O Psdeg-Psoe solicita a Deputación que as comisións de maio se celebren presencialmente

Pleno Extraordinario Deputación Ourense. Asisiten Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (VicePresidente 1); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Pablo Pérez Pérez (Deputado PPOU); Rafael Rodríguez Villarino (Deputado PSOE); José Ignacio Gómez Pérez (Deputado PSOE); Montserrat Lama Novoa (Deputado CS); Jose Miguel Caride Domínguez (Deputado DO); Bernardo Varela López (Deputado BNG).

O PSDEG-PSOE SOLICITA Á DEPUTACIÓN DE OURENSE QUE AS COMISIÓNS DO MES DE MAIO SE CELEBREN PRESENCIALMENTE NO SALÓN DE PLENOS GARANTINDO A SEGURIDADE

“A desescalada progresiva na incorporación física ao traballo é un imperativo que atinxe tamén, coas debidas cautelas de seguridade, ás mulleres e homes que representamos á poboación”, afirman
Recordan que esta actividade presencial xa se levou á práctica, por exemplo, na xuntanza do Comité de Saúde e Seguridade desenvolvida o pasado venres 8 de maio tamén no salón de plenos
O PSdeG-PSOE vén de reclamar ó goberno bipartito de PP e DO na Deputación de Ourense, que as comisións informativas do mes de maio se celebren presencialmente no salón de plenos da institución, unha opción que permite cumprir as normas en materia de seguridade e saúde derivadas da pandemia mundial provocada polo virus SARS-CoV-2, á vez que se inicia o retorno dos cargos electos provinciais ó seu traballo de representación.
Nun escrito aseguran que “a desescalada progresiva na incorporación física ao traballo é un imperativo que atinxe tamén, coas debidas cautelas de seguridade, ás mulleres e homes que representamos politicamente á poboación” xa que “a posibilidade de reunir ata 10 persoas mantendo a distancia de seguridade e cumprindo co resto de protocolos de protección determinados polas autoridades sanitarias desde o luns 11 de maio, permite a presencialidade das comisións para un desenvolvemento máis óptimo”.
Recordan tamén que esta actividade presencial xa se levou á práctica, por exemplo, na xuntanza do Comité de Saúde e Seguridade desenvolvida o venres 8 de maio —aínda en fase 0 do plan de desescalada— no que se reuniron, de modo simultáneo, alomenos 12 persoas no salón de plenos.
Así pois, solicitan que estes órganos colexiados nos que se debaten e ditaminan os asuntos que se debaterán e votarán no pleno ordinario que terá lugar a última semana do mes, se executen de xeito presencial “en troques da vía telemática anticipada ós voceiros e voceiras grupos políticos, xa que existe unha autorización legal que o permite e un espazo institucional que cumpre respecto das distancias esixidas para garantir a seguridade”.

AVANTAR ACTIVIDADES