ed. Ismael González P.C., Madrid, 2011) -finalmente sería o único volume publicado, pero xa tiña títulos para os tres restantes: Fotogramas heroicos (República y exilio); Volver a empezar (Dictadura) e Hoy como Ayer (Democracia).


Son case 500 páxinas prologadas por Emilio Carlos García Fernández, de Ribadavia, daquela catedrático de Comunicación Audiovisual na Complutense -por certo, bo amigo noso de anos, que finalmente presidiría o meu tribunal de Tese-, que titula o seu texto de xeito moi atinado: “Unha pasión, una vida”, que anota, moi a xeito, que González “irrumpe en la memoria de su historia para dosificar sus recuerdos, confirmar su complacencia y apuntar los gestos contestatarios de quien ya ha visto mucho en la vida y no tiene por qué silenciar sus impresiones” (p.7).


De certo que o autor interpreta a historia do cine baixo o seu singular punto de vista, unha óptica totalmente anti-académica e novelada, xunto a non poucas opinións cuestionables. Cando se refire a outro personaxe, aproveita para anotar que o tal naceu “muy cerca de O Carballiño, donde vine yo al mundo, hace ya no se cuantos años” (p. 420).


Aporta datos memorísticos sobre o pioneiro da exhibición, o carballiñes Isaac Fraga “amigo de mi padre en la Casa del Pueblo de O Carballiño, en sus años mozos, mantuve buena relación con él y sus hijos y en sus cines programé durante un tiempo, gran parte de las películas españolas y extranjeras dobladas, que distribuían mis empresas”.



Outros artigos de Miguel Anxo Fernández Fernández

Terras do Carballiño e os seus escritores ( VI) : “Víctor Campio Pereira”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( V) : “Ánxel Sevillano García “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( IV) : “Antón Losada Diéguez”

O Carballiño e os seus escritores ( III) : ” Benxamín Vázquez González “

O Carballiño e os seus escritores ( II) : ” Xosé Fariña Jamardo “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( I) : ” Aurelio Miras Azor “