A Xunta remata a nova parada de autobús intermodal do Carballiño logo dun investimento de preto de 170.000 €

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • Trátase dunha parada para as liñas de autobús interurbano de uso regular situada na explanada da estación de ferrocarril, na avenida O Vinte e Cinco de Xullo
  • O obxectivo é favorecer o intercambio de pasaxeiros entre os dous modos de transporte, o autobús e o tren
  • A intervención incluíu a urbanización da zona, a reposición dos servizos afectados e a instalación dos refuxios para a resgardo dos viaxeiros
  • Os traballos enmárcanse no convenio entre a Xunta, que financiou e executou a obra, e o Concello, que dispuxo os terreos e asumirá agora o mantemento da infraestrutura

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2023.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras para a execución dunha parada de autobús intermodal do Carballiño, cun investimento de preto de 170.000 euros.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Trátase dunha parada exclusiva para as liñas interurbanas de autobús de uso regular na parcela situada na explanada da estación de ferrocarril, localizada na avenida O Vinte e Cinco de Xullo, co fin de favorecer a intemodalidade entre os dous medios de transporte.

As obras consistiron na instalación dunha parada de autobuses, configurada como illa, entre a citada avenida, a dársena de aparcamento da estación ferroviaria e os accesos á mesma.

Na intervención incluíuse a incorporación dunha zona axardinada, mobiliario urbano e unha marquesiña a ambos os lados, xerando así dúas zonas de parada: a primeira en dirección de acceso á vila sobre a propia avenida; e a segunda, na marxe oposta do núcleo da parada para os autobuses que saen do municipio.

Esta actuación reforzará a comunicación entre a estación ferroviaria e o transporte interurbano por autobús no concello do Carballiño.


A intervención enmárcase nun convenio de colaboración polo que a Xunta achegou o financiamento e executou as obras, mentres o Concello do Carballiño puxo á disposición os terreos necesarios e asumirá agora o mantemento da infraestrutura.

A actuación é financiada no marco do Eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia de covid-19.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------