Tra-lo éxito da súa recente viaxe a Zürich, onde representou o seu traballo diante do público de fala hispana residente na Suiza, a compañía de teatro afeccionado Dar Trela do Carballiño regresa á casa cun novo reto escénico: a estrea de “Asasinato no Muiño”, un innovador cluedo teatral que converterá o Museo Etnográfico do Río Arenteiro no escenario dun intrigante crime por resolver.
A proposta afástase do formato teatral convencional para ofrecer unha experiencia inmersiva na que o público percorrerá os distintos espazos dos muíños mentres segue as pistas dun misterioso asasinato. Os asistentes non serán simples espectadores, senón que deberán observar, escoitar e sacar as súas propias conclusións para descubrir quen é o culpable.
Co obxectivo de preservar a esencia da experiencia e facilitar a interacción co elenco, cada pase contará cun número reducido de participantes, o que permitirá vivir a historia dunha maneira máis próxima e intensa. As funcións celebraranse os venres e sábados sinalados no calendario da compañía (que pode verse abaixo), sempre ás 20,30 horas, no Museo Etnográfico do Carballiño.
A primeiras funcións serán o venres, 31 de xullo e o sábado 1 de agosto, no devandito horario.

As entradas teñen un prezo de 8 euros por persoa e pódense reservar exclusivamente por whatsapp nos teléfonos 645167278 e 600829089 indicando necesariamente a data da función escollida e o número de persoas asistentes.
Desde Dar Trela animan á veciñanza e aos visitantes a descubrir esta proposta diferente, que combina patrimonio, misterio e teatro nun espazo tan singular como os muíños do Parque Etnográfico do Carballiño. A compañía lembra tamén a importancia da puntualidade para garantir o correcto desenvolvemento da experiencia.


















