Emigración participa na primeira romanía, a “jira campestre”, do centro gallego de México celebrada trala pandemia da COVID-19.

O secretario xeral deste departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, quixo así apoiar á comunidade galega neste país que conta cunha importante e puxante comunidade de empresarios galegos  

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu na tarde de hoxe á primeira romaría, a “Jira Campestre”, que o Centro Gallego de México organiza trala pandemia da Covid-19 e que se celebrou nas instalacións que esta entidade ten no Canal de Chalco, en Iztapalapa, nas aforas da capital do país.

AVANTAR ACTIVIDADES

Deste xeito, o secretario xeral quixo apoiar á comunidade galega residente neste país na principal xuntanza que organizan tras dous anos de crise sanitaria. No evento xuntáronse máis de 4.000 persoas.

“Trátase dunha das grandes citas anuais da galeguidade universal e dun evento que vén a demostrar que a nosa diáspora en México é unha comunidade moi activa e cunha grande influencia nos ámbitos cultural, económico e académico”, explicou Miranda, quen destacou o importante labor dos galegos residentes neste país de Norteamérica, onde conforman unha importante e puxante comunidade de empresarios.  

Durante a romaría, a gastronomía e a música galega foron as protagonistas. O Centro Gallego de México naceu en 1911, por iniciativa de tres emigrantes galegos: Andrés de la Fuente, Adolfo Blanco e Rogelio Domínguez, que desexaban crear unha coral que finalmente se converteu primeiro nun orfeón e logo nunha importante entidade social e cultural. No ano 1957 fundaron a revista “Anduriña” que recolle as novas máis importantes da comunidade galega no país azteca e en 1980 construíronse as instalacións deportivas onde hoxe se celebrou a romaría.

En México viven actualmente 14.630 galegos, dos que 2.930 naceron na comunidade autónoma.