Noa Presas presentará unha emenda a prol dunha partida de 500.000 € nos orzamentos da Xunta para 2021.
O BNG do Ribeiro, coa presenza da deputada Noa Presas, celebrou hoxe un acto reivindicativo diante do centro de saúde de Ribadavia no que demandamos realidades na mellora das instalacións do PAC de Ribadavia, centro que ofrece cobertura sanitaria a toda a comarca do Ribeiro, e que logo de case 12 anos de goberno do PP na Xunta unicamente aconteceu a anulación do traballo feito durante o goberno de coalición da Xunta e Concello de Ribadavia a prol dunhas novas instalacións.
Malia os anuncios feitos dende o PP a realidade é que no proxecto de orzamentos só aparece unha declaración de intencións e ningunha partida concreta para o centro de saúde de Ribadavia.
Tampouco semella que se vaia poder actuar por outras vías ao longo de 2021, xa que non temos coñecemento de que exista proxecto de obra e ademais a partida xenérica para construción de centros de saúde con que conta o SERGAS para 2021, ascende a catro millóns de €, dos que só 4,7 % van destinados á provincia de Ourense, e segundo a memoria de orzamento actuaríase en Ribadavia e A Arnoia.
Polo que o grupo parlamentar do BNG vai presentar unha emenda aos orzamentos da Xunta para 2021 esixindo unha partida específica para o centro de saúde de Ribadavia.
ORZAMENTO CONSELLERÍA SANIDADE