Nas últimas semanas, Xuntos por San Amaro ven mantendo unha serie de xuntanzas coas entidades veciñais do concello, para coñecer de primeira man as inquedanzas veciñais, amais de favorecer a participación nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes libremente elixidos, como propugna o artigo 23 da Constitución Española.
Para onte, domingo 26 de marzo, estaba previsto o encontro coa veciñanza de San Cibrao de Las, despois de falar con un representante veciñal xa fai varias semanas e despois de acordar esta data que non entorpecía a actividade do colectivo veciñal. Xa nos chamara a atención que, unha semana despois de termos acordado o día, se nos indicara que pediramos o local por escrito diante do concello, algo que fixemos sen moito problema por entendermos que as propiedades públicas deberan ter un protocolo de uso claro e transparente. Porén, aínda que falamos co representante veciñal (xa fai 2 ou 3 semanas) e rexistramos en tempo e forma un escrito solicitando o local, o actual goberno do concello nin se molestou en respostar ao mesmo, secuestrando os dereitos á liberdade de expresión, á participación nos asuntos públicos e ao uso dun local público e costeado por todas as veciñas e todos os veciños do San Amaro.
Xa abonda. Este goberno tránsfuga está tratando de pervertir os resultados das vindeiras eleccións municipais. E semella facelo coa complicidade dun Secretario municipal que leva informado favorablemente e blanqueado cantas irregularidades e cuestións dubidosas se teñen dado no concello desde a súa chegada no ano 2016 para sustituir á anterior Secretaria, quen -casualmente- si manifestara diversas obxeccións e reparos diante do contrato da auga que estaba a piques de se aprobar. E todo isto con unha serie de argucias desafortunadas e mesquiñas tales como:
Adulteración do Censo electoral. Nas últimas 3 décadas só houbo 2 anos nos que se viu incrementado o censo do San Amaro, como pode verse nesta gráfica realizada con datos do INE. Foron o 2007 e o actual 2023; casualmente dous anos con convocatoria electoral a eleccións municipais e dous anos nos que o PP tiña e ten difícil acadar o goberno. Na actualidade, o concello do San Amaro atópase noutro triste ranking español. Atópase investigado polo INE canda outro medio cento de concellos de toda España.
Emprego de cartos de toda a provincia e de todo o país para un interese persoal e partidista. O obxectivo de desviar cartos de toda a provincia para os concellos nos que o PPdG quere recuperar a alcaldía, despois de facelo con operacións de transfuguismo, non é a mellora do propio concello (sen dúbida, se conseguen a alcaldía, San Amaro voltará á situación de abandono vivida nos anteriores 30 anos, e é algo que todas e todos sabemos), senón a procura de mellorar o resultado electoral no San Amaro do sr. Redondo, do PP e por extensión de Manuel Baltar, responsable deste desvío de cartos sen control.
Ocultación de información. E de feito así o fixo porque, despois de marear intencionadamente as nosas solicitudes de documentación, incumprindo en TODAS as ocasións os prazos que lle marca a lei para respostarnos, aínda hoxe non foi quen de amosarnos o extracto dunha das contas bancarias do concello.
Non entender o papel da Alcaldía. Prohibiunos gravar o Pleno municipal, no pasado 21 de marzo, aludindo que había que pedir permiso, algo do que tivo que retractarse xa na seguinte convocatoria plenaria, o que evidencia a curiosa percepción que o actual alcalde ten das institucións e dos reximes democráticos.
Opacidade nas contas. Aprobou as contas públicas sen pasar os procedementos legais obrigatorios, coas conseguintes consecuencias de déficit democrático e grande risco de recortes serios no futuro.
Paga irregular do alcalde. Púxose unha paga a percibir desde o día seguinte da súa chegada á Alcaldía mercede a unha operación de transfuguismo, sen sequera unha partida aprobada para ese concepto nin aprobala en Pleno como manda a lei. E cando -despois de meses insistindo- decidimos denunciar a situación, tentou regularizala con carácter de urxencia e pola porta de atrás, con todas as dúbidas sobre a validez do “carácter retroactivo” dun ano que pretendeu outorgarlle ao seu soldo e da ausencia total de pagamento á Seguridade Social.
E agora pretende secuestrarlle ás veciñas e aos veciños do San Amaro o seus dereitos á liberdade de expresión, excusándose no uso dos locais públicos, cando Xuntos solicitara o uso do local en tempo e forma sen recibir resposta e -para máis inri- sabemos agora que as chaves dos locais públicos do San Amaro andan de man en man, sen ningún escrito, nin convenio nin sequera unha Ordenanza que regule os usos e os protocolos dos mesmos.
Porén e todo, algúns veciños e algunhas veciñas decidiron acudir á cita, poñendo en valor o seu dereito fundamental á participación nos asuntos públicos, propugnado pola Constitución Española, aínda que -polo que puidemos saber- houbera alguén relacionado con todo isto que acabamos de expoñer, que estivo “recomendándolle” á veciñanza que non viñeran ao acto.
Pois ben, o acto tivo lugar na rúa, ás portas do local público, evidenciando como o goberno municipal foi capaz de rizar o rizo pechando o acceso de veciñas e veciños a unha propiedade veciñal. Aínda así, recollimos moi agradecidos as propostas e demandas das persoas asistentes. Seguiremos dándolle voz á veciñanza, sempre con respecto institucional e dentro do marco lexislativo.