Os cabeza de lista da candidatura socialista por Ourense para as eleccións ao Parlamento de Galicia chaman desde O Carballiño á “mobilización” o vindeiro 18 de febreiro

Os cabeza de lista da candidatura socialista por Ourense para as eleccións ao Parlamento de Galicia chaman desde O Carballiño á “mobilización” o vindeiro 18 de febreiro “a prol do cambio na Xunta de Galicia, que garanta o futuro da comarca e da provincia”. “Queda pouco para o cambio e xa a partires do vindeiro domingo, con José Ramón Gómez Besteiro á fronte do goberno autonómico, inmediatamente imos poñer en marcha medidas de choque para facer fronte aos moitos desafíos que confronta a comarca do Carballiño, e que son comúns a toda a provincia de Ourense, tanto a nivel de infraestruturas coma de servizos”, sostivo Carmen Rodríguez Dacosta, a número un da candidatura provincial socialista ao Parlamento de Galicia. Dacosta lembrou que “para que isto aconteza isto é preciso a mobilización de todas e de todas, a prol do cambio na Xunta, que garanta o noso futuro, e non sucumbir á resignación que pretende instalar o PP entre as galegas e galegos, insinuando que este é o mellor dos país posibles, cando non é así!”.

Na mesma liña afondou o número dous da lista socialista pola provincia de Ourense, o ribadaviense Nacho Gómez Pérez, para quen “tras unha intensa campaña, que enfocamos con moita ilusión e azos desde o principio, só falta un último impulso, o domingo que ven, para o cal animamos á xente da comarca do Carballiño, do Ribeiro e de toda a provincia para que voten ao PSdeG-PSOE”. Segundo este, “precisamente temos un claro exemplo do que un goberno socialista pode facer no Carballiño, unha vila que ten un gran alcalde e un gran grupo de goberno, que é a vila que máis medra na provincia e que vai na boa dirección malia o reiterado incumprimento das promesas da Xunta de Galicia, que foron moitas, pero que non cumpriron, confirmando o desleixo do PP coa comarca e con Ourense”. Gómez non alberga dúbidas sobre o “cambio inminente” porque “a medida que pasaban os días, que avanzaba a campaña e se confirmaba a baixada do PP, acentuándose o seu nerviosismo e agresividade, estaba xa claro que sabían que ían perder a maioría absoluta”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Proxectos pendentes da Xunta co Carballiño

“Esta campaña é moi importante porque nestas eleccións autonómicas O Carballiño xógase moito, porque son moitas as cousas que ten pendentes a Xunta de Galicia coa nosa vila, toda unha serie de proxectos que sen entoxan vitais para nós e que marcarán o noso futuro”, afirmou Francisco Fumega, alcalde socialista da Vila do Orcellón. Fumega repasou algún dos plans que require do concurso do goberno autonómico, coma o centro de saúde, a provisión de pediatras e facultativos especialistas, a posta en marcha dun parque empresarial de máis dun millón de metros cadrados que, xunto con Maside, permitirá superar os 20.000 habitantes, optando deste xeito o Concello a subir de categoría e optar a máis fondos do Estado; ou o “nulo investimento da Consellería de Medio ambiente do PP na zona, aportando 0 euros en 10 anos, malia cobrarnos regularmente un canón completamente usureiro”. “As veciñas e veciños do Carballiño deben atender aos feitos e reflexionar sobre as posibilidades de cambio real, dun novo escenario, que abren cunha Xunta presidida por Besteiro”, sentenciou Fumega.

Ao fío do relato do alcalde do Carballiño, Dacosta deu conta dalgúns dos “ataques” da Xunta de Rueda contra a provincia de Ourense, poñendo de relevo o desmantelamento do sistema público de saúde, a falta de especialistas e sanitarios, e de infraestruturas e recursos, que se sitúan detrás de concentracións como as que tiveron lugar ese mesmo día no Carballiño, Xinzo e Verín. “Vimos de facer unha campaña moi ilusionante, con mensaxes en positivo, presentando un programa electoral que contén medidas que van influír positivamente en Ourense, que contén iniciativas de fondo calado estratéxico para cambiar a comarca do Carballiño e toda a provincia”, estima a cabeza de lista socialista. “Quixera aproveitar este último día de campaña para chamar á mobilización e pedir o voto para o PSdeG-PSOE, para non sucumbir ao conformismo da dereita e apostar polo cambio que só é posible a través dun candidato coa experiencia de xestión que atesoura Besteiro, gran coñecedor da realidade e necesidades do noso país”, concluíu Dacosta.