O presidente da Deputación foi convidado a participar esta mañá na presentación, en Sâo Pedro de Sul, da “Agenda para a Valorização dos Territórios Termais para a Região Centro 2030”, que tamén contou coa presenza da secretaria de Estado de Desenvolvemento Rexional e presidentes das cámaras municipais e asociacións termais desta rexión lusa
Manuel Baltar repasou na súa intervención, gravada, os principais fitos alcanzados nos últimos anos -como o plan de termalismo social, o termalismo deportivo, a dixitalización da oferta termal, o PST en “Ourense Termal” ou a colaboración co Campus da Auga- e novas iniciativas como o proxecto de dixitalización do ciclo da auga e o Gran Hotel Balneario
“A loita por poñer en valor os recursos termais”, explica o presidente da Deputación, “ten que ser unha operación conxunta, e desde Ourense queremos lanzar unha mensaxe de coordinación, cooperación, e posta en común os recursos dos que dispomos”
“Para a Deputación, as cuestións termais son centrais, non só no programa de goberno senón na labor de concienciación á poboación de que contamos cun tesouro que debemos potenciar”, remarca Manuel Baltar
Ourense, 22 de marzo de 2023.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, foi convidado a participar esta mañá na presentación, en Sâo Pedro de Sul, da Agenda para a Valorização dos Territórios Termais para a Região Centro 2030, un documento impulsado pola Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Centro (CCDRC) que establece a ambición e afirmación desa rexión portuguesa como líder luso na innovación e sustentabilidade do recurso da auga mineral natural, centrándose na competitividade, na atracción e fixación no territorio de poboación cualificada, e a promoción do benestar e de estilos de vida saudables.
Na presentación da Agenda para a Valorização dos Territórios Termais para a Região Centro 2030 t, celebrada no auditorio do balneario Rainha Dona Amélia, tamén participaron autoridades lusas como a Secretaria de Estado de Desenvolvemento Rexional, Isabel Ferreira; a presidenta da CCDR, Isabel Damasceno, e presidentes das cámaras municipais e asociacións termais da rexión.
Na súa intervención, realizada a través dun vídeo, o presidente do goberno provincial e da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) fixo un repaso de todas aquelas actuacións en material termal que se teñen realizado na provincia co apoio do goberno provincial: “A estratexia termal da Deputación potencia dende todos os ámbitos ao termalismo, o gran axente dinamizador do noso territorio”.
Manuel Baltar sinalou que “para min é unha honra participar nesta sesión, facelo como presidente da Deputación de Ourense, presidente da EHTTA, e tamén como presidente do Foro Termal do Eixo Atlántico, esa organización pública que reúne as poboacións de Galicia e norte de Portugal, e que conta tamén como un área estratéxica de desenvolvemento co termalismo, algo que todos debemos protexer, impulsar, promover e favorecer”.
O presidente do goberno provincial destacou que “a auga é vida, e a auga termal é saúde. Despois dos tempos da pandemia, o termalismo entra nunha nova dinámica, nun escenario no que se fai máis presente ca nunca a necesidade das augas mineiro-medicinais, do relax, da tranquilidade, do medio ambiente”. Ademais, Manuel Baltar quixo reivindicar a inclusión dos servizos termais nos sistemas nacionais de saúde, “unha reclamación que desde Ourense facemos a nivel nacional”.
A experiencia termal en Ourense
No seu relatorio, Manuel Baltar realizou unha exposición das ferramentas implementadas polo goberno provincial ao longo dos últimos anos. O presidente da Deputación destacou fitos como o plan “Ourense, la provincia termal”, un programa que “establecía unha serie de fitos, cuestións e actuacións que se foron cumprindo co paso do tempo, facendo que poidamos dicir que Ourense é o territorio de maior potencial termal de Europa”.
Manuel Baltar tamén fixo referencia á mellora nas comunicacións coa liña de Alta Velocidade Madrid-Ourense, “conectando as 15 vilas termais de Ourense coas cidades españolas e europeas”. En relación a estas vilas termais, Manuel Baltar destacou que “son concellos que contan tamén na súa estratexia de desenvolvemento con esa cuestión termal que desde a Deputación apoiamos e promovemos, servindo de exemplo eses 8 balnearios abertos ao público cuxas prazas se cobren en tempo récord”. “Estamos a falar dun programa que está protagonizado ao 100% pola administración electrónica, podendo contar en minutos cun aloxamento nos nosos balnearios, e que serve de escusa para coñecer Ourense e, de paso, darse conta da monumentalidade, da riqueza gastronómica, etnográfica que pode ofertar un territorio como o noso”.
“Nove balnearios, un programa de termalismo social, 15 vilas termais e a Deputación de Ourense despregando unha actividade que permite que hoxe en día poñamos en marcha plans termais con financiación comunitaria”, destacou Manuel Baltar, quen nesta liña tamén recordou o Plan de Sustentabilidade Turística “Ourense Termal” e o plan “Raia Termal” como exemplos de cooperación e sustentabilidade, “chave para poñer en marcha estruturas termais e valorizar o territorio grazas a unha estratexia que persigue o benestar da veciñanza e a potenciación deses recursos termais”.
O termalismo ligado ao coñecemento e innovación
O presidente provincial reivindicou que “o termalismo está ligado ao coñecemento e á innovación”, poñendo en valor a colaboración da Deputación co Campus da Auga, “un novo motor de desenvolvemento do noso termalismo”. Outro punto da intervención de Manuel Baltar nesta cita en Portugal foi o termalismo deportivo, “vencellado a unha estratexia provincial da auga que ten reportado grande visibilidade a Ourense e unha capacitación deportiva coa que antes non contábamos”.
Por outra banda, Manuel Baltar destacou outros proxectos coma a dixitalización do ciclo integral da auga, “que fará que Ourense sexa un territorio punteiro na investigación”; o Observatorio Mundial do Termalismo, cunha dinámica de traballo “baseada na participación, transparencia e goberno aberto”; e o proxecto do Gran Hotel Balneario Auria.
Finalmente, o presidente do goberno provincial lembrou a feira termal Termatalia, apoiada pola Deputación, nesa aposta “por facer visible o termalismo a nivel mundial”. “A loita por poñer en valor os recursos termais ten que ser unha operación conxunta, e desde Ourense queremos lanzar unha mensaxe de coordinación, cooperación, e posta en común os recursos dos que dispomos. Para nós, as cuestións termais son centrais, non só no programa de Goberno senón na labor de concienciación á poboación de que contamos cun tesouro que debemos potenciar”, concluíu Manuel Baltar.