O proxecto AcelerOU da Deputación recibe a mellor puntuación en toda España nesta convocatoria do Goberno central

A iniciativa, que busca impulsar a dixitalización de pemes, autónomos e emprendedores, obtivo a mellor cualificación das 90 presentadas por administracións locais e provinciais españolas

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, enmarca esta avaliación do programa AcelerOU dentro do “excelente traballo realizado na captación de fondos europeos, despois de ser a primeira provincia española en activar un plan específico neste eido”

AVANTAR ACTIVIDADES

O proxecto CROu, de dixitalización e sustentabilidade do comercio rural, xa obtivo en xaneiro a máxima puntuación noutra convocatoria Next Generation. “Estes son os froitos da nosa forma de traballar, metódica e planificada, e que está a traer resultados visibles para o territorio”, destaca Manuel Baltar

Ourense, 23 de outubro de 2022.- O proxecto AcelerOU, deseñado pola Deputación de Ourense, obtivo a máxima puntuación de toda España na convocatoria dos fondos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia xestionado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transición Dixital para a creación da Rede de Oficinas Acelera Pyme en entornos rurais. O programa beneficiario desta axuda comunitaria busca impulsar a adopción de tecnoloxías dixitais por parte das pemes, autónomos e emprendedores da provincia. A esta convocatoria de fondos, xestionada pola entidade pública Red.es, presentáronse 90 administracións locais e provincias de toda España. 

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, enmarca esta avaliación do programa AcelerOU dentro do “excelente traballo realizado na captación de fondos europeos, despois de ser a primeira provincia española en activar un plan específico neste eido”.

O proxecto CROu, de dixitalización e sustentabilidade do comercio rural, xa obtivera no mes de xaneiro de 2022 a máxima puntuación noutra convocatoria de fondos Next Generation. “Estes son os froitos da nosa forma de traballar, metódica e planificada, e que está a traer resultados visibles para o territorio”, destaca Manuel Baltar, que valora o traballo realizado por todas as áreas da administración provincial na atracción de fondos europeos: “Programas como o EmprendOU, o Destino Turístico Intelixente ou o Plan de Sustentabilidade Turística falan do liderado da Deputación no deseño, captación e execución de iniciativas que sitúan a Ourense na vangarda, aportando a este territorio novas ferramentas de desenrolo”. 

Integrado na Rede de Oficinas Acelera Pyme e cun amplo respaldo social

O plan AcelerOU beneficiario da convocatoria de axudas lanzada polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transición Dixital está deseñado polo goberno provincial para axudar ás pemes, autónomos e emprendedores na súa transformación dixital. Cunha duración de 24 meses, o programa abarca un amplo abano de temáticas con relación á dixitalización de pemes, autónomos e emprendedores: traballará na estratexia e cultura dixital; a relación co cliente: visibilidade e comercialización; procesos internos; novos produtos e servizos e seguridade informática. 

A iniciativa apoiase nunha estratexia que combinará unha oficina física permanente nas instalacións do Inorde en Xinzo e unha oficina itinerante, con estancias semanais en municipios de todas as comarcas ourensás. Ademais, establecerase unha oficina virtual, aberta 24 horas ao día os 7 días á semana e que combina un sistema de “chatbot” conversacional cunha interacción dentro dun contorna web tipo ou mediante a recreación dun espazo de realidade virtual 3D.

AcelerOU, que se integrará na mencionada Red de Oficinas Acelera Pyme para entornos rurais, naceu co respaldo de concellos de toda a provincia e axentes colaboradores en diferentes ámbitos, coma a Universidade de Vigo, entidades potencialmente demandantes de tecnoloxía -CEO, Confederación de Empresarios de Hostalería, Consellos reguladores, …-; vencelladas ao coñecemento e a oferta tecnolóxica -Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), o Clúster TIC, a Tecnópole…-; entidades autonómicas de apoio á innovación coma a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), así como asociacións de desenvolvemento rural e entidades enfocadas á muller, coma a Asociación Galega de Mulleres Rurais ou Executivas de Galicia.