Ribadavia foi a peor en todo neste ano de goberno do PP. É tempo de intentar de novo un cambio de progreso para unha Ribadavia mellor.
O vindeiro 15 de xuño cumprese un ano dun goberno que levou a Ribadavia a vivir aspectos do seu pasado máis escuro.
O actual goberno constituíuse pola falta de acordo entre as forzas progresistas. Falta de acordo da que asumimos a nosa parte proporcional, para agora intentar un acordo de cambio e de progreso para unha Ribadavia mellor.
– Xestión desatrosa: limpeza, obras, mantemento, en definitiva moi mala xestión municipal que se plasma no mal estado e mala imaxe das nosas rúas e parroquias.
– Democracia e transparencia: formas autoritarias, escurantismo, ausencia de diálogo e consenso, unilateralidade, intento de coerción ao Pleno, caciquismo na xestión, ataques á oposición, mentiras e falsidades nas informacións municipais, en definitiva o nível democrático foi aceleradamente aproximandose ao modelo baltarista do PP ourensán.
– Ausencia de investimentos: é inaudito ter dúas administracións superiores xestionadas polo mesmo partido e non ter conseguido nin un só euro en investimentos para Ribadavia. Á maioría de concelleiros e concelleiras daríanos vergoña que o noso partido gobernara en Ourense e San Caetano e non ter conseguido nin un só investimento en un ano.
– Mentiras, propaganda e demagoxia: sen dúbida un sobresaínte en anuncios falsos e performance politiqueira. As boas palabras foron deixando paso a crúa realidade, Ribadavia tivo un retroceso democrático e de xestión ineficaz na súa institución municipal.
Se esta era a Ribadavia que viña, entón a nosa obriga é poñer todo para un acordo de cambio e progreso.
Ribeiro en Común considera que tras este ano de retroceso as forzas progresistas estamos en mellor disposición de chegar a un acordo para un goberno de cambio e progreso, para un Concello de todos e todas.
Ribeiro en Común naceu como plataforma veciñal, plural e progresista para un Concello aberto a todo o pobo ribadaviense, para poñer o Concello ao servizo da xente. Ribeiro en Común tivo, ten e terá unha liña clara de defensa do ben común e dun Concello ao servizo do pobo, polo que non pode permitir que o noso Concello continúe a ser unha especie de subdelegación baltarista do PP no lugar da institución que traballa para unha Ribadavia de progreso e do pobo.
Independentemente do que aconteza nas vindeiras eleccións autónomicas, Ribeiro en Común apostará por un goberno municipal novo, de cambio e progreso, un goberno de consenso e aberto a toda a cidadanía, un goberno que traballe para o interese xeral e o ben común.
Con xenerosidade e decisión Ribeiro en Común intentará poñer todo da súa parte para facelo posible.
Viva Ribadavia, sempre.
Axuntamos o programa base rexistrado no Concello no inicio da presente lexislatura, tras as eleccións municipais de maio do 2019 que levaron ao noso grupo a ter 3 representantes no Concello de Ribadavia, programa que continúa vixente e que defendemos como marco de acordo democrático no Concello.
Decálogo de medidas de Ribeiro en Común para a lexislatura 2019-2023 e de Medidas Urxentes para mellorar a vida dos e das ribadavienses.
Ribeiro en Común demanda priorizar accións municipais de cara a reverter a situación crítica que vive Ribadavia, comezando polos servizos básicos e os servizos que repercutan no ben común, así como no aspecto democrático da institución, neste sentido o noso grupo reitera as medidas xa rexistradas e concretadas no seguinte:
- Ampliación do Polígono e Plan de activación do emprego con partida orzamentaria.
– Creación dunha Comisión de seguimento e de promoción do Polígono, na que participen todos os grupos. Seguimento das Axudas a parados e autónomos vixentes. Estudo da situación socioeconómica municipal e propostas de novas medidas necesarias.
– Creación dunha partida orzamentaria base que recolla un Plan de traballo de apoio a parados e paradas de longa duración do noso municipio, Planno que participen todos os grupos.
- Centro de Día e Asilo en Ribadavia. Creación dunha Comisión municipal para crear un Centro de Día en Ribadavia,e cuxa representación trasladará os seus ditames á Xunta de Galicia, e o impulso dos terreos e do proxecto arquitectónico do novo Asilo, proxecto a medio prazo, sen enganar a ninguén con falsas promesas.
- Creación dunha Comisión municipal para a Reforma do actual Centro Saúde, e cuxa representación trasladará os seus ditames ao SERGAS. Esta mesma Comisión resolverá unha solución para os terreos municipais do campo da feira, co conseguinte compromiso para a súa modificación no novo PXOM.
- Pasarela entre a Veronza e San Francisco. Creación dunha partida orzamentaria base que recolla a súa Construcción.
- Vivendas sociais no casco histórico e recuperación de espazos públicos. Creación dunha partida orzamentaria para a realización de e recuperación dos inmobles municipais a través de:
– Plan Municipal de vivenda pública e recuperación do casco histórico, coa participación da Xunta e do Estado.
– Plande Mellora, coidado e recuperación do espazo público da zona monumental de Ribadavia. Creación dunha partida especifica.
- Creación de Comisións municipais encamiñadas a posibilitar a recuperación municipal da xestión de recursos e servizos, ou no seu caso á revisión de contratos municipais para a súa mellora en beneficio do Concello e da veciñanza.
– O servizo público de auga, cuxa adxudicación e contrato actual está en precario, un contrato caducado que debe resolverse. Investimento e impulso dos proxectos de auga pública nas parroquias e núcleos que carecen del. A través dunha nova xestión da auga deben realizarse investimentos na mellora da rede de todo o municipio.
– Aparcadoiro municipal.
– Apoio á recaudación.
– Servizo de recollida de lixo.
– Adquisión camión- grua para servizos, na práctica externalizado.
– Comisión municipal que estude a reforma, por consenso, da política impositiva destinada a aumentar o seu carácter progresivo.
- Compromiso do Concello para a recuperación pública para a Fundación Vila Termal de Prexigueiro, sendo o Concello o seu motor, e posta en valor das termas a través da súa ampliación, tras anos de incumprimento contractual pola actual empresa explotadora.
- Compromiso do Concello coa Transparencia na contratación empresarial e de persoal, así como na contratación de obras, servizos e de subministros para o Concello.
- Compromiso do Concello coa Transparencia democrática do Concello e cumprimento legal e democrático co censo municipal, regularización do censo nas vivendas nas que existe un censo irregular demostrado. Sempre cumprindo coa normativa de protección de datos pero sobre todo no imperativo legal de acceso a información municipal dos e das representantes cidadás e concelleiras, este compromiso debe traducirse na Creación dunha Comisión de investigación na que estean todos os grupos municipais e que ditamine unha resolución encamiñada a democratizar o Censo municipal de Ribadavia.
- Compromiso de cumprimento a medio prazo das partidas aprobadas e non executadas. Así mesmo, compromiso coa execución a través de partidas orzamentarias das Mocións aprobadas na lexislatura pasada e na actual. Compromiso coa súa execución para esta lexislatura.
Desexamos que o dialogo democrático e permanente con todos os grupos, debe existir de maneira recíproca en toda a lexislatura que queda. A capacidade de consenso de be prevalecer.
Débese evitar a unilateralidade e buscar consensuar as accións municipais, estas deben ser decididas e acordadas en Ribadavia, pola maioría das súas concelleiras e concelleiros, non en estruturas alleas e lonxanas, nin en Administracións que non sexan o noso Concello.
Unha Ribadavia mellor e un Concello de todos e todas é posible, fagámolo. Ribadavia primeiro.