STOP EÓLICOS denuncia a complicidade dos alcaldes de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Bande, Verea e Celanova co gran espolio de terras altas que está a executar Greenalia e outras

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA denuncia a complicidade dos alcaldes de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Bande, Verea e Celanova co gran espolio de terras altas que está a executar Greenalia e outras.

A intervención onte da alcaldesa de Porqueira sacou á luz a liña de alta tensión que conectará os proxectos eólicos das corporacións enerxéticas desde a raia seca limiá até as Terras de Celanova coa central da Frieira no Miño.

AVANTAR ACTIVIDADES

Serán máis de 50 quilómetros de LAT que atravesarán o val do Salas, o val do Limia pola Veiga de Ponteliñares, o Monte Grande e o Monte da Neve, e a parte nororiental da serra do Laboreiro, afectando poboacións e cursos fluviais para dar servizo a un macro-proxecto eólico que inclúe os polígonos de Lamas (2 proxectos), Gomariz, Monte Grande-Ourille e Monte da Neve, e se ofrecerá para a repotenciación do polígono do Vieiro, e dar saída á produción de Iberdrola no Larouco e nos límites do Parque Natural do Xurés, onde se proxectan 3 polígonos que conectarán co xa operativo entre Baltar e Cualedro.

Máis de 14.500 hectáreas das montañas máis senlleiras das comarcas da Limia e das Terras Celanova, entre o Larouco e o Laboreiro, fican en mans de multinacionais privadas con dereitos durante 25 ou máis anos sobre os solos.

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA alerta de que a única área de aproveitamento eólico na que as corporacións aínda non desvelaron os seus plans é a de Penagache na serra do Laboreiro. Hai que protexela tamén.

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA rexistrou esta semana alegacións contra o proxecto PE Lamas de Feás (Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín), e antes presentou alegacións e manifestou a súa oposición aos proxectos LAT do Xurés (entre Baltar e Muíños), LAT do Larouco (Baltar e Xinzo), PE de San Martiño (Baltar) e PE Monte da Neve (Celanova-Verea). En todos estes procedementos a plataforma hase personar a través da coordinadora galega Eólica Así Non, co fin de informar á veciñanza sobre as prácticas empresariais e da administración pública galega que a propia alcaldesa de Porqueira definiu onte como “escuras”. A alcaldesa de Porqueira cumpre co deber democrático de informar e coa responsabilidade diante de toda a veciñanza que vai no seu cargo. O resto de alcaldes, non. Están, de maneira pasiva ou activa, favorecendo a invasión eólica e a ocupación dun parte valiosisima do territorio das nosas comarcas onde nacen as augas.