O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a convocatoria das axudas -cun orzamento total de 1,4 millóns de euros- que a Xunta destina a sufragar a contratación neste 2021 de mulleres vítimas de violencia de xénero por parte de entidades locais (concellos, grupos de municipios, consorcios ou mancomunidades). Esta medida, destinada a apoiar a independencia económica das vítimas, coincide tamén hoxe coa publicación das bases para este ano para que os fillos e fillas menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero e as mulleres gravemente feridas nas agresións accedan a unha indemnización económica de pago único de 7.000 euros.

Para a Xunta, a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral. As convocatorias que hoxe recolle o DOG, supoñen un paso máis no camiño da recuperación: a primeira delas, ao artellar axudas dirixidas ás entidades locais para que contraten a mulleres que sofren violencia de xénero e que, a curto prazo, non poden acadar un posto de traballo ordinario; e a segunda, para protexer as mulleres feridas e ás outras vítimas da violencia de xénero: os fillos menores de 30 anos que non sexan independentes economicamente no momento dos feitos.

O Goberno galego financia deste xeito a contratación das mulleres vítimas por parte dos entes locais ou agrupacións de municipios, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social. Os concellos poden solicitar os apoios desde mañá mesmo. De resultar beneficiarios, recibirán a contía necesaria para sufragar as retribucións salariais brutas das mulleres incorporadas, ata un máximo de 12 mensualidades.

Segundo a poboación abarcada, os concellos (ou agrupacións de varios) poden optar á contratación dunha única muller (municipios de ata 5.000 habitantes) ata un máximo de 6 traballadoras nas localidades máis grandes (máis de 50.000 habitantes).

As destinatarias finais serán mulleres que sofren violencia de xénero e que consten como inscritas como demandantes de emprego ou teñan solicitada mellora de emprego por medio do Servizo Público de Emprego de Galicia. Trátase de axudalas a acadar unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia e empoderamento, reforzando ao tempo unha posterior inserción laboral estable.

Axudas para orfas e orfos e mulleres gravemente feridas
O ano pasado o Goberno autonómico concedeu indemnizacións a tres mulleres vítimas da violencia de xénero que resultaron gravemente feridas e a dous dos descendentes que quedaron orfos a causa desta lacra. As contías ascenden a 7.000 euros de indemnización e se completan cunha asistencia integral a todos eles, no marco das medidas que a Comunidade brinda para apoiar ás mulleres e aos menores na súa recuperación.

O Goberno galego vén de publicar tamén hoxe a convocatoria para 2021 destes apoios económicos -cun orzamento de 70.000 euros ampliables- dirixidos, por unha banda, ás mulleres que resultan gravemente feridas e que requiran de hospitalización a causa dunha agresión por violencia de xénero e, por outra, aos fillos e fillas orfos.

A indemnización vai dirixida a cada un dos fillos e fillas da vítima mortal da violencia de xénero, sempre que na data do falecemento da súa nai sexan menores de idade e convivan con ela (independentemente da renda familiar) ou no caso dos maiores de ata 30 anos, que dependan economicamente da nai e/ou do pai agresor.

No caso das mulleres, a Xunta apoia as que resultan feridas gravemente, con lesións que requiran de hospitalización, como consecuencia dunha agresión de violencia de xénero e que na data en que se producira sexan vulnerables economicamente.

En ambos os dous casos, para poder acceder á convocatoria de 2021, as agresións teñen que terse producido con posterioridades ao 1 de xullo de 2019.

Todos este apoios forman parte das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero que a Comunidade desenvolve en Galicia para dar protección específica aos menores como parte do seu recoñecemento como vítimas directas e outorgar autonomía económica ás mulleres vítimas.