Miguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual
Xosé Prada Martínez (0 Carballiño Ourense, 1943).
A singularidade deste autor sobre os xa recollidos nesta sección (e os aínda por recoller ao longo de 2022), está na súa vinculación ao eido teatral, que na vila do Arenteiro se remonta ao XIX, na figura do dramaturgo ocasional e funcionario de Facenda carballiñés, Roxelio Civeira (finado en 1922).
Farei o relatorio biográfico de Prada Martínez a partires do texto recollido na lapela da súa última obra “As comedias de Tiruleque” (Deputación de Ourense, 2019). Procurador dos Tribunais de profesión en activo, actualmente dirixe (e actúa) o Tiruleque Grupo de Teatro afeccionado, do que foi co-fundador en 1985.
Tempo despois comezou a escribir comedias e pequenas pezas de autoría propia, para sustentar o repertorio do grupo con obras en galego. Como autor teatral, a súa obra “Morreu a tía María” (Cadernos Platta, nº 2, Cangas) recibiu en 2019 o I Premio Platta de Teatro Breve dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador en colaboración coa Revista Galega de Teatro Erregueté, sendo publicada en galego, castelán e portugués.
No ano 2015 acadou coa obra “Club PK2 (Comedia de crimes e sexo)” o recoñecemento á “Mellor Obra” na Segunda Edición dos Premios Ramón Puga, convocados por Radio Orense-Cadena Ser.
Na súa actividade literaria á marxe da dramaturxia, participou como narrador co texto “O meu abó” no libro colectivo “Poemas e contos da Festa da Mimosa” (Casino do Carballiño, 1972), prologado por Ramón Otero Pedrayo.
Igualmente, nos anos 1993-1994, coordinou o certame literario A Mostra da Palabra, e en 1994 o seu texto “Un conto triste”, foi premiado no 11º Concurso de cuentos galaico-leonés, e publicado nun volume colectivo pola Casa de Galicia, en León.
Como colaborador xornalista, foi correspondente de La Región entre finais dos anos 6o e comezos dos 70 do pasado século. Tamén colaborador habitual de La Voz de Galicia para a súa, edición en Ourense nos anos 90, en particular coa sección semanal “Profundando”.
Vinculado dende os citados aos movementos culturais da vila, foi directivo do xuvenil Club Veracruz, que editaba a revista alternativa “A Verdá”, que remataría desaparecendo a mans dos franquistas Tribunais de Orden Público.
Foi tamén socio-fundador do Cine Club Carballiño en 1969, entidade promotora das Xornadas de Cine e Video en Galicia, Xociviga, desde 1984, das que dirixiu algunha edición nos anos 90.
Aportou igualmente numerosos textos para os boletíns regulares que imprentaba a entidade. Igualmente, desde 2007 é director da Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón, cita cultural obrigada no outono carballiñés.
Co seu recente volume “As comedias de Tiruleque” (na que reúne unha escolla de catro comedias da súa autoría, “que están moi pretos da farsa”, representadas polo seu cadro de actores ao longo do presente século), non só sube un chanzo máis na propia historia cultural da vila, senón tamén a nivel provincial -é moi escasa a bibliografía teatral en Ourense- e mesmo galego, pois son escasas as edicións centradas en obras non-profesionais.
Outros artigos de Miguel Anxo Fernández Fernández
Terras do Carballiño e os seus escritores (IX) : “Manuel Chamoso Lamas”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( VIII) : “Xosé Manoel Rodríguez”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( VII) : “Ismael González Díaz”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( VI) : “Víctor Campio Pereira”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( V) : “Ánxel Sevillano García “
Terras do Carballiño e os seus escritores ( IV) : “Antón Losada Diéguez”
O Carballiño e os seus escritores ( III) : ” Benxamín Vázquez González “
O Carballiño e os seus escritores ( II) : ” Xosé Fariña Jamardo “
Terras do Carballiño e os seus escritores ( I) : ” Aurelio Miras Azor “