Presentación en Piñor , o mércores 27 de outubro do libro autobiográfico de Michael Künstler.

Moito máis cunha fermosa historia de amor entre o mendigo e a avogada

AVANTAR ACTIVIDADES

“Un libro no que a realidade supera á ficción, unha historia abafadora, chea de dor e caos, de como se pode pasar de telo de todo a nada e seguir adiante, caendo e levantándose unha vez tras outra, loitando, aprendendo e sorrindo. Unha vida dura pero fascinante. E Michael, unha persoa admirable”

Estefanía García Hermo

Lectora

O vindeiro mércores 27 de outubro ás 20 horas no Local Social de Piñor (Ourense), Michael Künstler e a súa muller, a ourensana Susana, retomarán, despois dun longo e forzado impasse, a presentación da autobiografía Nunca sabes a dónde te lleva la vida, unha verdadeira historia de superación que nos invita á reflexión, a ser conscientes de como na vida unhas situacións poden levar a outras, de tal xeito que o noso mundo pode derrubarse coma as figuras dun dominó, sen que sexamos case conscientes diso.

Pero tamén nos inculca optimismo, tan necesario neste momento, porque, co seu exemplo, aprenderemos que, por moitas portas que se pechen, por moitos obstáculos que xurdan, sempre que haxa vida, haberá esperanza.

Michael Künstler sabe moi ben que ese optimismo, e unha extraordinaria resistencia e capacidade de superación, foron esenciais para reconstruírse, unha e outra vez, superando os obstáculos continuos que unha azarosa vida tiña reservado para el.

Fillo dun médico traumatólogo e dunha fiscal, non atopou nos seus primeiros anos de vida nin o agarimo nin a familia que ansiaba. Na infancia e na adolescencia, os internados convertéronse no seu “fogar”. Un desafortunado aborto truncou definitivamente os seus estudos de Medicina. Na lexión perde traxicamente ao seu gran amigo. Un inesperado cancro de fase avanzada, ao que se enfronta con absoluta soidade, restaurou paradoxalmente a liberdade desexada, pero as drogas quitárona de novo levándoo ao abismo máis profundo, do que sae unha vez máis, cunha forza inexplicable. Pero alá onde ía, con quenquera que fose, sempre unha fiel compañeira:

a soidade. Soidade que o levou, despois de perdelo todo e sufrir un infarto e un derrame cerebral, a percorrer as rúas de España, onde descubriu o mellor e o peor do ser humano. E fíxoo como un “turista” diferente: sen fogar, vivindo e durmindo nas súas rúas, resgardado nos recunchos que atopaba e sen outra compañía que el mesmo ou a dunha botella de viño.

Pero quizais a maior aprendizaxe deste libro, e a máis sorprendente, sexa a que deriva da resistencia do seu protagonista. Michael é un verdadeiro sobrevivente. Da ausencia de afecto materno, do cancro, das drogas, da soidade … No seu vocabulario, e moito menos na súa mente, non ten cabida o verbo renderse. Esa resistencia tráeo aquí e fixo posible o que parecía imposible: escribir un libro. E, o máis importante, cumprir o soño da súa infancia: atopar unha familia.

Porque a súa historia é tamén unha fermosa historia de amor. Hoxe Michael comparte coa súa muller, Susana, ese optimismo, esa forza para avanzar sempre, e mesmo esa atracción pola vida nómada. A pandemia privounos de moitas cousas, pero tamén lles trouxo outras, incluída unha nova vida. Un novo fogar. Hoxe viven e percorren o mundo nunha autocaravana, cargados de novos proxectos, recuperando o contacto cos seus, xa, moitos lectores.


VIDEO SPOT PIÑOR en BADAL TV